leoeosseus

Monday, 31 March 2014

Entre soplos


Onte tocoume soplar candeas de aniversario no xantar e tamén soplei viño e sidra. Pola tarde volvemos a Vilaguindastre para mirar a actuación de Pablo Díaz na que cantou cancións de Tic Tac e Toc Toc. Saímos da actuación e fomos merendar a unha cafetería e eu bebín unha cervexa. Volvendo a casa tocoume soplar outra vez pero no alcolímetro da Garda Civil. -" Buenas tardes. Permiso de conducir ". Deillo e despois preguntoume o axente:  "¿  Ha bebido alcohol ?". " Acabo de beber una cerveza ", respondín. "¿ Sólo una ?". " Si ". " Pues a ver cuanto da una cerveza ", con retintín. Así que soplei e non lle quedou máis remedio de mandarme circular. Menos mal que non soplei despois de xantar !.

Labels:

Saturday, 29 March 2014

Seudoaforro


Hoxe era o día de aforrar luz para salvar o planeta pero o cartaz semelloume unha contradición: apagan as luces eléctricas pero encenden os focos que gastan pilas que tamén contaminan o planeta.
En fin.
Quen non aforrou batería da cámara foi o Leo coa miña cámara nun momento que lla deixei que se aburría. Non só non se aburriu senón que tirou algunhas boas fotos que aquí deixo de mostra.



 

 

 
 


Labels: ,

Thursday, 27 March 2014

Desastriños


As cousas malas parece que lles gusta vir xuntas e así esta semana andamos a voltas coas miñas moas, o meu ollo, a febre de Xela, o coche que non encende e o radiador que pinga.
Menos mal que non hai mal que cen anos dure e imos amañando aquí e acolá.

Labels:

Monday, 24 March 2014

Trixésimo terceiro mes


A chica que vive da tetiña e do aire segue adiante. Gústalle xogar " al chico que core "  nos aparellos electrónicos e tomar batidos. Tamén lle gusta facer ximnasia e cantar. Pero o que máis quere é ser maior; soña con iso e non o quita da boca. Ata mirando o funeral de Adolfo Suárez na tele quería ser maior para estar alí.
E ela segue " maiorizándose ".

Labels:

Friday, 21 March 2014

Premios amañados ?


Na biblioteca de Vilaguindastre hai unha exposición de fotos de viaxe e a que gañou non me pareceu a millor. Ao millor eu non sei ou foi un amaño. Non sei.
Fixándome nas outras fotos dei con esta que se titula " Cagallóns na auga ". Eu supoño que se referirán a cágados que son as crías das ras que semellan culleres. Anque cagallóns tamén pode ser outro nome que eu descoñeza como o de " caghofe " que lembrei que din por Salceda de Caselas.
Dedico este posteo a eses profesores que dan coñecemento do medio en seudogalego ou español directamente.

Labels: ,

Wednesday, 19 March 2014

Leo de profesor



Leo le muito e escribe bastante anque menos porque cansa, di el con toda a razón do mundo. Leo escribe contos e enciclopedias e agora explica as materias do cole. Fíxonos gracia como explicou a historia do idioma galego que o trouxeron uns turistas que falaban galego.
A ver se continúa a explicación.

Labels:

Saturday, 15 March 2014

Paseando a cámara


 
Despois de tanto tempo de chuvia agradécese pasear a cámara de fotos e, con ela, nós.
Quen si pasea pero pola casa é Anastasio, o novo habitante robot da casa.


Coa cámara podo refotar unha imaxe antiga de Vilaguindastre onde un zoqueiro fala cunha muller e ela sorrí.
 


 
Leo e Xela xogan coas pompas que lle encantan a todos os nenos.

 


E falando da infancia lembrei a miña cando puxemos unha moeda na vía que quedou esmagada polo paso do tren.

 
O Leo aproveita calquera momento para ler e agora está con Gerónimo Stilton. Tamén trouxo do cole a mochila viaxeira con varios libros e DVDs e agora teño que debuxar " El cazo de Lorenzo " que foi o que máis lle gustou.

Labels:

Tuesday, 11 March 2014

Non llo repices !


" Non llo repices ! ", así dixo Naideleo a Leo cando lle trataba de sacar pola forza un xoguete das mans a Xela. Eu nunca oíra iso pero a familia de Arbo dixo que significa arrancar ou tirar con forza.
Quedei coa mosca atrás da orella e pregunteille ao Dicionario de dicionarios e non saía nada. Despois pregunteille ao señor Google e xa me encamiñou e descubrín que polo menos existe en Tomiño ( de onde collín a ilustración deste posteo ) e nunha vila de Zamora ! anque variando un chisco o significado.
En fin, outra palabra máis para " artesourar ".

Labels:

Sunday, 9 March 2014

Entruido 2014


No sábado vestímonos de piratas e alá fomos por Vilaguindastre adiante. O Leo xogou cos compañeiros e bailou cando cantaban as coplas. Xela portouse ben despois do desgusto de espertar da sesta e bailou como a que máis e era a admiración de muita xente. Eu fixen o que puiden e pelexei contra muitos nenos e tratei de animar aos piratas miróns a que se metesen na comparsa.


 

 

Só catro comparsas cantaron as coplas e a nosa tratou de impostos con retraso, da supresión da festa dos callos e o invento da Galia de Vilaguindastre e das pingueiras en edificios do concello ,etc, etc.
Hoxe enterraron a sardiña pero xa nos colleu na cidade das Burgas onde tocou a subida das escaleiras da ponte do milenio cos seus candados de amor e pintadas.

Labels:

Thursday, 6 March 2014

Mal sabor de boca


Cando fixen esta foto o neno empezaba a meterse co mimo. O rapaz estaba a comer pipas e comezou a cuspirlle as cascas. O mimo aguantou pero acabou por desfacerse de parte do disfraz e sentarse a fumar un cigarro para tranquilizarse e o rapaz rematou marchando.
Eu hoxe non fun tan subtil. Estaba no vestiario da piscina axudando a Leo a vestirse e estaba un neno mangallón máis alto ca min duns catorce anos meténdose cun de sete anos. Andaba a chinchalo, a collerlle a cara, incordiando máis e máis e rebentei. Fun onda o mangallón e díxenlle que o neno non era un moneco e que a ver se se atrevía comigo e mandeino para a outra punta do vestiario. O mangallón obedeceume supoño que pola idade e a barba que estou deixando de pirata. Rematei nervoso e con mal sabor de boca pero é que non aturo os abusos.
Para a semana que vén terei que desculparme.

Labels:

Monday, 3 March 2014

Frases e frases


Sempre estamos aprendendo e así aprendín tres frases estes días:
- Ter a vela negra enriba: ter mala sorte.
- Hai aghua no panasco: ter a menstruación.
E o que lle oín a un camioneiro de Valladolid hoxe mentres caía un bataghón de chuvia: " Podían llover obispos ".
E seguimos aprendendo !.

Labels:

Saturday, 1 March 2014

Entruido en Vilaguindastre


Por mor desta chuvia que non nos deixa queda adiado o desfile de entruido para o venres vindeiro ( que coincide coa protesta pola nova lei do aborto no Porriño ) coincidencia que non sei eu se sería coincidencia con segundas.
Tamén pode ser coincidencia que antes as letras " o " de O Porriño que estaban no muro da piscina tiñan forma de balón pero chegou este goberno e repintou as letras e o artigo do nome quedou sen pintar como para borrar o nome galego.
Tamén pasaba que antes o Leo falaba galego e, ós poucos, foi deixando de falalo e agora di que non lle gusta e non o fala.
En fin, hai que ter paciencia con todo.

Labels: ,