leoeosseus

sábado, 7 de agosto de 2021

Paso a wordpress

Como non podo subir fotos ao blogo cambio a wordpress.

http://leoeosseus.wordpress.com/

 

 

 

sábado, 31 de xullo de 2021

Fin de Ldn

 

Rematou a estadía en Ldn. Este ano o tempo non acompañou e facía aire cando non estaba anubado. Demos paseos e fixemos terraceos na de Bruno coas súas cervexas artesás. Ceamos pizza de Stephan e un día xantamos no Pinela e outro no Bahía. Quedaron o Peralta e As Marías sen probar. O Valladares xa non ten comidas así coma O Carlete. Todo vai a menos. Cruzámonos con xente diversa coma o que levaba a chaqueta vaqueira con " God don't pay the bills " escrito, ou o avó co nique do Sahara do rivés e os calcetíns " Fuck off ". Supoño que non saberá o significado. A cadela correu pola area cando non había xente e Leo xogou ao fútbol canto quixo. Eu rematei " Vicus Afastado " e non me gustou. Daba todo masticado e con datos que sobraban coma os "16 grados positivos" ou con palabras con significados ampliados coma "apañou o móbil". E o final foi un churro digno de película B.

E poñería fotos pero blogger non me deixa. Como siga así terei que mudar de plataforma. 💨

Etiquetas: ,

sábado, 24 de xullo de 2021

Marxinada


 

Mañán vai vir a avoaM xantar aquí. Voulle dar a aperta que lle negan o seus veciños. Téñena coma apestada.

Etiquetas: ,

martes, 20 de xullo de 2021

Certificado e mal tempo

 

O sábado tiña a cita para a cuarta vacina así que fun alí coa xuventude de trintatantos anos. Cando me sentei diante da enfermeira díxenlle que non me vacinaba que xa estaba vacinado. Expliqueille o problema e mandoume ao coordinador que trataba temas desa índole. Expliqueille o caso e alá fuchicou no ordenador e díxome que xa estaba amañado e deume o certificado da vacina antiCovid.

Cando voltaba para casa parei a fotografar o canastro este por riba da estrada pero detrás había unha cabaceira e unha meda e un trebello no lavadoiro que debe de ser obra de algún fedello.

 
Á tarde fomos a Ldn, descargamos e fomos á praia que facía bo día. Ese día non mirei ao señor José pero ao final mireino. Agora gasta caiado e non ten a chalana na auga. Alá foi o último mariñeiro de Vlrñ !

 

O domingo xa fixo mal tempo e o luns tamén así que tocou pasear. Descubrín que Vlrñ e Ldn van a menos con negocios pechados. Tamén descubrín o monumento adicado aos olímpicos de Ldn e este monumento da foto adicado ás palistas da zona.


Tivemos ocasión de ollar un arroaz a escasos metros da beira. Foi un espectáculo que nos abraiou aos escasos paseantes do día.

Esta semana semella estar de mal tempo así que estaremos na casiña de sempre. Espero que para a semana Xela siga enterrando cousas na area e Leo poida botar pachangas cos amigos da praia. Tamén teño ganas de seguir comendo fóra da casa e probar novos locais.

Etiquetas: , ,

sábado, 17 de xullo de 2021

Mirabeis e outras cousas non tan dóces


 

Hoxe fun polo taller pero non para arranxar un coche senón para apañar mirabeis. Están no punto e encántanme. Como aos veciños de enfronte.

O que non está a punto é o meu historial clínico. Non consta a segunda vacina que me puxeron e que me deixou tirado un día enteiro. Fun á farmacia e ao centro de saúde e non aparecía a segunda vacina. Na farmacia dixéronme dun sitio onde fan PCRs sen baixar do coche por 30 euros e co resultado en vinte minutos. No centro do saúde déronme unha cita telefónica coa miña médica alá para o 30 e un formulario para reclamar no Sergas. O que vou facer é ir mañá ao IFEVI que teño cita para vacinarme ( a cuarta xa! ) e contar o caso a ver se teño sorte e me anotan como vacinado sen poñer a terceira dose. A ver.

E mañá empezan as vacacións en Ldn, que non en Vlrñ.

Etiquetas: ,