leoeosseus

martes, 29 de xuño de 2021

Por que hoxe é san Pedro


Ese é o motivo de que a praza de Barcela estea adornada con tanto testo que se " moveu " milagreiramente esta noite.

Non é como antes que había carros e grades pero algo é algo. Para aprender máis da noite de san Xoán e de san Pedro recomendo este vídeo de Orgullo Galego con Rafa Quintía.

Tampouco o tempo semella desta época con este aire fresco e estas temperaturas suaves. A semana pasada houbo algún día de lume co aire cheo de formigas voadoras. Hoxe onde irán elas ?

Etiquetas:

sábado, 26 de xuño de 2021

Décimo ano ( e mais dous días )


A xoubiña fixo os dez anos. Sacou mui boas notas ( e Leo tamén ) e xa recibiu algún agasallo coma un albornoz de praia e un cinto de Pokemon. Non sei cando celebraremos a festa cos amigos que ten que ser pequena porque o becho aínda anda solto. Come pouco pero agora ten a escusa de que lle van caír tres dentes e ten unha afta. Pórtase ben e é intelixente e non vou gabala máis.

Tardei en escribir porque o 24 foi cando me vacinaron e pasei a tarde a durmir e pola noite fun ao choio. No choio entroume de cada vez máis cansazo e onte xa botei todo o día na cama. Erguínme á unha para beber e botar unha mexada e volvín para cama ata as nove e media que me erguín e ceei para ir ao traballo e curiosamente, á medida que avanzaba a xornada laboral topábame con máis forza. Na cama non durmín que daba voltas e máis voltas e tiña dor de cabeza ata que tomei Espirifen. Non tiven febre nin nada especial só que estaba mallado de todo.

Estando eu vacinado xa entro en outra fase e máis dende que hoxe deixa de ser obrigatoria a máscara ao ar libre.

Etiquetas: ,

luns, 21 de xuño de 2021

Rematando o curso


 

Semella incrible pero mañá remata o curso escolar dos nenos. A imaxe de Xela entrando pola fiestra vai tardar en repetirse. Mañá Xela levará lambonadas para os compañeiros xa que pronto está de aniversario. E o Leo irá ata o monte da Risca para xantaren todos os compañeiros xuntos. As notas dos dous son mui boas e merecen unhas vacacións lonxe das máscaras e os horarios estritos.

Por outra banda fun a Abanca pagar o comedor de Xela e quedoume a libreta a dous renglóns de rematar e pedín unha nova e díxome o caixeiro que non ma daba que ma cobraba que tiña que rematala de todo. Saiume do corazón e díxenlle que se pasaban cobrando por todo e despois inda tivo o atrevemento de ofrecerme un seguro para o coche. Vai aviado comigo !

Tamén pedín unha cita médica por teléfono e atendeume unha máquina e case colgo o teléfono que non me entendía ás veces. Con sorte atenderame unha sustituta dentro de nove días e por teléfono.

Creo que imos cara ao desastre total.

Etiquetas: , ,

sábado, 19 de xuño de 2021

A cara descuberta


Os tempos de mirar a cara da xente van volver ! Falta unha semaniña para que se poida ir a cara descuberta pola rúa. Seguiremos co tapabocas no interior e no exterior se hai muita xente ó redor pero xa será outra cousa. Así un compañeiro do choio xa levou as dúas picadas e agora xa se ducha no choio que antes fuxía da xente coma de apestados.

Semella que todo vai collendo o seu xeito menos o tempo que agora está chuviñento como de primavera.

No xardín temos a segunda rolada de rolas e son dous pelachiños que aínda nin abriron os ollos. E así lembro a rola engaiolada no choio que leva varios días querendo fuxir. Quen sabe se non ten unha rolada que criar !

Etiquetas: ,

martes, 15 de xuño de 2021

Varias cousas


Vai calor e rematan os días treboentos. Os nenos están rematando o curso e con boas notas. Naideleo xa ten a segunda dose da vacina e a min creo que me chaman para a semana. Falan de quitar os betillos andando polo exterior...oxalá !

E La Coz de Galicia vende un libro en español dun escritor galego mentres Danone promociona os seus produtos en galego.

Nada novo neste mundo !

Etiquetas: ,

venres, 11 de xuño de 2021

Precisamos cores


 

No choio botaron ao xefe. Non daba feito. A fábrica é vella e chea de remendos e somos poucos e a metade deles aprendendo aínda. Non sei como fará o novo xefe que empeza o luns pero seguro que hai cambios e algún poderá ir ao paro e ninguén está libre.

Menos mal que está o veciño xubilado para darlle cor ao ambiente.

Etiquetas:

luns, 7 de xuño de 2021

O futuro negro está aquí

 

 

Subiron os prezos da electricidade seica para consumirmos menos e distribuir ben cando prendemos os artefactos eléctricos. Unha mentira como outra calquera. Eu penso que é o principio dun futuro cada vez máis escuro onde haberá que pagar muito por cousas que agora son baratas ou gratis. Tamén haberá que pagar por circular por determinadas vías e os tempos de dicirmos que imos pegar unha volta ata tal vila ou tal sitio serán escollidos.

Blogaliza desapareceu hai uns anos e agora tamén blogia. Quen sabe canto tardará blogger en desaparecer ou ser de pago.

Na foto un home co seu vehículo a enerxía solar: aquilo que se miraba en Mad Max empeza a ser realidade.


 

Etiquetas: ,

sábado, 5 de xuño de 2021

De non ser quen

 
Non son quen de escribir no blogo cando traballo de noite e así posteo menos. Tamén un dos novos non foi quen de seguir o ritmo de traballo no choio e liscou. Era Alberto o palentino. Outro dos novos está de baixa por un accidente de coche. Non foi nada pero ten para un mes. Entraron dous no sitio deles e un semella activo e fino e o outro tivo mala sorte que lle toca no empaque e non é doado de aprender.
E a rola parece que volve chocar no  mandarineiro ( seica teñen catro roladas ó ano ) E Leo está cos exames e parece que vai ben e xa escolleu as optativas para o bacharelato. E Xela ben ( na foto está voando o papaventos que foxe de dous amigos ) E o tempo vai quentando ós poucos e fun de atrevido onte coa nena á piscina. A auga estaba fría, logo xogamos á leiriña ou paifillonai nos azulexos do chan e quedei relaxado total.
Para a quincena estou de mañá e serei quen de escribir aquí.

Etiquetas: , , ,