leoeosseus

Saturday, 30 June 2012

Xente nova



O outro día estivemos a falar no choio de xente nova con pouco sentido como aquel que cando chove pon neumáticos para chuvia na moto e non pensa no seguro e doado que sería reducir a velocidade. Ou como aqueloutro que tiña caídas e golpes con motos e coches e na empresa dixéronlle que como collese outra baixa chimpábano. E que fixo o tal iluminado ?: no último golpe foi traballar con colarín e os brazos escaiolados que parecía un robot traballando. Ao final ese chaval conseguiu o que quería e morreu na estrada.
A quen parece que non lle vai acontecer iso é a Lucas, un rapaz condutor da excavadora da foto de arriba que a pilota a grande velocidade e dá curvas e sobe e baixa con ela coma se fose unha moto. Digo que non lle vai pasar nada porque puxo de amuleto protector un Xesuscristo na parrilla do motor como se apreza na foto de abaixo.
Nada novo como se ve: unha imaxe digna da Galicia profunda.

Labels:

Wednesday, 27 June 2012

Paz e cornetas


Hai dúas horas Vilaguindastre estaba paralizada coas estradas e beirarrúas libres de xente e coches a circular.
Agora escúitanse foguetes e cornetas.
Que pasaría ?. Ah, xa caio, a xente fixo caso do alcalde que pedía apoio para a selección española de fútbol hoxe.
Como se lle fixese falla máis apoio !.
Agora a ver quen é o guapo que dorme para madrugar mañá.

Labels:

Monday, 25 June 2012

Xela na praia de Patos


Cun ano e un día Xela tivo a sorte de ir á praia por primeira vez. Podería ter desfrutado máis pero hoxe levou un xeringazo e botou o día protestando. A auga estaba fría para ela ( non para os maiores que entramos sen problema ) e o terreo non é mui bo de andar cando alguén leva un par de semanas andando pero ela pasouno ben igual. Gustoulle ver as olas e tanta xente facendo cousas distintas e notar a area que engulía os seus peciños e ata parecía gustarlle a auga salgada na boca que se relambía. Chapaleou un pouco na auga dunha poza que lle fixemos e xogou con algunha alga e a pa de plástico.
O Leo tamén desfrutou saltando olas e xogando con algas e os cacharros e comeu bastante que semella que a praia abre o apetito. Xela non, nin con esas; ela non come nin á de tres.
Esperemos que haxa máis días de praia que aquí nunca se sabe.

Labels:

Sunday, 24 June 2012

Primeiro ano



Hoxe fixen o meu primeiro aniño como me gusta mostrar co meu dediño a quen mo pregunta e cando eu quero, claro está. Onte non fun ás fogueiras, nin roubar cancelas, nin comer sardiñas pero gocei da actuación dos Cantajuego en Pontevedra. Hoxe erguinme con gañas de festa ás oito da mañá, logo da tetiña tocou xogar co meu pasatempo favorito: encaixar uns paus nun buraco, berrar para que mos saquen e volver encaixalos. Despóis meu pai levoume mercar pan e rosca e logo quedei durmida na casa ata a hora de viaxar a Arbo. Alá xantamos todos e houbo candea de aniversario que sopraron a avoaM e a bisavoa Celia que están de aniversario no mesmo día. Despóis gocei dos colos, das galiñas e das camiñadas diante da casa. Máis tarde tocou durmir unha sesta que a tarde ía ser longa e cando espertei xa estaba meu irmán Leo nunha piscina pequena desfrutando da auga. Sacáronme a roupa e puxéronme un gorro e alá me metín eu tamén. Chegou a merenda e o resto dos invitados e os agasallos: unha moneca coa súa silla de paseo, dous contos, unha casa con figuras para encaixar e un chándal. Tamén Leo recibiu algúns agasallos por rematar o seu curso. E pasou a tarde comigo brincando dun lado para outro e sen querer saber para nada da torta de chocolate.
Agora estou durmindo coma unha bendita que ben o merezo.

Labels:

Thursday, 21 June 2012

Ourizos cacheiros


Hai un mes falaba Aldabra do caso dunha gaivota que fixo o niño na beirarrúa do aparcamento do traballo. Non sei como seguirá o asunto pero nese momento foi unha nova ben curiosa para min.
E aquí na Torredocaminho onde traballo eu apareceu un ourizo cacheiro grande haberá un par de meses que pasea polo almacén con tranquilidade e sen medo dos humanos. Hoxe descubrimos que o tal becho non é cacheiro que é cacheira e que ten dúas crías polo menos. Unha está retratada na man do xefe e así saiu que non se me deixaba fotografar.
A ver canto dura esta curiosa familia. Por parte do xefe non hai problema que seica estes animais cazan ratos e nunha fábrica de alimentos animais teñen traballo abondo.

Labels: ,

Tuesday, 19 June 2012

Graduación


O tempo voa e o Leo gradúase en infantil e pasa a primaria. Houbo orla, entrega de diploma e todo ao estilo universitario de película. A antiga profe Maite tivo o detalle de vir e repartir detalliños entre os seus alumnos. Tamén houbo algunhas actuacións de alumnos xa que non a houbo polo día das letras galegas e Leo e uns compañeiros bailoron por libre a canción " Ai, se eu te pego ". Ao final houbo popurri de cancións de verán bailada polo profesorado e cunha rega incluida do " bombeiro " e conserxe do cole Raúl. Despóis tocou merendola e retirada.

Labels:

Thursday, 7 June 2012

Primeiros pasos

A semana pasada Xela atreveuse a dar algún pasiño despistada pero onte comezou a dar os seus primeiros pasos de verdade. Quixemos gravar o acontecemento pero de momento non o conseguimos plenamente.
Aquí deixo un minivídeo con algún paso de Xela e a sorpresa de Leo.

http://youtu.be/HwzW_-sI_Oo

Labels:

Monday, 4 June 2012

No país das formigas



Esta fin de semana pasada tocou viaxe ao país das formigas que non é outro que Madrid porque nacen formigas veloces pola calor en todas partes. Quedamos na casa duns amigos despóis de percorrer avenidas de peseta, de euro, rúas de calderilla, etc, etc. Pasou do bo e do malo e así disto último foi que quedei sen a tarxeta do banco que ma tragou un caixeiro automático no centro comercial Islazul nada máis chegarmos, que o servizo de camareiros da voda era malo, que Xela pasou muito calor e apenas comeu e que tivemos unha longa viaxe de ida e unha máis que pesada volta de viaxe con muito sono. De bo foi estar con amigos e lacarear sobre mil cousas ( como o italiano que sabe a hora con levantarlle os collóns ao burro ), cear fóra, ir ao zoo e mesmo xogar á wii. Tamén foi bo volver ver familia e mesmo membros novos e ver como Leo xogaba cos seus primos segundos no futbolín e ás carreiras. Leo tamén desfrutou do zoo á súa maneira que quixo mirar a exhibición dos golfiños dende a galería de debaixo da piscina. Tamén lle gustou o bebé de orangután e o tabeirón aparte de atopar personaxes da tele como pingüinos, lémures, tigres, leóns e xirafas. Tan ben o pasou que hoxe non quería ir ao cole e dicía que non podía ir que tiña os ollos cheos de lagañas.
E agora toca a rotina de sempre.

Labels: ,