leoeosseus

domingo, 29 de decembro de 2019

Centésimo segundo mes ( e mais cinco días )


Co esta leria do Nadal estou nas verzas e esquezo o mesario da nena. E iso que sempre fai medio ano no Nadal !.
Este viulle completiño cun Rubiks Race, un coche teledirixido e un xogo da Nintendo aparte de dous para compartir con Leo.
Ela estaba contenta porque eran parte das ducias de xoguetes que marcou nunha revista. O máis enternecedor é que pedía preguntándome a min para xogar os dous.
Pero Xela non só pensa nela para pedir; ten bo corazón e nunha carta pediu a paz mundial, salvar da extinción os animais, acabar coa fame en África e dar cartos a tódolos pobres. Isto  pediullo a Papa Noel e os Reis Magos pero necesitarían a axuda do Apalpador e sobre todo Donald Trump para semellante encomenda !.
E así segue ela; activa e coas súas lideiras.

Etiquetas:

domingo, 22 de decembro de 2019

Detrás das luces do Nadal


Detrás das luces do Nadal hai penas e alegrías. Hai selfies de emigradas que voltan á casa coma no anuncio de toda a vida. Hai lembranzas xurdidas de contedores volcados polo vento coma aquel que foi o único que volquei hai trinta anos para alimentar a un can esfameado coa pata rota e o óso xa seco a asomar pola perna inútil. Hai escuridade por avaría e a lembranza daqueles apagóns que inzaban así que soplase un pouco de aire.
Perodetrás desas luces sempre hai ese regusto de alegría e calor da xente querida que nos enche o corazón e o desexo de que se aclaren os malos rollos que sempre hai.
Supoño que esas luces tratan de lembrarnos isto.

Etiquetas:

venres, 20 de decembro de 2019

Toca renxer


O que temos temos que renxelo ou xestionalo. Así se hai pouco palés ou bateas no choio hai que ver o produto que ten prioridade. Se temos uns cartiños teñen que dar para axudar a unha familia que lle ardeu a casa e para mercar lotaría. Se un cai polas escaleiras ten que traballar co outro lado do corpo. Se Elsa che rompe un paraugas, Fabián obrígache a mercar outro. Se non chega un a tempo a unha actuación sempre quedan vídeos doutras persoas.
E así todo.
Que renxas ben estas datas !.

Etiquetas:

xoves, 12 de decembro de 2019

Mudou o aguinaldo


Este ano mudou a cesta do aguinaldo. Hai menos viño e menos aceite, o cava é valenciano e non hai turrón duro pero si de xema, brando e de chocolate. Hai un surtido de polvoróns e manteigados e apareceron trufas, pralinés belgas, un queixo de ovella no canto do de San Simón e un salchichón ibérico.
Non hai queixa.
Onde si hai queixa é no profesorado que hoxe fixo folga para reclamar a volta ao número de horas de traballo de antes da crise. Tamén hai queixa polo ratio ou número de alumnos por aula.
Téñeno difícil para conseguilo pero aí queda a protesta.

Etiquetas:

domingo, 8 de decembro de 2019

Sábado de competicións


Xela onte tivo competición de Ping- Pong e mentres xogaba eu folleei un libro da historia do Ping- Pong e non me resistín a fusilar esta foto dun anuncio de 1902 de Ping- Pong.


Tamén aproveitei para ir camiñando a mercar unhas cousas. Crucei a vía e fotografei o camino que seguía eu de mozote para bañarnos no río Louro no Peirao. Das tres digamos praias do río Louro: A Fos, O Solombo e O Peirao, xa non queda ningunha; as ampliacións de estradas e a contaminación acabaron co elas.


Para contrastar a falla de cor na foto anterior retratei este xardín que non coñecía.


No descanso para o xantar Xela quixo retratarse no Polo Centro, ese lugar de Vilaguindastre único no mundo onde coinciden pingüíns e osos polares.


Pola tarde fun con Leo a Tomiño onde fixeron o que puideron contra os que van primeiros da liga.

Etiquetas: , , ,

venres, 6 de decembro de 2019

Famileando



No final deste novembro tan chuvioso que pasou chegaron os curmáns de Mallorca para romper a monotonía. O viño da foto fixo reconciliarme co Mencía e aprendín o que é a bágoa do viño, o viño que sae da prensa por si só de maduro que está. O debuxo da etiqueta é sinxelo pero con misterios como a fantasma que resulta ser un lagarto co rabo cortado.
Os curmáns visitaron as luces de Vigo e deron unha volta pola Ribeira Sacra da man dos Arribeirados que lles fixeron cruzar un regato salvaxe descalzos e sen pantalóns.
E agora entrou decembro e un descanso da chuvia pero con frío.
Toca tempo de Nadal e xa temos a casa coa árbore, os penduricos e pegatinas.

Etiquetas: