leoeosseus

xoves, 30 de abril de 2009

Trinta e un meses ( e tres días )


As augas aínda non foron ao sitio pero hai que actualizar por ese sol que é o Leíño.
Cada vez está máis simpático co ese falaricar que ten que é mistura de galego, español e extraterrestre que vou denominar " leíñés ". O outro día probou na festa da lamprea " pelos de azucre " que é como lle chama ao algodón de azucre. Tamén o outro día recibiu un bico da nai nunha meixela e rapidamente limpou a cara, recibiu outro bico na outra meixela e volveu limpar. A nai preguntoulle porque se limpaba e Leo dixo que estaba sucio. " De que ? " preguntoulle a nai e o Leo soltou: " Sucio de amor. "
E con detalles así imos liberando bo humor e sorrisos que non nos sobran.

Etiquetas:

martes, 14 de abril de 2009

Non puido ser

Non somos ninguén e non temos poder ningún e así Xiana decidiu non quedarse connosco e deixarnos tristes.
Tivemos que dicirlle ao Leíño que mamá xa non tiña unha nena na barriga como pensabamos senón que saiu unha bolboreta. O Leo púxolle o color rosa á bolboreta e o seu destino: o ceo e así agora voará ceibe.
E agora desculpa se non escribo nun tempiño.
Graciñas anticipadas polo cariño e os comentarios de apoio.

Etiquetas:

xoves, 2 de abril de 2009

O Leo e o consumismo


O Leo vaise integrando neste mundo de consumismo. Onte estaba no coche; recolleu o pantalón, puxo as pernas ao aire e dixo: - Leo no ten pelos a perna. Eu díxenlle: - Non. E el retrucou: - Hai que " compar ".

Etiquetas: