leoeosseus

domingo, 24 de febreiro de 2013

Vixésimo mes


Aquí temos á macaquiña co seu sorriso pillo. A nena prospera en todos os aspectos. Vai comendo algo millor ( que o demo sexa xordo ). Na guardería relaciónase ben e aprende a dicir " bío " que é " mío ". Aprende muitas palabras e onomatopeias e así di " tui " ( azul ), " malo " ( amarelo ), " lasa " ( laranxa ), etc. Di " teta " pero pode referirse á da nai, a unha galleta ou á orde de " senta ". Gústalle o mando da Wii e quéreo sempre: " mano ". Cando quere beber pide " acua ". Gusta sinalar partes do corpo " ollos ", " risz "( nariz ), "tota "( boca ), " tetez "( dentes ), " quixo "( queixo ), " llellas "( orellas ), " titos " ( chichos ), " man ", " cu "," pe ". Dá as gracias cando dá ou recibe algo: " gátaz ". E hoxe dixo un nome simpático do bombón: " papón ".
Co Leo lévase mui ben e trata de imitalo en todo e de xogar co que xoga el. Tamén ten ciumes e se a nai colle a Leo no colo alá vai Xela pidindo " lolo ".
É inquieta e tanto quere mirar a tele " lele " como apagala. Despóis pode querer abrir a pecera e tratar de pendurarse dela ou subir banquetos ao sofá para sentar ela arriba ou prender as luces da casa " luis " e abrir portas " pota " ou " peta ".
É ordeada ao seu xeito e quere gardar o abrigo e os zapatos seus e os do irmán.
E segue a conta !.

Etiquetas:

martes, 12 de febreiro de 2013

Sen currumiños


O venres pasado Leo desfilou pola parroquia cos compañeiros de cole e Leo ía cun arco de vella, un sol e unhas nubes no traxe porque a xente do cole ía de algo relacionado co ciclo da auga. A Xela tocoulle ir de pintora artística na guardería ata que se meteu no coche e rompeu o disfraz feito de plásticos. 
O sábado foi Leo nunha comparsa de policía de Lego e hai que recoñecer que lle acaía mui ben o uniforme de policía. Eu fun de coella preñada para non pasar frío e fixen ben que ese día arrefriou muito o tempo.
E hoxe a ver quen era o guapo que saía de currumiño co esta poalleira e este frío e unha alternativa que escollemos  foi ir ao cine. Fumos mirar " Rompe Ralph " e estivo ben. Bueno, empezaron co corto de "Paper man " e logo foi o turno da película onde o protagonista é un malo nunha máquina de xogos desas de moedas e quere gañar unha medalla e ser bo e percorre varias máquinas de xogos. Estivo ben e no final, cando acenderon as luces, muitos adultos tivemos que secar algunha bágoa que nos baixaba pola faciana.

Etiquetas: ,

mércores, 6 de febreiro de 2013

Pequenos desastres


Hai épocas para todo e parece que nesta casa estamos pasando por unha mala racha. Os nenos cain enfermos, o maleteiro do coche non abre, o edificio solta cascallos e agora a cámara só fai fotos con raias. Definitivamente teño mala sorte coas cámaras: paso dunha que morreu facendo fotos fantasmagóricas a outra que rematou facendo as fotos sobreexpostas a esta que morre facéndoas con raias como se houbese unha veneciana no medio.

Etiquetas:

venres, 1 de febreiro de 2013

Dúas " lerías "


O Leo ten momentos complicados e outros grandiosos polas súas ocorrencias. Vou contar as dúas últimas.
Nunha ocasión dixo Naideleo: " Vou tomar un café para entrar en calor ". Leo oiu iso e botouse a rir. A resposta que lle deu á nai cando lle preguntou por que ría foi esta: " Eu cando teño frío poño unha chaqueta ".
Outra ocorrencia do Leo foi esta: " Eu sei en que se diferencian os homes das mulleres. Os homes teñen piroliña e as mulleres teñen dous cus ".

Etiquetas: