leoeosseus

Tuesday, 29 March 2011

Cincuenta e catro meses ( e dous días )


Luitando contra Morfeo puiden acercarme ao ordenador e postear isto.

Na foto está Leo cun dos seus xoguetes favoritos: un pau. Este da foto era grande e xogaba a ser un pastor. Cun pauciño pequeno escribe números e letras e fai camiños nos parques infantís mentres outros nenos brincan dun aparello a outro. O Leo divírtese coa imaxinación e inventando historias con calquera cousa ou falando como o faría unha profe. Segue fascinado polas letras e números e enreda co eles.

De cada vez fala millor os dous idiomas e vai corrixindo a súa pronuncia infantil e simpática e, por exemplo, desaparecen as " gomimolas " ( por gominolas ). Conta ben pero despóis do dezaseis só sabe en galego e aínda di " nesitar " por necesitar.

Leva uns días cunha " plasti " para corrixirlle unha deda dun pé que quedaba debaixo doutra e vai corrixindo a posición rapidamente.

Está contento coa pronta chegada da irmanciña ( a mediados de xuño ) e di que lle vai ensinar todo o que sabe e a conducir tamén.

Hoxe foi todo contento para cama porque mañá ten unha excursión e preguntoume se eu ía de excursión no traballo. O que me fai lembrar que teño que volver para cama.

Labels:

Wednesday, 23 March 2011

Actualizando

Levo uns días sen escribir e a culpa, para que negalo, é a falla de inspiración. A iso hai que sumarlle o cambio de horario no traballo que me ocupa boa parte do día e que fai que lle lea contos a Leo na cama e remato durmido coma un bendito. Cando esperto o menos que me apetece é porme co ordenador así que vou á cama sen actualizar e apenas toco a interrede.


Iso si, todo segue o seu ritmo e así a nena vai progresando na súa burbulla.


Pasou o día do pai co fermoso agasallo de Leo.



Non foi un tsunami nin unha guerra no mundo árabe pero, desgraciadamente, a miña cámara de fotos morreu.











Pero, a pesar de todo, seguirei co blogo como a poética promesa escrita nunha porta dunha casa abandoada.





Labels: , ,

Wednesday, 9 March 2011

Entruiando


Na miña etapa norteamericana non puiden disfrazarme cando coincidían estas datas naquel país tan pouco festeiro así que me propuxen dende aquela disfrazarme sempre que puidese anque fose unha hora. Este ano fun de super heroi vingador o sábado pola tarde e de bruxa o domingo e aínda acañei coa vasoura a unha veciña de Arbo. Non foi muito pero é algo.
O Leo foi de Pinocho, Bob Esponxa, gato e pallazo e desfrutou máis ca o ano pasado.
A ver que tal é o ano que vén.

Labels:

Tuesday, 1 March 2011

Reino de tellados e pombas


Unha área de traballo que cubro agora é o reino dos tellados e pombas e unha das funcións nada agradables que teño é limpar a cachicha que acumulan estes animais.
Eu trato de axotar as pombas pero é angueira inútil tendo como teñen aquí acubillo e comida a fartar. O outro día levei unha sorpresa cando mirei unha delas ben mantida e lustrosa cun peteiro groso e unha anilla verde nunha pata. Pregunteille a un compañeiro que ten unha pegatina dun club colombófilo no coche e explicoume que debía estar cansa dunha solta que fixeron en Portugal de pombas viaxeiras. Contoume máis cousas e collinlle ata algo de cariño ao raio da pomba. Pensei que só ía botar dous ou tres días para recuperar forzas pero xa levaba aquí máis dunha semana. Dei en pensar que estaba ferida ou perdida e sentín mágoa pero o compañeiro alegroume un pouco. Díxome: " - Nin está cansa nin nada. O que pasa que está farta de competir e sacou unha novia aquí que xa a mirei carretando pauciños; chámalle parva ! . "
Pois só me queda dicir que lle dure anque teña que limpar unha pouca máis cachicha.

Labels: