leoeosseus

Saturday, 28 April 2007

Un momento de conexión

Aquí sigo enleado cos mobles e co choio e demáis xestións e non teño tempo para postear. Aparte temos o portátil desconectado da interrede e a desconexión é aínda maior.
Esta semana que remata quería falar do meu segundo aniversario na rede ( cando empecei sendo Acedre nos EEUU ). Tamén quería falar do día do libro e de trapalladiñas que aprendo no choio e da xente do choio que caza lampreas coa fisga no río Tea de noite e respostar a recados que me mandan blogueiras pero non pode ser. Por non poder ser tampouco pode ser subir unha foto co Leo que fixo os sete meses onte e comeu carne por primeira vez na súa vida e non lle fixo muito tilín pero bueno. Do resto segue progresando e cada día proba un son bucal novo e gústalle que lle canten e lle fagan , como din por Acedre, tiligas ( cóxegas en galego normativo, cóxicas en galego de Arbo ).
E así anda o asunto todo. E mañá sairá unha reportaxe en El Progreso de Lugo e pode ser que saia unha foto do Leíño co PaideLeo. Eu non podo ir alá mercalo que mañá é a festa da lamprea en Arbo e toca paparotada.
Esta semana que vai entrar seguirei así desconectado e espero normalizar a situación na seguinte semana.
Así que pasáio ben e chauciño.

Labels: , , ,

Friday, 20 April 2007

Centro social Rivera Atienza



Entre o choio e os mobles novos da cociña que estamos montando, apenas hai tempo para navegar pola rede adiante.


Vou deixar unhas fotiñas dun sitio onde é máis barato o café do que dicía o señor Zapatero: a 75 céntimos !. O sitio é un pazo en Vigo, con terraza, biblioteca e xardín. É un centro social ( aí está o truco da barateza ) á beira da Escola Oficial de Idiomas.


Desfrutai das fotos mentres non volvo postear.

Labels: ,

Tuesday, 17 April 2007

Elexía polo avó Antonio


O avó Antonio tivo a súa vida. Con dezaoito anos tocoulle pegar tiros contra irmáns e cando pasou perto da súa aldea saltou do tren cun veciño e non quixo saber máis da guerra. O campo non daba para moito e foi á cidade. Andou co estraperlo pero como era bo de máis non se fixo rico. Tocoulle marchar a Venezuela e botou varias décadas ata que se xubilou e volveu para a terriña. Desfrutaba do pulpo e do año e botaba foguetes na festa patronal e sempre convidaba porque era bo e era o patrón. Nos últimos tempos estaba baixo a tiranía dun tal Alzheimer que non logrou tirarlle a súa bondade máis que en pequenos lapsos e así tivo unha " nova " vida casado con outra muller e cos seus pais vivos e falaba co eles. Era xeneroso e daba cartos ficticios pensando que eran reais e cedía fincas para construir. E así foi ata o domingo día quince. Onte enterrámolo no camposanto parroquial mentres cantaba o cuco para dar un ano máis de vida a quen o escoitase. E eu quero supoñer que o avó Antonio fixo cantar ó cuco para darlle máis vida ós presentes como mostra derradeira da súa xenerosidade. Graciñas.

Labels: , ,

Sunday, 15 April 2007

O Leo a comer



Onte deille de comer a Leo e quedou feito un mostro das barbas verdes, todo larafuzado. Non puiden evitar botar unha gargallada e tirar de cámara para perpetuar o momento. O Leo come bastante ben a mistura de acelga, porro, cenoria e pataca pero eu non lle sei o truco aínda e escápame da culler coa boca e queda así de emporcallado.

Agora temos que ter máis cuidado co el que xa dá a volta de cara arriba a cara abaixo e pode escapar a rolos da súa esquina.

Gústalle estar sentado e xogar cunha pelota grande da praia e que máis lle encanta é percorrer a casa e tocar cousas penduradas, cadros e figuras e non se aburre que tódolos días son novidade para el.

Agora dorme a sesta despois do xantar e logo pasearemos que está o día para iso.

