leoeosseus

venres, 30 de abril de 2021

Tuna destes tempos

 

O día está ventoso do norte pero iso non impide que a xente saia. Levamos muito tempo con prohibicións e estamos un chisco fartos. Aproveitamos calquera excusa para sair e para celebrar algo. Así hoxe había unhas mulleres celebrando un aniversario cuns tunantes. Un vello amigo díxome que non era legal, que eran máis de seis persoas xuntas pero a primavera está aquí e hai que vivir o momento.

Tamén mirei un maio preparado para mañá e eu teño que pór a miña xesta na porta para evitar males. Pero iso queda para mañá que é o día do traballador tamén.

Etiquetas: ,

martes, 27 de abril de 2021

Centésimo e décimo oitavo mes ( e mais tres días )

 
Esquecía o mesario de Xela e así sae retratada con Leo e con Elsa nunha foto de onte. De feito hoxe está a tronar e empezou a chuviscar.
Pois nada, Xela segue coma sempre aínda que este mes non quixo ir a xadrez e non sei se o abandonará. A guitarra segue gustándolle pero máis o piano e toca cancións de clase ou de Super Mario ou de Zelda.
E no cole todo vai estupendamente.

Etiquetas: ,

domingo, 25 de abril de 2021

Toca barallar


 

No posto no que levo quince días xa vou botar outros quince máis. É un posto suxo e solitario que dá para barallar. Como sobre o compañeiro que topou unha rata morta no seu posto e quedou matinando quen lle faría ese agasallo. Ou descubrir a un de mantemento que vixía se cain as paredes e que é a cousa máis parada que mirei nun choio. Tamén hai momentos de relax e risa como cando me accionan o pito da carretilla e penso que está avariado. Ou cando aprende unha entendida a soltar os papeis dun portafolios.

A ver se se me ocorren temas para o blogo. 

Etiquetas:

sábado, 24 de abril de 2021

Un aniño máis

 

Iso me dixeron na ITV esta mañá e aledoume o día.Tamén collín un ovo dunha rola que aniña no mandarineiro da casa e que estaba no chan. Non sei se valerá aínda pero púxenllo no niño e agora mesmo anda a rola por alí. Os que si retiramos foron ducias de coscos ou caracois que tiñamos nas plantas do xardín. Deixámolos no valado, no baldío; para que coman alá.

E hai bares que pecharon por esta crise e outros que reabren e modifican a actividade coma este que tamén é albergue para peregrinos. Chámase " O bo camiño " e ten traducido a muitos idiomas o saúdo este de " Bo camiño " pero creo que algunha tradución significa " Camiño correcto ". O malo de preguntar a Google.

E hai " Boinas Vermellas " tomando cervexa e facendo festa camiño do pavillón polideportivo e semella que o Escornaviros está quedando atrás.

Que non se convirta en pesadelo este desexo.

Etiquetas:

venres, 23 de abril de 2021

O galego en Mortadelo

 

Hoxe é o día do libro e eu inclúo os tebeos e cómics. No último cómic de Francisco Ibáñez os axentes Mortadelo e Filemón pegan unha volta por España e pasan por Galicia. Os galegos debuxados falan un galego inventado que hai que perdoarlle ao debuxante. O debuxante está mui maior e non sei canto lle quedará por debuxar. Cando teña tempo eu tratarei de colectar as chiscadelas ao idioma galego deste monstro da historieta.

E hoxe Xela debuxou no cole a portada do libro que máis lle gusta que é do Diario de Greg e Leo no instituto fixeron un  vídeo entre a clase de música e a de inglés.

Etiquetas: , , ,

xoves, 22 de abril de 2021

Gustos diferentes


 

Cada día teño máis claro que todos somos diferentes e así temos gustos distintos. Antes escuitaba ( cando prendía a radio no coche ) a Radio Galega pero non me prestaba e Radio Galega Música non ten nada de galega que ata poñen fados en español ! Agora poño Radio Municipal de Tui. Falan en galego e hai música variada e que soa pouco  e ata escuitei a Guadi Galego. Nunha canción aprendín unha frase: Cando te pos un prezo perdes valor. Unha gran verdade.

Etiquetas:

domingo, 18 de abril de 2021

Chalordas, tataramigas e máis


 

Non hai policías na casa e xuntámonos máis da conta pero tamén entre vacinados, nenos e xente que xa pasou a enfermidade só quedaba eu de persoa problemática. E é que apetece xuntarse inda que sexa con máscara e así tamén onte os tres curmáns xogaron xuntos nun parque, falaron despois de Pejertos, Dositeos e Baltasaras e hoxe xantamos varios xuntos.

E avóM falou cun veciño de aquí que resulta que é de Arbo, dos Chalordas, palabra que non coñece o avóM pero que eu busquei e hai unha zona de Portugal que a emprega como sinónimo de horta ou leira. E falamos todos e lariamos coma chacarelas e así Xela fainos a burla e di " Tataramigas " que podería ser unha bonita palabra. Habería que buscarlle o significado; amigas de hai muito tempo ou amiga dunha amiga doutra amiga. Eu que sei.

E " Repúblico " durou pouco que lle fuxiu á dona e a ver se volve que xa hai cadeladas por ai diante que a primavera vén rabiosa.

E estou lendo " Como a roda no muíño " de Suso Lista, cun protagonista case Quixote facendo un camiño francés de Santiago ao seu xeito. Xa contarei como remata.

Etiquetas: , , ,

xoves, 15 de abril de 2021

" Repúblico "


 

Noventa anos pasaron dende que se proclamou a segunda república española e agora segue a monarquía gobernando. Mágoa.

E unha veciña acolleu a un can que lle chamabamos " Paticorto " porque é así malfeito. Agora chámolle " Repúblico " porque o mirei no día da república pasear sen muito afán coa nova propietaria.

E o Carroñaviros segue aí pero a mortalidade está baixando porque os maiores ( que eran os que máis o sufrían ) están vacinados cada vez máis. AvoaE e avoaM están vacinadas e un problema menos e unha ledicia máis. Falta avóM que o chamarán un día destes. Eu non estou preocupado por min. Tanto me ten que me vacinen ou non. Confío na miña saúde e creo que pasaría sen problema o virus este.

A ver se as cousas recuperan un pouco.

Etiquetas: , ,

martes, 13 de abril de 2021

Por aquí estou

 

Hoxe estou na casa, non me vaia pasar algo polo martes trece; pero o domingo repetimos a paseata de Arbo.  Na foto sae a praia fluvial, despois os pescos que son as construcións desde onde se pescaba ou pesca a lamprea, a ponte internacional actualmente fechada polo Escornaviros e da outra beira do río xente sen máscara e non sei se poden estar así ou non fan caso da lei. 

Outro asunto, rematei de ler " Cobiza " de Reimóndez e parte dunha idea mui suxestiva. No futuro a humanidade está sen tecnoloxía e case non hai mulleres fértiles. Por outra banda unha científica logra mesturar unha muller cunha planta e consegue crear o ser perfecto. É unha novela escrita durante a pandemia e así ten esa carga distópica e case deprimente dun futuro mui duro para o planeta e os habitantes que quedan.

E hoxe aprendín que non de di pinchar en galego cando se pon unha vacina ou cando a roda perde aire con algo que se lle clavou. Pinchar só serve para saltar ou chimpar que así si que o usaba eu.

Etiquetas: , , ,

venres, 9 de abril de 2021

Indecisións


 

Dende o goberno un día din unha cousa e no día seguinte viran o sentido e din outra. Non sei de quen será a culpa pero a enleada das vacinas e dos grupos de idade rompen a cabeza a máis dun. Hoxe, poñamos por caso; van vacinar os de 50 a 55 anos, mañá mudan para os de 55 a 60 e pasado os vacinados serán de 60 a 65... e aínda non ha de parar o conto aí. Logo hai outra indecisión coas doses: que se dúas, que se unha, que se Astra Zeneca a primeira e Moderna a segunda, etc., etc. E digo eu, non poderán sentarse tranquilamente e decidir unha pauta a seguir e tirar para adiante co ela ? Medo me dá o que barallan !

Na foto unha indecisión de velocidade permitida: se queres correr miras o sinal da esquerda e xa está. Se queren multarte os axentes miran o sinal da dereita.

Etiquetas: ,

xoves, 8 de abril de 2021

Rotóndolas nos altos


 


 

Onte tiven un tempo de liberdade e fun ata os altos facer algunha foto xa que se pode. Na rotonda do aeroporto está a avioneta e como é tan grande a rotóndola tamén hai un canastro. Esta rotonda ten muito tempo xa. Había tamén unha furgoneta vendendo patacas da Limia e un posto de rosquillas. Por que estaban aquí ? Pois porque no Ifevi hai vacinación masiva e circula muita xente.

Outra rotóndola alí perto é a dos emigrantes. Antes emigrábase por barco ou tren, agora toca por avión.

Nótase que nos podemos mover inda que sexa para facer fotos !

 

Etiquetas:

luns, 5 de abril de 2021

Liberdade de paseo


 

Pola mañá déronlle por SMS o resultado negativo da PCR a Naideleo. Dúas horas máis tarde chamaron os rastrexadores e Naideleo díxolles que xa tiña a PCR negativa e xa non estaba confinada. " Ah, bueno " respondeu o home.

E agora xa pode saír e de feito foi mercar e a camiñar. Non é coma o soño que tivo uns días atrás que saía da casa e estaba todo o mundo sen máscara porque os médicos descubriran que coa máscara aparecían máis variantes de Cornoviros. No soño a xente estaba de festa coma nos vellos tempos e Naideleo estaba abraiada. Non, non estamos nos vellos tempos pero váiselle parecendo.

A foto é dun folleto que nos deron no hospital coas normas a seguir se és positivo ou se estiveches en contacto cun positivo.

E tirandiño para adiante !

Etiquetas:

domingo, 4 de abril de 2021

Operación Permanencia

 

Xa vai rematando esta semana santa e a nosa Operación Permanencia. Hoxe fomos ao Cunqueiro para que lle fixeran a segunda PCR a Naideleo e a ver se lle dan o resultado mañá e remata o enclaustramento. Imaxina que nesta semana o máis lonxe que fun foi ao Cunqueiro que estará a quince quilómetros ou así.

E mañá xa me toca traballar inda que os nenos sigan coas vacacións estas tan especiais.

Etiquetas:

xoves, 1 de abril de 2021

Un de abril

 
Estamos neste primeiro de abril na casa. Inda que soñei que viñan trens cheos de turistas abafados coma sardiñas en lata mentres unha veciña me dicía que non me botou en falta cando marchou ela. Saín pasear a cadela e mirei o coche radar da Garda Civil circulando. O día 30 estaban achantados detrás dun camión cando pasei a 51 quilómetros por hora nun treito limitado a 50. Non sei se me mandarán un "agasallo" polo meu aniversario.
 
E tocou cambiar folla de calendario e topei outro exemplo de catalego nun calendario que supostamente tiña que ser en galego e que aparecen as festividades en catalán. En fin.

 


 
E onte fomos ao parque á beira da piscina. Facía bofa ( seica había aire do Sáhara ) e había un home cunha mangueira no alto do edificio. Non o miras na foto ? Agora cha amplío.


Aí o está, nesa cornisa sen arnés nin corda nin casco...nin máscara !

Como faga iso hoxe vai ir a onde non debe ir...ao chan !

Etiquetas: ,