leoeosseus

martes, 30 de marzo de 2021

Sempre hai algo que celebrar


Non houbo gran festa, nin xantar en restaurante, nin visita a un lugar bonito; pero soplei a candea rodeado de seres queridos.

Nestes tempos pouco máis se pode pedir.

Etiquetas:

domingo, 28 de marzo de 2021

Medran as terrazas


Fun mercar o pan e unha empanada. Tamén tomei un café co esta vista do exterior. Esta semana nótase que hai pelegríns e xente que anda en motos. As bicis tamén son muitas e as visitas a zonas naturais supoño que tamén. As terrazas en Vilaguindastre medran e ocupan espazos novos.

Que a xente aproveite estes días solleiros e esta liberdade xa que nós non podemos.

Etiquetas:

sábado, 27 de marzo de 2021

Desta safamos


Pois é. Os da PCR de Naideleo andaron lixeiros e déronnos pola mañá o resultado negativo. Foi un alivio para todos !

E a vida segue coas súas miudezas: un pedichón cun cartaz reflectante no que pon que admite comida e mais produtos de hixiene, unha nube de abellas no Lidl para susto dos taxistas e abraio dos municipais, e as paparotadas que se multiplican co bo tempo e así nas Maruxainas había un grupo duns oito ou dez homes comendo sen máscara nin distancia.

Como mostra a foto a Risquiña a esta hora vacía cando antes tiña dúas mesas como mínimo ocupadas por chobenalla: nótase que agora hai bares abertos e hai liberdade de movementos.

A ver que sai deste desafogo ! 

Etiquetas:

venres, 26 de marzo de 2021

Vaga na casa ?


 

Naideleo ten tres positivos nunha aula de nove. Isto declárase como gromo e toca facer PCR e autoconfinarse dez días sendo positivo ou negativo. O caso é que ela quixo facer unha proba de cuspe nunha farmacia que é gratis un día desta semana pero o día anterior retiraran o material das farmacias e agora cobran 150 euros por unha PCR vontaria nunha carpa en Balaídos. Isto non o din as noticias.

Chamaron os rastrexadores e xa mandaron facer a PCR dentro dunha hora. E a ver que sai de aí.

Esta semana xa non iamos ir a ningures pero esta noticia deixounos coma o iate da foto; embarrancados pola vaga do Coronaviros.

Por sorte Naideleo non ten síntomas.

Etiquetas:

mércores, 24 de marzo de 2021

Centésimo e décimo sétimo mes

 
Pasa o tempiño case sen decatarse e esta xoubiña vai medrando e hoxe fai 117 meses, xa camiño dos dez anos.
Segue sendo intelixente e a cacholaa non lle para e debuxa, fai puzles, toca o piano ou lle aprende á cadela a dar a pata. Os aparellos electrónicos tamén a atraen así coma o YouTube cos gamers ou vídeos de Nintendo. Eu penso que os nenos de hoxendía xa están máis que absorbidos pola interrede e os seus derivados.
Menos mal que agora pode saír cos amigos aos parques e estiran as pernas e abren os pulmóns que lles deixa a máscara.
E pouco máis podo dicir. Deixo o debuxo que me fixo polo día do pai. 
 

Etiquetas: ,

venres, 19 de marzo de 2021

Novo parque e outro día do pai

 

Onte fixo un día solleiro pero frío e fomos ao parque do Pazo dos Marqueses cos amigos de Xela. Puidemos tomar un café polo aire en menos de dez minutos que fechaban ás seis. Hoxe xa poden fechar os bares ás nove do serán.


As normas mudaron e agora non permiten xuntanzas nas casas pero si nas cafeterías. E así hoxe miramos para outro lado e comemos lamprea en Arbo e demos unha camiñada ata a adega As Laxas. Logo xa o ceo se fechou en nubes.

Hai que aproveitar estes respiros momentáneos que a nova vaga vai atacar. Parece ser que se vai volver vacinar coa AstraZeneca. A ver que sai de aí !

Etiquetas: ,

mércores, 17 de marzo de 2021

Abusos


 

Fun ao banco hoxe a facer unha trasferencia e cobráronme 6 euros por iso. Díxenlle ao caixeiro se era para tomar café e díxome que cobraba por traballar. É certo, pero eu para gañar seis euros teño que dobrar a espiña unha chea de veces. O caso é que vou facer algo contrario á miña forma de pensar pero farei por aforrar cartos usando a banca virtual. Sei que así reducen postos de traballo pero é que eu non podo estragar os cartos sen xeito.

O que de verdade pasa é que estamos atrapados nun sistema onde os cartos poñen as normas e nós temos que apandar con elas queiras ou non queiras.

Poño de foto os prezos da gasolineira hoxe: outros que abusan. Creo que xa fotografei demasiado este taboleiro de prezos. Procurarei non repetirme pero tal como están as cousas non sei se cumprirei a miña palabra

Etiquetas:

martes, 16 de marzo de 2021

Só se morre unha vez


Un amigo da infancia díxome que non é que só se viva unha vez senón que só se morre unha vez e que hai que vivir cada día.

Así tomar un café á beira da praia un luns solleiro pola mañá non está de máis. Porque non seremos novos toda a vida e seguiremos facendo anos a partir dos trinta e seis.

