leoeosseus

Saturday, 27 July 2013

Balneario e baleirado

 
 
Onte estivemos nun balneario portugués onde, a pesares da decadencia, desfrutamos todos; Leo e Xela incluidos. Comemos ben nunha pizzaria e estivemos no parque escuitando a fillos de portugueses falando francés. Xela mandoulle o enésimo golpe que leva e quedoulle unha marquiña.
Logo fomos a Tui e tomamos algo na terraza do Silabario.


Hoxe tocou cambio total e fomos a Acedre a baleirar a casa de mobles e trangalladas. O xantar estivo animado coa presenza das señoritas da vila e o marido dunha e outra parella mui peliculeira de señor maior e chica nova. O camiño estivo marcado polas tipicidades de sempre e pola descuberta do sinal de perigo de nenos chorando. Fíxate na imaxe en amarelo.

Labels: ,

Thursday, 25 July 2013

Vixésimoquinto mes ( e máis un día )


Chegamos aos vintecinco meses da Xela e podo dicir que avanza a toda velocidade. Fala seguido e quere dicir frases longas pero só se entenden dúas ou tres palabras. Case pronuncia ben as palabras anque semella portorriqueña falando de " calol " ou " xogal ". É mui activa e salta chanzos e quere agabear a todas partes. Ten unha moto pequena e vai para adiante bastante rápido e tamén se deixa caír para atrás por costiñas. Encántalle pór caras e facer acenos distintos, mirar de esguello e dicir cousas como " xa veño " afirmando co dedo estilo marisabidilla. O de facer as súas necesidades vai levándoo mui ben. Vai soíña ao " pico " ( penico ) e pide para ir ao baño pero non lle gusta facer nada de campo. Tamén ten un carácter forte e insistente e iso que apenas come. Sabe o que quere e pide para durmir ou tetiña segundo lle apeteza.
Cambiando de tema, Elvira preocúpase por se nos vimos afectados polo accidente de tren e teño que dicir que, por fortuna, non nos tocou nin na familia nin en coñecidos.

Labels:

Monday, 22 July 2013

Vivindo e refotando


O verán avanza cos seus cambios de tempo, con campamentos e paseos. Non estou nunha etapa mui fotógrafa que digamos pero tiven ocasión de refotar ( fotografar fotos ) en Baiona, Tui e Vilaguindastre cunha perspectiva esta última que descoñecía totalmente.
A foto do gaiteiro e a bávara faime lembrar a Mr. Tichborne, un galego que chegou a Bavaria seguindo uns ollos verdes. Vaia a foto por el.

Labels:

Thursday, 11 July 2013

Comparando


Pasa o tempo e mudan as formas. Hai máis de trintatantos anos eu era un rapaciño que debuxaba robots inimigos de Mazinger Z. Un día estaba todo enfrascado debuxando no portal do cuartel da Garda Civil esperando por un amigo fillo dun garda. De súpito caiume unha enxurrada de auga por min e a libreta onde debuxaba, levanto a vista e miro un Garda Civil daqueles tempos con bigote e tricornio que aguantaba unha mangueira e que estaba a regar o céspede. Como se aburría non se lle ocorreu nada millor que mollarme a min. El ría e eu solteille un " hijo de puta " que me saiu do peito e botei a fuxir.
Nada que ver co garda de onte cando fun denunciar a rotura do portal do edificio. Levei a Xela e estamos na época de abandono de cueiros e, está claro, escápaselle algunhas veces. Pois iso, non se lle ocorreu nada millor á nena que mexar no cuartel. Eu non sabía que facer pero o garda díxome que me tranquilizsse e ergueuse e foi buscar unha fregona e limpou o chan. Tamén trouxo papel hixiénico para a nena e unha bolsa do lixo para a braguiña.
Semella que algunhas cousas milloraron co paso do tempo.

Labels: ,

Tuesday, 9 July 2013

Días de calor


Estes días de calor abichornante hai que combatelos como sexa: beber o que haxa, cargar pouca roupa, durmir noutro sentido, repetir piscina en cabo Silleiro e sentir o frescor nos túneis do cuartel abandonado, bañarse no parque aquático de Vilanova de Cerveira, ir a praia América ( anque ataquen por primeira vez a Leo as fanecas ) ou mesmo ir ao cine a ver Monstros na Universidade ou Gru segunda parte.
Hai que esquivar a calor como sexa, polo menos nas horas que non se traballa.

Labels: ,