leoeosseus

Tuesday, 27 February 2007

Cinco meses



Hoxe o naipelo cumpriu os cinco meses e podes ver que é rideiro se lle fas algunha macacada anque no caso da foto estaba simplemente vendo unhas flores. Pasa gran parte do día esperto e xogando cos seus xoguetes, explorándoos e meténdoos na boca. Tamén "fala" e tuse ou berra para que lle fagan caso. Cando é o momento do baño patexa coma un poseso e bota a auga fóra e cando está debruzado quere gatexar pero o único que lle saen son uns movementos reptadores de miñoca. Nada, que o Leo progresa adecuadamente.

Labels:

Monday, 26 February 2007

Camelias e caracois

Onte saiu o sol por fin e puidemos ir visitar a mostra de fotografías de camelias de Cristina Barreiro en Marín. E gustounos. E aprendín que hai multitude de variedades entre as que está as variedades "Cidade de Vigo" e "Rosalía de Castro" entre outras. Tamén aproveitamos as lambonadas que había nunha sala como fixo tamén Oko.
E poño unha foto onde sae unha camelia cun caracol para dicir que no choio, polo medio dos bloques de granito, hai muitos caracois ou coscos.
A min dáme nonseique imaxinar o seu futuro se seguen na pedra así que trato de salvar a maior cantidade de bechos. Iso si; procuro que non me vexa ningún compañeiro de choio que me consideraría un tolo.

Labels: , ,

Friday, 23 February 2007

Sesta do blogueiro

Non sei se saberás que existe a sesta do carneiro que é a sesta que se bota xusto antes de comer.
Logo hai outra que se bota despóis de traballar, ducharse e cear e que consiste en monear co ordenador nas pernas media hora ou así mentres un trata de bloguear polo mundo internauta. Pois esta sesta chámase a sesta do blogueiro e eu practícoa case tódolos días, queira ou non. Esta sesta é a culpable de que postee pouco e non comente bastante. Espero que saibas perdoarmo. E agora vou durmir para cama. Boa noite.

Labels:

Tuesday, 20 February 2007

Entruido de antes


Hoxe é martes de entruido e este ano nin o cheiramos. Cousas que pasan.
Lembro cando non había case entruido que fomos varios rapaces veciños a pedir polas casas da aldea. Os disfraces eran roupa vella e caretas de cartón. Eramos curruvellos ou mecos. A xente pedíanos que fixesemos algunha gracia coma un baile ou que fixesemos o parvo. Eu ó primeiro andaba cortado pero despois de visitar varias casas xa me animei e non me extraña: a xente dábanos viño e galletas ou orellas ou filloas se as había. Dábannos viño sendo rapaces porque eran outros tempos.
Logo o entruido xa se institucionalizou e perdeu bastante gracia e agora ata nas igrexas hai disfraces para os rapaces.
E iso era o que quería contar hoxe e vou durmir.

Labels: ,

Sunday, 18 February 2007

Cuquín


Este da caricatura é unha das personaxes destacadas de Vilaguindastre. Nesta imaxe está facendo futing co seu can e podo testificar que o fan ambos con gorro de la vaia frío ou calor. Trátase de Cuquín, un home que no entruido está na súa salsa porque case ten máis disfraces que Mortadelo. Este home ten páxina web e estes días fai unha exposición de fotos dos seus disfraces.
Pois iso, feliz entruido con disfraz ou non.

Labels: , ,

Wednesday, 14 February 2007

Lenda do raio verde



Hoxe é o día dos enamorados e lembrei a lenda do raio verde. Esa lenda di que o derradeiro e ultimísimo raio do sol xusto antes de pórse é de cor verde e que se nese momento o ves con outra persoa o amor entre os dous será para sempre. Esta lenda serviulle a Xulio Verne para escribir unha novela e todo. Anque ó final non é lenda senón que é un fenómeno rarísimo que ata sae en fotos como a que poño que foi feita en Francia. O curioso é que Turgalicia promociona a costa galega dicindo que hai raios verdes.

Que queres que che diga ?. Eu con Ana nunca mirei raios verdes nin farrapos de gaita e non nos vai tan mal, non é ?.

Un saúdo e que haxa amor con raio verde ou non.

Labels: , , ,

Sunday, 11 February 2007

Fin de semana chuviñenta e caseira



Esta fin de semana foi mui caseira debido á chuvia. Así que aproveitei para dar unha volta pola interrede adiante e descubrín novos blogos. Liguei algúns deles e outros que me quedaran atrás noutras ocasións. Dáme mágoa non poder comentar en algún ou ter unha conexión tan lenta que non podo ver vídeos interesantes sobre o entroido en terras de Oza ou o falar dos canteiros.

E agora vou durmir que se non me esperta o espertador a pilas espértame o espertador a leite materno.

Labels: ,

Thursday, 8 February 2007

Cambios no atallo ó traballo



No mediodía teño hora e media para xantar e apenas me dá tempo para cambiarme, chegar a casa, xantar e marchar fungado para o choio para volver cambiarme e pórme a traballar. Co esas présas teño que buscar o camiño máis rápido anque sexa o máis longo e topei un atallo esquivando atascos. Ese atallo hai uns vinte anos era un camiño que abeiraba un río onde nos bañabamos os rapaces. Hoxe todo mudou e o río coas "humanizacións" escaralláronno e ten pouca auga e a poza da Fos desapareceu. O camiño está hoxe empichado e pasan coches con conductores apurados. Agora ese carreiro é unha rúa que conserva un nome precioso e sonoro e ata un chisco bucólico rememorando tempos pasados.

Labels:

Tuesday, 6 February 2007

Exposición de fotos de camelias



Hoxe chove e todos sabemos que a chuvia é boa para as prantas e as frores. Co inicio da primavera frorecen as camelias coas súas camelias de cores ben variadas. Pois ben, no Museo Torres de Marín vai haber unha exposición de fotografías de camelias na segunda quincena de febreiro. A fotógrafa é Cristina Barreiro e, coñecendo a súa sensibilidade e bo facer, non hai ningunha dúbida de que mostrará fotografías preciosas e dignas de premio.

Un engadido filolóxico: en Arbo chámanlle ghapoeiro á árbore das camelias e non sei se esa denominación terá que ver coa orixe das camelias que viñan do Xapón.

Labels: , ,

Sunday, 4 February 2007

Un motivo para emigrar



Na foto está o baúl que o meu avó levou a Venezuela e trouxo de volta. Era eu pequeno cando fomos despedilo ó peirao do Berbés que marchaba no trasatlántico Begoña. El díxome que me había de meter no baúl para poder ir co el a Venezuela pero no último momento fixo o despistado e cruzou a pasarela sen min.

Esta lembranza vén a conto pola pregunta que me fixo leco sobre que tres razóns me farían marchar deste país... E non sei que responder. Xa estiven en Londres un ano e medio e nos EEUU case tres anos e nos dous casos a razón que podo aducir é que foi por amor por Ana. Se ela vai ó fin do mundo, eu vou detrás. E despois deste motivo para emigrar pode haber un feixe de excusas...

Labels: ,

Friday, 2 February 2007

Candeloria e san Brais



Hoxe foi o día da Candeloria e as pombas da fábrica andaban alteradas unhas detrás das outras e mañá é san Brais, xa festa para humanos. Perto das canteiras, a comisión monta o lucerío que se ve ó lonxe e todo o día están botando foguetes que parece que deixan sen pólvora as canteiras. Tamén fan unha empanada xigante que reparten gratis entre o público.

Nós xa non imos pero houbo un tempo no que fomos varias veces e así puideron tirarnos esta foto uns amigos.

Esta foto é case un miragre: a cámara era mala, era noite e o flash non chegaba á distancia ; e aínda así saiu esta foto que me gusta pola frescura que ten.

Boa fin de semana.

Labels: ,