leoeosseus

Monday, 31 May 2010

Búscase coche


Búscase coche e non precisamente o da foto que é unha lembranza dunha mudanza das varias que fixen estes anos.
Agora vai en serio: a blogueira Mer busca o coche do cuñado. É un BMW 320 de cor gris clara e matrícula 7365-GBR. Foi roubado o día 30 en Vigo e a policía di que o máis probable é que estea abandoado en calquera lugar.
Se alguén sabe del que faga o favor de mandar un email a Mer a zenkiulove@gmail.com ou que contacte coa policía.
Podes correr a voz no teu blogo.

Labels:

Sunday, 30 May 2010

Tranquilidade na estrada


Gústame a tranquilidade na estrada e procuro ir á miña velocidade e ser respetuoso e non pitar nin mirando carteis como o da foto ( anque sexa tan tentativos ). Tamén me gusta que os demáis vaian con xeito e educadamente así que cando miro que vén un condutor rápido de máis de frente doulle luces como indicando que hai un control cerca. Encántame ver polo retrovisor como encenden as luces de freado !.

Labels:

Eurovisión 2010



Sempre que podo miro este festival e fago as miñas anotacións xogando a crítico musical. Gústame cando cantan en linguas descoñecidas anque non entenda papa e gústame facer as miñas puntuacións.
Esta vez gañou Alemania coa que non contaba eu de favorita. A min gustábame Bélxica cun home e unha guitarra ou Dinamarca cun son festivaleiro. Extrañoume que aparecese un espontáneo na actuación de España e que logo aparecese outro cantante que non sabía eu se era outro espontáneo.
O das puntuacións tan a súa graza con tanto voto de amigos, veciños e emigrados e resultoume curioso os votos dados á canción española dende países do leste e tamén me fan rir os comentarios de Uribarri.
En fin, Eurovisión; que lle vas pedir ?.


Labels:

Thursday, 27 May 2010

Corenta e catro meses


O Leo avanza no plano físico e así bota carreiriñas e salta cos dous pés xuntos e quere subir escaleiras de dous en dous chanzos. Noutros nenos isto non é de extrañar pero si en Leo que tardaba un pouco en adquirir estas habilidades. Outra cualidade que está desenrolando é o debuxo e di a profe Maite que debuxa millor ca ela. Gústalle debuxar casas e nenos coa mamá.
En canto á persoalidade, podo dicir que está adquirindo ironía e empeza a dicir mentiras e xa non é o inocente que xogaba ás agachadas e dicía que estaba escondido en tal sitio.
No falar está adquirindo muito castelán e xa di o verbo " hacer " ( en muitas persoas ), " cayó ", algúns verbos compostos, esquece muitos ditongos galegos, intercala determinantes galegos e casteláns sen xeito e di " os ", " o ", " el ", "las ", etc, ao tuntún. Está ampliando o vocabulario en castelán e ata entristece un pouco cando fala muitas veces de Bob Esponja no canto de Bob Esponxa. Agora di muitas veces " pero " no canto de " can " e hai muitos " cerditos ", " ovejas ", " caballitos ", " mariposas ", etc ; no seu mundo. Xa non di " árbole " e cada vez hai máis " cielos " con " estrellas " no canto de " ceo " con " estrelas ". Algunhas veces mete formas españolas en partes do corpo e tamén conta en castelán muitas veces. O que si noto é que conosco parece que trata de conservar o seu galego. Supoño que será unha fase longa ata que distinga con quen é máis normal falar un idioma ou o outro.
E así vai !.

Labels:

Saturday, 22 May 2010

Sorteo de RuAn


Como son un vicioso dos libros quero entrar no sorteo deste cómic da imaxe. Ti tamén podes entrar comentando aquí. O único que hai que facer é comentar nese posteo e publicar a nova no teu blogo como fago eu.
Apurando que xa quedan poucos días !.

Labels:

Friday, 21 May 2010

Dióxenes




Nestes días de calor hai muita xente enfrascada coa operación bikini e anda de arriba a abaixo facendo exercicio. No medio desa xente hai un homiño de paso lixeiro, barba branca, con funda de traballo as máis das veces ou un chaleque reflectante e máis un caxato onde pendura bolsas plásticas. Percorre a zona toda buscando non sei que no chan para levalo á súa casa, supoño. Este home penso que ten o síndrome de Dióxenes que é a patoloxía que nos fai acumular lixo e trapalladas na casa. Esta patoloxía ten o nome orixinario de Dióxenes que, curiosamente, era todo o contrario a esta xente enferma e vivía co mínimo nun bocoi. Foi un filósofo famoso con muitas anécdotas pero a que máis me gusta é a que lle pasou co emperador Alexandre Magno. O emperador foi visitalo e díxolle que lle concedía o que desexase. Dióxenes só lle pediu unha cousa: que saíse de diante que lle daba sombra.

