leoeosseus

venres, 27 de novembro de 2020

Bonitas imaxes VS imaxes feas

 
 

Unha bonita imaxe é a do solpor con roibéns que vivín paseando a cadela o outro día. Tamén ía detrás del un fotógrafo que non o deu pillado.

O concello de Vilaguindastre estivo iluminado dunha cor especial polo día internacional contra a violencia de xénero. A imaxe é bonita pero o motivo é triste.

E a imaxe fea é a da actualidade coa xente limpando todo contra o becho mentres outros non coñecen o significado do café " take away " e tómano á porta da cafetería, fumando, rindo, coa máscara no queixo por se aparece a policía. Non dan aprendido.

En fin.

Etiquetas: , ,

martes, 24 de novembro de 2020

Centésimo décimo terceiro mes


 

A xouba avanza que mete medo se o paro a pensar. Ten un cerebro argallante que me abraia e tanto inventa avións de papel como debuxa con sombras para dar volume ou fai flipbooks ( debuxos nas follas que cando as pasas rápidamente dá a impresión de que teñen movemento as imaxes ). Non sei de onde as saca. Está claro que non é da comida que come coma un paxariño. E non vou gabala máis para que non lle manden un mal de ollo.

Na foto sai resolvendo Temple Trap último nivel.

Etiquetas:

domingo, 22 de novembro de 2020

Descubertas diversas

 

 


Onte facía bo día e fomos mirar como estaba unha cabana que fixera Xela máis un amigo no monte de Atios. Aproveitamos e demos unha volta polo monte e descubrín un penedo enooorme que descoñecía. Non ten nome. É o Penedo, así en maiúsculas.

Tamén descubrín, xa na casa, un youtuber que fala de ortografía e descubrín que despois de ! e ? non se pon punto que xa vai incluido no signo. Agora non vou corrixir por ese motivo todos os posteos que escribín pero procurarei escribir ben a partir de agora.

Quen non escribe ben é este do cartaz que " transpasa " no canto de " traspasa ". Os bares teñen que pechar a partir de mañá para coller as axudas do gobernó ou vivir dos cafés e comida para levar. Penso que deberían seguir abertos e recibir axudas igualmente para manterse activos e o local ao día. Non sei.

E tamén descubrín que o grandísimo Kiko Da Silva debuxa a actualidade nun periódico diariamente. Tratarei de seguilo.

Préstame descubrir cousas !

Etiquetas: , ,

venres, 20 de novembro de 2020

Novembro inusual


 

Seguimos coa mesma e nesta situación tan atípica coas cousas a medio pechar. Os bares e restaurantes seguen pechados ou venden café ou bocadillos para levar. Mesmo o Burger King só atende para levar e mirar dous vendedores a domicilio comendo no aparcamento resulta curioso. Tamén é difícil buscar onde facer as necesidades e hoxe tiven que ir a un monte.

Non se pode viaxar facilmente e así non fun a Arbo á morte dos porcos e ímola virando deste xeito; con poucos contactos e saíndo o imprescindible. Non é a situación de marzo e abril pero chégalle ben.

O importante é non caír enfermo do que sexa.

Na foto está Elsa, a gran beneficiada de que esteamos na casa.

Etiquetas:

domingo, 15 de novembro de 2020

Recollidos

 

 

Entre o tempo e as prohibicións non se pode saír muito. Toca recollerse e pasar o tempo como se poida: axudando a Leo cos exames e cociñando ou ir buscar comida feita a un local para axudar a pasar este feche case total.

O Leo tampouco o pasa mui ben e o outro día ocorréuselle afeitar un anaquiño de cella. Esperemos que non faga máis experimentos raros.

Esperemos que remita o mal tempo e a peste que nos recolle anque me dá na espiña que este ano o Nadal vai ser murcho de máis. De feito unhas amigas de Naideleo xa lle felicitaron o ano novo ventando que non se van mirar ata o ano que vén.

Será certo ?

Etiquetas: ,

mércores, 11 de novembro de 2020

San Martiño triste


 

Quixen recuperar o costume de mercar trompos neste día e facelos bailar e así o fixen. Mentres Xela estaba en música eu busquei algo de terra para facer bailar o pión e, despois de catro intentos, fun quen de facelo bailar. O simpático foi unha vez que fun collelo do chan e case trompezo e unha muller que ía nun coche debeu de pensar que estaba peneque.

