leoeosseus

sábado, 28 de abril de 2018

Octoséximo segundo mes ( e mais catro días )


Estou na verza !. Pasan os días e non me decato do mesario da xoubiña.
Pois nada. Aí che está a nena sen os tres dentes que lle caíron estes días. O que pasa é que non lle chistou o que lle trouxo o Ratiño Pérez e quería escribirlle unha carta e dicirlle que non lle deixaba máis dentes se nin lle deixaba o que quería ela.
Polo restante vai todo ben. Agora descansou do cubo Rubik e anda cun "Beyblade " deses chamado Anubion. Tamén debuxa e mándanos debuxos a todos nuns sobres feitos por ela cun folio reciclado e grampas.
Fala coa xente e o outro día ao rematar a obra de Tío Miseria por Fantoches Baj o dos monicreques preguntou a todos os nenos se sabían que era San Pedro e Xela dixo que non que non ía a clase de relixión.
E a conta segue.

Etiquetas:

mércores, 25 de abril de 2018

Prefiro os libros

 
 
 
 
O outro día peguei outra volta por Vilaguindastre e fotografiei o monumento a Óscar Pereiro montando a Galicia no canto dunha bicicleta.





Satisfixen a curiosidade de mirar as ruinas dunha casona por dentro.



 
 
Fixen varias fotos de detalles de Villa Xeiteiro.
 




 
E merquei unha rifa para mirar se me tocan alpacas valoradas en 5000 €. Fíxome graza iso de que decidise a cagada da toura o gañador.
 
E logo pasou o día do libro e viñeron os problemas co fregadeiro que pinga, o coche que non frea e o estrés coa carretilla no choio.
Dende logo que prefiro os libros.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de abril de 2018

Veño de Galicia


O outro día lin unha nova dunha rapaza malagueña Mari Roldán que non lle deixaban ser azafata por mor das tatuaxes que leva no corpo. Como ela non podía viaxar decidiu pintar billetes e que a súa arte viaxase por ela. E así fixo unhas artistadas que non sei como deixa circular.
Outros escriben mensaxes en billetes e outros cantan sobre a súa terra como Ricky Hombre libre co seu videoclip cheo de fermosas imaxes e boas palabras sobre Galicia e a súa xente titulado " Vengo de Galicia ".
Gózao coma eu o gozo.

Etiquetas:

martes, 17 de abril de 2018

Xela a fanarse

 
 

Xela está a perder os sachos de arriba. Xa lle caiu un e o outro abanea. Na parte de abaixo un cairo é o que tembelica no sitio e así está a nena a pouco comer e sen pechar a boca.
Agora está argallando todo o día co cubo Rubik que prefíreo a mirar a Tablet. Tamén debuxa as súas persoas con roupa floreada e nubes e montañas con virandelos ou muiños de vento e bandeiras. Pon a bandeira estadounidense e pregúntolle que bandeira é esa e dime " Barras y estrellas ".
En fin, estamos colonizados.


Etiquetas: ,

domingo, 15 de abril de 2018

Música no cinema



Hai un tempiño que non imos ao cinema. O Leo xa prefire outras cousas como xogar ao fútbol ou á Fifa18 ou ao Fortnite.
Pero hoxe foi distinto porque fomos pola mañá ao cinema para escuitar música. Tocou A Gramola Gominola, un grupo que toca rock e outras músicas actuais para nenos. Non estivo mal.

Etiquetas:

sábado, 14 de abril de 2018

14 de abril


Hoxe celébrase o día da república española que non está nada mal a idea de que algúns mantidos e parasitos buscasen choio coma o resto xa que todos nacemos iguais, nonsí ?.

Como facía bo día deume a arroutada e baixei a dar unha volta graaaande por Vilaguindastre.
Pasei polo túnel do " fantasma ".


Fun ata unha tenda de fotografía onde quixen refotar unha foto simpática dunha parella de noivos cunha gaita e unha pandeireta e a mensaxe " Casemos coma galegos " pero non fun capaz.

Andei, andei e andei e aprendín que cando non sabes que escribir millor é borrar parte do escrito.



Prohibido pegar carteles > Prohibido a arte.

Notei que a primavera está aquí coas cerudas e a súa saiva amarela que sanda.


Os pampullos multiplícanse.


Os favos das vespas asiáticas están á vista.



Logo volvín á civilización cos seus exemplos de enxendros en rotóndolas.


Menos mal que unhas peregrinas se desviaron porque despois de rir coa casa dos Xeiteiro seguirían rindo.


E despois non faltou o típico perdido que me pregunta por un sitio cada vez que vou camiñando anque esta vez o campo de fútbol polo que me preguntaba está a máis de tres quilómetros. Espero que non se perdera.

E isto foi o que deu este 14 de abril de 2018.

Etiquetas: , ,

luns, 9 de abril de 2018

Vernáculo


Vernáculo refírese ao que é propio dun país un dunha comunidade. Ao primeiro referíase a linguas pero extendeu o significado a costumes, arquitectura ou mesmo fotografía.
A fotografía vernácula é a fotografía feita por un afeccionado sen pretensións artísticas a un momento familiar ou cotián.
Aquí deixo esta fotografía vernácula dunha tampa dun pozo negro cunha inscrición vernácula sobre a opinión dos construtores cando remataron a obra: " Vai tomar polo kú " 2?-8-2005 José Tito.

Etiquetas:

domingo, 1 de abril de 2018

Blogaliza desaparece


Dáme a impresión de que todo o relacionado co galego está de capa caída e así vén a sumarse a pronta desaparición de blogaliza. O día 25 de abril elimina os contidos así que se tés un blogo ou sabes de alguén que o teña en blogaliza xa podes migrar para outra plataforma. Eu tiña este blogo de blogspot copiado en blogaliza pero entre onte e hoxe tiven que copiar o que tiña para canalblog. Esta plataforma está en francés pero é gratuita e doada de usar. Máis vale así que non eliminado. Ou sexa que:

Abur " Asegurándome de non perder ".

Ola " Para non esquecer ".

E que non sexa o un de abril para o blogo e vaia a onde non tiña que ir.

Etiquetas: