leoeosseus

Thursday, 29 April 2010

m8


Paseando a Colín topei esta pintada que, de primeiras, eu non entendía. Caín da burra e decateime de que queren dicir " siempre " unha palabra formada a machada e sen aforrar muita letra.
E daquí lembrei a forma de dicir " moito " en linguaxe sms e gústame máis e aforra letras xa que é: m8. Non sei se a inventou este home no 2006 pero está bastante extendida por fotolog, flogup, metroflog e máis sitios.

Labels: ,

Wednesday, 28 April 2010

Abrente


Sentín envexa polo solpor que exhibe Chousa dende a súa casa real e virtual e teño que contraatacar con parte do abrente que se admira dende o meu novo domicilio. O sol que inunda de verdade a metade da vivenda e ver ao Leo pararse debaixo da cuarta farola para saudarme coa man camiño da escola son dúas ledicias que me alegran as mañás.

Labels:

Tuesday, 27 April 2010

Corenta e tres meses


Aí o está; de cada vez máis solto e máis espabilado. Relaciónase máis e conta máis cousas. Non come de todo pero segue adiante. Dorme ben, xoga millor e vai asimilando que agora lle toca subir escaleiras para subir á casa nova que lle gusta máis que a anterior. E agora está a durmir nunha cama nova que lle mercamos mentres foi de excursión cos compañeiros ao centro El Kiriko.

Labels:

Monday, 26 April 2010

Calores e músicas


A xente viste de bonito para ir á festa. As moscas zoan e os grilos multiplican o seu son. As glicinias adornan incluso ruinas con pouco futuro. A lamprea está deliciosa e a calor anima a descansar.
Estes días de calor fan alonxar na memoria a descuberta de música para Leo gracias a Eva G. Rei e teño que deixalo aquí arquivado.

Labels: ,

Friday, 23 April 2010

Día internacional do libro


Hoxe celébrase o día internacional do libro e o Leo tivo intercambio de libros cos compañeiros de clase.
Eu non celebrei de maneira especial esta data anque si collín o Quixote que teño en cómic e lin capítulos de " A da alba sería ", unha terceira parte do Quixote onde o cabaleiro e o seu escudeiro chegan a Galicia; que é unha obra que recomendo a quen guste de ler obras dese estilo e guste de coñecer curiosidades de Galicia.
Á noite non lle lin nada do Quixote ao Leo anque si os tres contos da biblioteca que lle tocan esta quincena. Xa lle chegará o tempo a el de ler cousas máis profundas.

Labels: ,

Tuesday, 20 April 2010

Lampreas


Para esta fin de semana está prevista a festa da lamprea en Arbo e como avóM non a pesca con fisga nin ten pescos, tivo que mercala en Portugal.
E, como quen non quere a cousa, levo seiscentos posteos neste blogo.

Labels: , ,

Sunday, 18 April 2010

Prohibición


Mirar isto e retratalo canto antes foi unha. Porque hai pintadas que merecen permanecer eternamente.
PD: Faltou o de proibir " ghomitar " que tamén se dá nesta esquina do parque do Cristo co hotel Parque en Vilaguindastre.

Labels:

Friday, 16 April 2010

Alí vai e os corenta e un escalóns


Practicamente está rematada a mudanza despóis de subir e baixar de cada vez corenta e un chanzos para carrexar posesións.
A ver se agora podo pórme ao día co blogo.

Labels:

Sunday, 4 April 2010

Unha viaxe en submarino


Nestas vacacións de semana santa todo o mundo se move por aí adiante e nós non iamos ser menos así que fixemos unha viaxe en submarino pola ría de Vigo. Bueno, non foi tal que foi unha viaxe virtual no museo Naturnova onde foi o que máis me gustou pese a súa curta duración e a non ser a proxección en galego anque xa tiña que estar acostumado. Na viaxe topamos con habitantes da ría con nome castelán menos o muxo que non deberon topar a tradución. Botei en falta que non nomeasen a uxa, nome que aprendín hai un par de meses da boca dun compañeiro de traballo que fai submarinismo. Supoño que o compañeiro non lle aprenderá esa palabra fermosísima aos seu fillos porque lles fala castelán pero eu aprendereilla a Leo cando se dea a ocasión.
Por certo, o Leo sae falando na páxina eufalo. tv; páxina que non ten desperdicio.

Labels: , , ,

Thursday, 1 April 2010

Nativos e oriundos


Seguimos coa mudanza anque non cambiemos de parroquia pero sí de barrio.
Hai muitos anos percorrín a parroquia casa por casa facendo o padrón municipal e todos acababan preguntando de onde era eu. Cando lles dicía que non era das casas ( como a da foto ) e si dos pisos dicían que eu era oriundo e eles nativos. E levo xa preto de trinta anos vivindo nesta parroquia e non deixarei de ser oriundo e eles nativos porque sigo vivindo nun piso e eles nunha casa. Pero o máis simpático é que non saben que nativo e oriundo significa o mesmo !.
Ata outro momento de vagar.

Labels: ,