Labels:

Friday, 13 April 2007

Partidos políticos en Vilaguindastre

Hoxe é venres 13 e foi o día escollido polo PP para presentar o seu candidato á alcaldía para Vilaguindastre. Pero o PP non é o único partido que se presenta no concello. Aparte está o PSOE, o BNG, os Independientes, os Ciudadanos por Porriño, a Sociedade Política Local e parece ser que hai unha candidatura dos xitanos. Unha nova da que me enteirei pola interrede.
O PP, PSOE e BNG xa se coñecen. Os Independientes son unha esgalla do PP, así coma os Ciudadanos por Porriño. A Sociedade Política Local non ten páxina web pero é un grupo curioso dirixido por un músico e formado por xente " normal " e que non ten experiencia na vida política e aproveitan as siglas SPL para dicir que son Sobradamente Preparados e Libres.
Co este panorama político, non me extraña que Ana soñara o outro día que había un mítin nun bar dirixido por un veciño que de ten pinta de todo menos de político e que era dirixente dun partido chamado Sociedade Politicamente Preparada.
En fin, que gañe quen gañe pero que gañe O Porriño, nomeado por min Vilaguindastre.
A explicación da nomeada está na foto.

Labels: ,

Wednesday, 11 April 2007

A miña labor na Torredocaminho



Esta foto xa ten ben aniños e saio lombeando sacos de fariña de cincuenta quilos. Era un hobbie que tiña cando estaba no paro ou tiña unha tarde libre sen estudos. No choio que empecei esta semana fago o contrario: cargo camións. Pero van os sacos en pallets así que o choio é máis levadeiro. Aparte hai sacos de cinco, de dez, de vinte e de corenta quilos así que son máis levadeiros no caso de ter que movelos a man. Hai muita variedade de piensos e ata hai para " ovejas lecheras ". Tamén hoxe aprendín unha palabra nova: ripar, que significa turrar por un saco. É certo o dito que di que o vello vai morrendo e vai aprendendo.

Labels: ,

Monday, 9 April 2007

Empezo na Torredocaminho


Hoxe empezo en turno de tarde a traballar nunha empresa de alimentación animal.
Dígolle adeus ós guindastres, bloques de granito, casco, orelleiras, chuvia, vento, pó, sol, ruido e humidade.
Vou xantar que logo empezo.

Labels:

Sunday, 8 April 2007

Sardiñeiro





Esta semana santa foi bastante tranquila. Aínda así puidemos coñecer Sardiñeiro, pegadiño a Fisterra. Tamén o Leo colleu area e meteu na boca unhas cunchas.

Labels: ,

Thursday, 5 April 2007

Felicitación para Kasege


Como pasa o tempo !. Hai un ano felicitaba á miña irmá no outro blogo que tiña nos EEUU. Falaba dela coma a raíña Kasege e que lle fixera un debuxo e todo co seu castelo e aquí o poño para que mires en que gastaba eu o tempo de rapaz. Neste ano que pasou houbo muitas novidades e o que lle debo á raíña Kasege non fixo máis que incrementarse pola cantidade de favores, axudas e apoio que recibimos dela e máis do meu cuñado. Así que no seu cumpreanos non podo facer máis que lembrar aquela felicitación do ano pasado e, de paso, desexar sorte ó meu cuñado na liguiña dos birlos que se disputa polo concello de Acedre.
Gustaríame ser rico para poderlles regalar un castelo coma o do debuxo.

Labels: , ,

Monday, 2 April 2007

Folleto relixioso



Hai uns días recibimos a visita dunhas Testemuñas de Jehová que deixaron un papel onde convidaban a coñecer a Xesuscristo. No papel había un enderezo na interrede e busquei para coñecer un pouco de que vai esta xente. O máis curioso para min foi topar a listaxe de idiomas dispoñibles: 310 !. Busquei o galego pero non estaba pero tampouco aparecían nin catalán nin basco. Iso si; aparecían idiomas ben curiosos que eu non coñezo de nada e outros que case se entenden de todo como o papiamento.

Na foto sae unha prostituta diante dun edificio relixioso: "un prostituta dilanti di edifisionan religioso", en papiamento.

Labels: ,