O debuxo está collido en http://www.educima.com/ onde hai imaxes para colorear.

Labels: ,

Monday, 17 May 2010

Día das Letras 2010


E fomos a Santiago. Facía calor e os chiringos da festa e a nora xigante dominaban a alameda verdísima primavera. Pasamos por un grupo de blogueiros que me recoñeceu: Ghanito, Tati Mancebo, Goretoxo e Alfredo Ferreiro. Metémonos na marea que descorría con calma, música e coreando eslogans. E desembocamos no Obradoiro onde Naideleo fixo esta foto sobre as gafas de Eva como testemuña da nosa presenza na praza: o Leo e seu pai cun globo de Patricio Estrela cunha pintada no bandullo que dicía: En galego.

Labels: ,

Sunday, 16 May 2010

Antes das Letras


Revisando fotos topei esta do Leíño co busto de Uxío Novoneyra en Lugo e penso que pode servir de homenaxe para a celebración de mañá.
E como o asunto vai de lingua quero regalar a palabra " tantaxe " que aprendín hoxe en Arbo. A tantaxe é unha herbiña que nace no medio do céspede e que serve para curar descomposicións de estómago.
Bó día das Letras !.

Labels: ,

Saturday, 15 May 2010

Ovos estrelados e letras


Está cerca o día das Letras e cada quen vaino celebrar ao seu xeito. Cerca de Vilaguindastre opinan que un día das Letras sen papatoria non é nada así que celebran a festa do ovo estrelado e inclúen tamén fotos antigas e coches clásicos. Todo xunto está mui ben pero creo que deberían, como mínimo, escribir ovo estrelado e non " estrellado " por respeito á lingua que celebra o seu día na mesma data que a festa.
Por certo, ao Leo encántalle mollar pan nun ovo estrelado.

Labels: ,

Wednesday, 12 May 2010

Internacionalizándose



Estamos nun mundo aberto onde van e veñen ideas, costumes e obxectos e así non é de extrañar que aparecesen perto de Vilaguindastre uns zapatos pendurados dun cable da luz.
Xa me extrañara a min cando estaba nos EEUU este costume de pendurar zapatos e máis aínda o seu significado. Uns din que é para indicar un lugar de venda de droga, outros que é o límite das bandas xuvenís, outros que é unha broma antes do matrimonio, outros que é un paso da xuventude á fase adulta... Non se sabe. E agora con estes zapatos non se aclara nada porque aquí fan botellón os rapaces e tamén apareceu morto hai uns anos un alcalde en circunstancias extrañas: estaba dentro do coche cos pantalóns baixados. En fin...

Labels: ,

Saturday, 8 May 2010

Bob Esponxa e demáis



Pois si, neste debuxo feito por min tés algunhas das personaxes da serie Bob Esponxa. Bob Esponxa é unha esponxa que ten unha mascota que é un caracol que se chama Gary e miaña coma un gato. Patricio é unha estrela de mar veciño de Bob Esponxa e non é mui espabilado que digamos. Calamardo tamén é veciño deles e é serio e non quere saber nada deles. O señor Cangrexo é o xefe de Bob Esponxa e Calamardo nun local de comida rápida e só pensa nos cartos. Todos viven no fundo do mar e protagonizan historietas simpáticas. Tamén podo dicir que estes debuxos lles gustan aos rapaces dende os tres anos ata os quince e algún que outro xa maiorciño coma min que gusta de coleccionar os cromos coa escusa de que aprenda Leo os números.

Labels: ,

Friday, 7 May 2010

Pura cotiandade


Merco a revista Malladoura que celebra o seu décimo aniversario e deséxolle outros tantos anos máis polo menos. Paso pola obra diante do concello onde volven soterrar a vía do tranvía ( é típico dos gobernos entrantes desfacer o feito anteriormente ). Noutro kiosko merco o novo número da Retranca, especialmente adicado a Rosa Díez e tamén merco cromos de Bob Esponxa. De casualidade topo a estudantes no parque do Cristo pintando un mural de Uxío Novoneyra para pendurar no centro cultural. Mentres pintan discuten en español se botan Bob Esponja en Disney Channel ou en Clan e decátome do raro que podo semellar eu á maioría da xente con estes costumes que teño.

Labels: ,

Sunday, 2 May 2010

Nai


Nai: amor como o dela non che hai.
Gustav Klimt pintouno mui ben hai cento cinco anos.

Labels:

Saturday, 1 May 2010

Traballadores e consumidores


Aquí hai unha interesante reflexión sobre o cambio de concienciación de clase social cara unha individualización en consumidor.

Labels: