A semana pasada non estiven de humor para escribir así que facemos borrón e empezamos a conta nesta fin de semana pasada.
Collemos unha oferta de hotel e entradas no parque Warner de Madrid e tiramos para a capital.
O sábado chegamos pola tarde e quedamos cuns amigos de Madrid que nos acompañaron ao centro.
Pasamos de casualidade por onde vivía o ratiño Pérez.
Xuntámonos cos milleiros de persoas para mirar como encenden os adornos de Nadal do Corte Inglés.
Tamén estivemos no formigueiro da porta do Sol para ver a árbore de Nadal.
Os nenos demostraron a cordura natural e pediron todos que marchasemos daquela marabunta nun metro que dicían que non estaba cheo pero que lle chegaba.
O domingo amenceu soleado e fresco e alá tiramos para o Warner. A entrada no parking xa avisaba do que ía ser: unha marabunta de xente e pagar por todo.
Fomos á zona infantil pero os nenos non se animaban a subir en nada. Despois descubrimos o engano da facer cola de case unha hora para entrar no Bosque Animado dos Looney Tunes: un labirinto nunha nave onde nos pasaban dun a outro barriobajero disfrazado que nos facía cantar panxoliñas para prender o noso espírito nadaleiro.
Aínda e todo os nenos semellaba que o pasaban ben.
Tivemos sorte de ir cedo a xantar e libramos de facer cola.
Intentamos ir ao musical Jingle pero xa estaba o cupo cheo. Voltamos á zona infantil e fixemos máis de media hora de cola para facer unha foto con Piolín que non mercamos ( 14 euros tamaño folio ). Fomos á zona do Vello Oeste e Xela quedou a pintarse de linda gata. Os chicos fomos á casa de Scooby Doo que seica había pouca cola e que acabou sendo tres habitacións cheas de xente suando e hora e media que daba para ligar cunha loira para rematar baixando nun vagón disparando a dianas ( os que tiñan sorte de que a pistola funcionase ).
Logo xa decidimos que iamos dar un paseo para mirar que non daba tempo nin ganas para facer máis colas.
Para rematar na saída había unha aglomeración para admirar o espectáculo Las Luces de la Navidad que fixo chorar a Xela coa neve en forma de escuma que botaban.
Na entrada puxéronnos pulseiras para volver o día seguinte e Leo non quería. Aínda foi simpático mirar a chica convencendo a Leo de que era " solo un día más ". E logo a correr todos para o coche que saían todos ferro a fondo.
No día seguinte, luns, decidimos visitar Europa sen saír de Torrejón de Ardoz e isto xa foi millor que o parque Warner.
O parque Europa é gratis. Ten monumentos europeos a escala e algunhas diversións que son de pago.
Nós paseamos pola Torre de Belem, a ponte de Van Gogh, os muiños de Holanda, a porta de Brandenburgo, a Sereíña de Copenhagen e o Tower Bridge de Londres.
O curmán F. atreveuse a montar na tirolina que pasa por riba dun lago e encantoulle.
Entramos dentro da
muller xigante que debe de ser a novia do Gulliver de Valencia. O malo foi que Xela colleu medo. O simpático da muller xigante é cando pare o bebé que ten dentro que o fai coma se non fose nada.
O Leo, o curmán F. e o amigo de Madrid foron ao labirinto de pistolas láser e alí estiveron a suar e a correr. O Leo levou unha grande desilusión cando lle deron os resultados da batalla pero acabou pasándolle.
Rematamos a estancia nesas terras nun chiringo dese parque onde dan as cervexas sen vaso e a carne sen gornición.
Despois tocou a longa volta.
E con todo, pasámolo ben.
Etiquetas: viaxes III