Tamén merquei algún libro hoxe que non tiña que repasar con Leo os centros dos triángulos.

Este san Martiño é do ano da covidia, nome que leva o Becho nunha novela por entregas de César Lorenzo Gil ou  Biosbardia

Etiquetas: ,

sábado, 7 de novembro de 2020

Sobre bares e sanidade


 

Fun lavar a roupa do choio ao mediodía e percorrín ese Vilaguindastre case fantasmal polo tempo gris e os bares fechados. Restaurante Castro, Platinium, El Sol, O Lar de Lore, Pizzería Argentino 2, Hamburguesería Alhambra, Cafetería O Porriño, Scala, La de Chato, La Bici, Maracaná ( que abriu despois de pechar Rami no confinamento de marzo ), Pantera Rosa, Val do Louriña, A Capela, Club Gesma ( que non sei se pechará que hai obras e furgonetas alí ), Pensión Puente, Restaurante O Carreteiro, Churrasquería Pontenova, Alirón, Que Che Apetece ( que leva uns días con papeis nas fiestras coma se foran reformar ), Nuevo JJ, O refuxio do Peregrino e Meigas; todos fechados por un mes de momento. É triste pero necesario.

Como tamén sería necesario extremar  o control de residencias de anciáns que, despois dunha vida de traballo e cando merecen descansar morren coma moscas... e non van de cafeterías !

E non falamos das probas que ou non as fan, ou tardan (  coma este novo Blogger ) ou mandan o resultado negativo por mensaxe de teléfono a quen non fixo a proba. Verídico 100% !

Na foto sai o meu penúltimo café nunha cafetaría.

Etiquetas: ,

xoves, 5 de novembro de 2020

Apretando o gañote


 

Como estamos nunha das zonas vermellas de Galicia as restricións son maiores. E para mañá ( antes era ás tres da tarde agora creo que ás doce da noite ) haberá feche de bares e restaurantes. Tamén fecharán servizos non esenciais e así todos estanse a preguntar se o seu negocio é esencial ou non. A escola de música seguirá aberta porque entra no grupo de actividades paraeducacionais. Tamén seguirá o xadrez por ser deporte federado, seica. Pero non se pode apostar por unha semana ou mesmo por uns días que o asunto varía coma o tempo.

O que está claro é que non podemos visitar os avós de Arbo nin eles a nós. A avoaE tampouco virá xantar conosco os sábados ou nós co ela. Esta situación é mui triste para eles; a ledicia de mirar os netos queda suprimida.

Tamén a familia de Vigo está tocada que hai un achegado que deu positivo e o resto está a esperar o resultado das probas.

Nada, que pintan bastos.

Na foto, unha imaxe que tardará en repetirse.

Etiquetas: ,

luns, 2 de novembro de 2020

Conta atrás


 

Este becho non nos deixa e está o ambiente raro. Semella unha conta atrás para outro feche da xente na súa casiña.

Outros países tomaron medidas e hai autonomías que xa empezaron tamén. Ata o conselleiro de educación planea o ensino non presencial, con horarios e todo !

O dito;  é unha conta atrás como para a etapa ciclista que comeza o xoves no concello veciño.

Etiquetas:

domingo, 1 de novembro de 2020

Tempos morriñosos

No choio seguimos coa apurada. Van subir os prezos e os clientes non paran de pedir e hoxe temos que traballar pola noite. Xoves tivemos unha reunión e eramos vintetrés nun circo duns dez metros de diámetro. Semella un pouco ilegal pero é o que hai. Dixéronnos que somos equipo e que hai traballo, que nos falta organización e pór a xente eficiente en cada posto  e non eficaz que son cousas distintas.

Con respeito á casa procuramos saír pouco e Xela tallou o seu calacú para o Samaín e Leo fixo un excelente texto sen verbos. Eu asei castañas pero muitas xa tiñan becho. E fóra non deixa de poallar para dar máis tristura a estes días de defuntos.

Nin o toque de recollida nin os feches das cidades afectan á nosa vida normal.

Etiquetas: ,