E toca seguir esperando polo xeringazo.

Etiquetas:

domingo, 14 de marzo de 2021

Día do número Pi


 

Hoxe é o día do número Pi. E por que hoxe, preguntarás ? pois porque no mundo anglosaxón hoxe é 3/ 14. E así quedou este día así. E Xela aínda lembra o número Pi  que aprendeu en decembro !!!

Tal día coma hoxe hai un ano entrabamos en corentena e pasamos a vivir algo novo para todo o mundo. Empezou un calvario que aínda hoxe segue cos seus mortos, xente que quedou con secuelas e xente que perdeu o traballo e xente que hoxe aínda non ten un futuro claro.

Hai un ano empezaba o peche total da xente e agora polo menos temos algo de liberdade de movementos ( ata as dez ) e podemos visitar outros lugares da comunidade ou que nos visite outra xente como avós e tíos dos nenos.

Poño unha foto que me mandaron dende a provincia de Lugo. Foto con truco.

Que de aquí a un ano non teña que lembrar este aniversario ! 

Etiquetas: ,

xoves, 11 de marzo de 2021

Pequeneces


 

Onte Leo recomezou a adestrar no fútbol. Liga desa categoría non vai haber así que todo quedará en adestramentos e algún partido amigable. A metade dos rapaces non foron adestrar e supoño que irá a menos o número. Outro exemplo de dano pola pandemia.

E Xela foi hoxe a xadrez. Esta é outra actividade que se resinte polo Becho. O número de federados caiu estrepitosamente e o número de competicións tamén. Tamén organizan campionatos virtuais pero xa son outra cousa, ademais pode haber algo de picaresca. Nada, que como tocar as pezas non hai e Xela nótao.

Na foto outras pequeneces coma un poni e un canastro mini. Foto tirada hai menos dunha hora no concello da Rosa onde fun levar a Xela a xadrez. O concello da Rosa estivo pechado ata a semana anterior e non podía ir Xela a adestrar.

A ver se o Cornoviros vai a menos para que rexurdan estas actividades e outras.

Etiquetas:

mércores, 10 de marzo de 2021

Agardando polo xeringazo


 

Pois é. Hai vacinas de Astra Zeneca para menores de 55 anos e eu atópome no tramo de 50-55 e vanme vacinar un día destes. O día non o sei que mandan un SMS e a ver que reacción me fai.

No choio vai marchar o Remeiro, un homón que traballa por unha ETT e que cobraba ben e resulta que agora ten que devolver cartos que erraron nas contas os da ETT. Non sei quen virá suplilo que últimamente entra e sai muita xente eventual coma O Mulato Víctor, David Nikevu o Amante do Alleo, Rubén o Falador, Fernando O Berete, Miguel O Sabichón e algún máis que me ha quedar atrás.

O asunto do traballo está coma a sanidade: digamos que complicado.

Etiquetas: ,

luns, 8 de marzo de 2021

8 M e antes

 

Sábado facía boa tarde e Xela foi co seu amigo a San Cibrán. Hai un feixe de cotos espalladps alí e muitas mesas para merendar. De feito, había muita xente merendando e ata celebrando festas de aniversario e cando marachamos a xuventude xa empezaba a sacar de bebidas das neveiras. Tamén había escaladores nun penedo de parede vertical. Traían furgonetas e logo ían quedar a cear.

 

Domingo fomos a Arbo que dende Reis non foramos- Así celebramos os aniversarios de avóM e de Naideleo. Logo pegamos unha voltiña ata unha nova plantación de albariño e tivemos que cruzar por un camiño de carro invadido por xestas. Logo volvemos á Refontán pasando pola Barreira e o Barandón onde hai montes dos tíos de Naideleo.


E hoxe é o 8 M que, paresme a min, está totalmente descafeinado comparado co do ano anterior e máis aínda comparado co 2019. Ás doce e pouco mirei muitas mulleres traballando en cafeterías , repartindo ou conducindo furgonetas. Suponse que a esa hora habería unha concentración na rotonda de SomosMos pero non sei como estaba o ambiente. Iso si, a perruquería de cans da foto non traballou.

Etiquetas: , ,

venres, 5 de marzo de 2021

Case un ano despois

 

Quen nos diría hai case un ano que iamos estar así ? Os bares a medio gas con mesas marcadas alternamente con fita para non usalas. Quen imaxinaría que andariamos co betillo posto ou co babeiro esquivando apertas e roces de corpos ? Como albiscar que habería toque de queda de dez da noite a seis da mañá e que pecharían os bares ás seis da tarde que nin chega ao serán ?

Pois así estamos en marzo de 2021. Pendentes do que nos deixen facer as autoridades e agardando o día que poidamos facer unha fogueira e botar nela as máscaras do demo coma no debuxo que fixo Xela.

 

No entanto canearemos as situacións que pensamos perigosas e a ver se chega a vacina que seica esta semana que vén empezan a vacinar á xente dos cincuenta aos cincuenta e cinco anos, tramo de idade onde me atopo eu.

A ver se para o marzo que vén isto é só lembranzas dun tempo malo.

Etiquetas: ,