leoeosseus

Wednesday, 25 July 2012

Décimo terceiro mes ( e máis un día )


O tempo corre que dá gusto e aquí temos a xoubiña facendo unha das súas especialidades: darlle aos botóns. Xela avanza mui rápida nas súas destrezas. Saúda coa man, pide as cousas co dedo, colle e devolve cousas na man e anda dun lado para outro explorando e se carrexa algo, millor que millor. Gústalle saír e estar con xente. Pasou uns días mui malos por unha moa de atrás de todo e, falando diso, non sei exactamente cantos dentes ten. Diante ten sete e moas polo menos ten esa que a fixo sufrir.
Dorme ben e segue coa teta. No comer está entrando polo aro coa fruita e gústalle a pasta. Tamén lle gusta o pan e as galletas.
Eagora deixo de escribir que teño un camiño por diante que facer para estar co ela e co resto da familia, claro.

Labels:

Tuesday, 24 July 2012

Seudovacacións



Hai que aproveitar estes días de calor en zonas costeiras, tranquilas e de postal.



Desfrutar da comida e da compaña.



Notar os cambios como a construción dun novo porto agora que case non quedan mariñeiros ou decatarse de que desapareceu a chalana co nome de Xela comida polo lume de San Xoán.


O malo é que eu teño que ir e vir porque traballo.
En fin, bon biaxe para min e para o que me le.

Labels:

Friday, 20 July 2012

Mundo exterior


Levo uns días sen postear pero non penses que o vou deixar. O que pasa é que se xuntan varias circunstancias que me deixan apartado do ordenador e, loxicamente, non posteo nin comento noutros sitios e malamente accedo á interrede.
Os nenos van ben. O Leo leva uns días coa lideira de que quere ter unha mascota e di que ten un lucecú pero dalí a pouco di que non quere insectos e quere animais carnívoros salvaxes nunha gaiola. Tamén di que aquí nin é verán como di na tele nin é inverno cando é inverno que non neva. Menos mal que neste tempo tolo aparecen días para ir á praia e saltar olas ou pendurarse de barcas.
A Xela segue espabilando cun imán activado para meterse en situacións complicadas e caír ou atrancar dedos ou pés. Agora mesmo ten unha marca ao lado do ollo que semella unha nena maltratada. No comer segue con consumo mínimo e desgaste total que non para de andar dun sitio para outro e fuchicando en todo. Outra cousa que lle gusta é bailar mirando DVDs ou escuitando a radio.
E así vai todo: con momentos bos e momentos menos bos e para que mires que penso no blogo deixo a imaxe esta dun cartel ao rivés que hai que empezar a ler dende a esquina inferior esquerda. Menos mal que nese momento non estaba a conducir !.
Pois nada, a ver se posteo para a semana que vén.

Labels: , ,

Monday, 9 July 2012

O eterno ciclo


Pasan os anos e volve repetirse a historia: nenos da cidade como os segundos primos do Leo e Xela que pasan as vacacións na aldea dos avós e aprenden o que son os muiños, os regatos, as lesmias, os mexacáns, os saltóns, as caroucas ( como a da foto ) e máis novidades dun mundo distinto ao coñecido por eles.
Fanme lembrar aqueles veráns longos da miña infancia coa liberdade e as descubertas na aldea.

Labels:

Wednesday, 4 July 2012

Aínda aprendendo


Gústame aprender palabras e frases novas e así aprendín a semana pasada " poufeiro " que é un bebé oposto a como é Xela, ou sexa; poufeiro é un bebé fortoche, tranquilo e que apenas se move.
Tamén aprendín no choio a frase " aínda Dios non é vello " que vén a dicir que aínda hai tempo para que ocorra algo.
A ver se o da pintada da foto aprende máis vocabulario e de paso un pouco de educación para escribir onde é debido.

Labels:

Sunday, 1 July 2012

Noite de san Pedro


Hai tradicións que resisten malamente o paso do tempo e unha que se dá pola zona de Arbo é a de facer trasnadas a noite de san Pedro. As trasnadas consisten en " roubar " e trasladar cousas das casas alleas para unha zona típica como pode ser unha praza, unha fonte ou un adro dunha igrexa onde as vítimas pasan a recoller o seu sen dereito a queixa.
E así este ano viaxaron " misteriosamente " varias cancelas, tres chedeiras xa sen rodas nin estadullos, dous carretillos, unha escada, unha grade e un coche de paseo de neno. Iso foi o que retratei esta mañá que supoño que a mañá anterior haberías máis aparellos na praza de Barcela en Arbo.
Xa sei que me repito nalgúns posteos pero isto vivino nos anos mozos e lémbroo con alegría.

Labels: