leoeosseus

xoves, 31 de outubro de 2019

Aforrando regas

 
Levamos un tempiño con chuvias e poalladas que me aforra de regar. Faime rir unha empresa contaminante que me bota en cara que emprego facturas en papel. Vaiche boa !.


Son tempos bos para teatros ou cinemas. No teatro " A decisión de María " preséntanos a cuestión dos embarazos na adolescencia. Boa parte da cula é dos país que non informan e aconsellan aos seus fillos.


No cinema mirei a película " O que arde " que, con imaxes grandiosas e impactantes e silenzos que dan para matinar; trata o tema dun pirómano enamorado da súa terra, a súa nai e os seus animais e que odia os eucaliptos e os cambios na súa vida de sempre.


E así chegamos a esta noite de Samaín onde temos que recollernos e encender a cheminea para desfacer a humidade.

Etiquetas: ,

sábado, 26 de outubro de 2019

Centésimo mes ( e mais dous días )







Chegamos ao centésimo mes e non sei se seguir coa conta. O que sei é que non teño fotos de Xela nestas últimas dúas semanas así que poño fotos de principios de mes. Sai Xela tocando o piano que xa non toca a guitarra que lle mandan calcar cos dedos e non é capaz. Tamén sai coa súa amiga-vítima Elsa e disfrazada e de paseo diante dunha fermosa pintada.
Esta semana estivo queixándose por todo e achaba de menos á nai e a ver se lle pasa.

Etiquetas:

mércores, 23 de outubro de 2019

Encrucilladas e bornazas


O domingo houbo unha tronada sorpresa en Arbo e chegou a marchar a corriente uns minutos. Dixen que era bo momento para contar contos da Santa Compaña e iso fixo activar a memoria dos máis maiores e empezaron a falar dunha encrucillada onde se deixaba os restos da comida dunha persoa que tiña un mal para que os comera outra persoa ou animal  e así pasarlle o mal. Tiña que ir unha"  curiosa ", que é coma unha curandeira e dicir aquelas palabras que sabía ela para conseguir a cura.
Nunha oíra eu a palabra " curiosa " para ese concepto como tampouco oín a palabra " bornaza " que define unha néboa basta nocturna que dixo un compañeiro do choio o outro día.
Cantas cousas seguen quedando por aprender !.

Etiquetas: , ,

sábado, 19 de outubro de 2019

Folklore e teatro

 
Hoxe había o mal chamado I Festival Internacional de Folklore e non fun. Digo mal chamado porque en xullo de 2009 houbo un Festival Folklórico Internacional con representación polaca, mexicana e galega.
 

 
 
 
 

 

Si fun ao teatro que representaban a obra " Rutina " onde un matrimonio pasa o tempo botando en cara un ao outro o desastre da rutina na súa vida e os malentendidos e rematan sendo uns velliños que lembran con nostalxia aqueles tempos rutineiros.
 
Non estivo mal pero preferín " A compañeira de piso " que mirei en setembro. Dúas actrices profesionais  poñen en escea unha comedia onde unha muller tradicional de Ohio recibe na casa a unha inquilina neoiorquina cunha vida complexa e emocionante. A caseira remata sendo máis arriscada ca inquilina.
 


Etiquetas: ,

venres, 18 de outubro de 2019

Chuvias, flautas e libros


Nesta semana de chuvias empecei con catarreira e dor de cabeza. Para agravar o asunto Xela quería tocar a flauta... e aprendeu a canción " O himo da alegría " !; e todos os ensaios atureinos eu e a miña cachola.
O Leo recibiu unha alegría porque saiu o diario de Greg en galego por fin. Xa pasaron uns aniños de cando intentamos traducilo. E, seguindo con libros, eu conseguín o libro " Zocas e decibelios " do Raposo.
E así estamos: medios pechados na casa e a cadela apandando coas teimas de Xela.

Etiquetas: ,

sábado, 12 de outubro de 2019

Día da Pilarica


Neste día que celebran uniformes e bandeiras nós liscamos á outra beira da fronteira onde vai penetrando o idioma de todos os españois coas súas imperfeccións pero penetrando que é o de que se trata.

Etiquetas:

venres, 11 de outubro de 2019

Papuza



Pasa o tempo que mete medo e os morotes do monte veciño alédanme a vida. Tamén empezan a pintar as poucas mandarinas do mandarineiro da casa.
O que si me aleda aprender palabras novas como " papuza " que é a parte do pé dentro do círculo que sai na foto.
Busqueina na interrede e só sai coma un tipo de droga en Sudamérica. Probei a ver se era portugués " papuça " pero non aparece así.
E o que me queda por descubrir !.



Etiquetas: ,

venres, 4 de outubro de 2019

Rebiquete


O outro día saía un artigo falando da disminución de falantes de galego que é máis que evidente. Baixa o número de falantes e mesmo o número de persoas que o entendan e así haberá que espallar cartaces coma este de arriba por todas partes.
En cambio no choio teño compañeiros que falan galego e un hoxe dixo que estaba eu manchado de colorante no rebiquete do nariz; ese punto onde o nariz se xunta co bigote e que non sai en ningún dicionario.
Este mesmo compañeiro lembroume a frase para definir un asunto complicado: pintou a da cana verde.
Aquí deixo a foto do artigo.



Etiquetas: