leoeosseus

Friday, 30 March 2007

Caroucas e kiwiños



Pois si. Tódolos días hai novidades e apréndense outras cousas. Por exemplo, hoxe o Leo comeu fruita por primeira vez; plátano pasado por batidora con laranxa exprimida. E eu oín por primeira vez a palabra carouca que en Arbo chaman así á vacaloura ou escornabois e no Porriño é carroucha. E tamén coñecín o kiwiño: unha variedade de kiwi de fruita pequena e pel sen pelo e comestible, que madura en agosto e resiste as xiadas. Ah, por certo: nós dicimos quibis e en Madrid din quigüis.

Labels: , ,

Thursday, 29 March 2007

Galicia nos gusta

A publicidade non ten límites: que terá que ver Galicia cunha aseguradora ?. O día que me pregunte o Leo cousas así vou quedar sen palabras.

Labels:

Wednesday, 28 March 2007

Bandeira dos xitanos


Onte fun facer a revisión médica para a nova empresa e tocouma facer nun edificio peculiar de Vilaguindastre. E dirás: que ten de peculiar o edificio da foto ?. Pois se amplías a foto podes ler o nome de edificio que non é outro que o edificio " Cristo vive " e nunha parede a bandeira do pobo xitano que ten unha franxa verde representando a terra aberta e outra franxa azul representando o ceo que son as únicas fronteiras que recoñece este pobo viaxeiro. Outro símbolo dese pobo é a roda do centro que representa a mobilidade desta etnia. Dende logo que se hai un concurso de bandeiras simbólicas creo que esta leva o premio.

Labels: ,

Monday, 26 March 2007

Seis meses



Hoxe fomos ó pediatra para a revisión dos seis meses de Leo. Mentres non entrabamos estivemos "lendo" libros que hai alí para uso dos pequenos mentres non entran. O Leo choroulle ó enfermeiro e á pediatra porque parece que empeza a extrañar e ademáis tiña soniño o naipelo. E os resultados estiveron mui ben: está grande coma un neno dun ano e repoludiño e a pediatra aconsellou que se lle empezase a dar fruita e algúns vexetais para deixar de ser naipelo cen por cen. Tamén aconsellou sentalo no chan que ten que sentarse e manterse así el só. Os dentes aínda non lle apareceron pero pode ser que anden por aí que ás noites protesta bastante. E agora semella un estranxeiriño cos seus "ijlidij", os seus "eak-eke" e os seus chasquidos de lingua estilo bosquimano. Tamén quere agarrar todo o que estea ó seu alcance incluido o Colín.

Bueno, que o Leo vai ben e ledo.

Labels:

Sunday, 25 March 2007

Misses

Hoxe quería mirar a serie Aída que río muito con Luisma, o irmán zumbado pola droga. Pero non pode ser. Están coa elección de miss España e van botar tempo abondo e é difícil a elección. Eu penso que desfila unha miss e pega a volta e cambia de cinta co nome doutra provincia e volve desfilar. Como vai por orde alfabética a primeira é miss A Coruña e de momento segue.
Por certo: alguén coñece o Banco Máis da foto ?.

Labels:

Thursday, 22 March 2007

Día da auga

Enteirome por aí de que hoxe é o día mundial da auga e, por casualidade, leo nun libro de Vázquez Figueroa que andaban os españois do século XVI na busca da illa Bímini, onde dicían que estaba a fonte da eterna xuventude. Xa había picaresca daquelas e había xente que vendía falsos mapas sobre a localización desa fonte. Con picaresca ou non, os españois buscábana pola península da Florida pero seica algúns científicos actuais topárona no Himalaia onde a xente dunha tribu chega ós 120 anos sen dificultade gracias a unha auga alcalina. E agora en Miami ( ó final vólvese á Florida ) estana embotellando para vender.
Eu , francamente, non quero chegar ós 120 anos así que procuro beber auga de forma rebaixada... a ser posible en forma de viño ou cervexa.

Labels:

Tuesday, 20 March 2007

Shinchan en Vilaguindastre



Nestes días de paseos familiares descubrín un dos maiores misterios do mundo da televisión. Que foi feito de Shinchan ?. Pois Shinchan logo de deixar a tele galega medrou, quixo conducir pero non deu aprobado e mercou un coche deses sen carnet e agora traballa de albanel nunha obra en Vilaguindastre.

Labels: ,

Monday, 19 March 2007

O Corpoaberto



O mércores acabo o contrato na empresa e recollerei as miñas cousas e despedireime dos compañeiros: Nonfalades, Mecaghoncrista e outros como " O Corpoaberto ". Este tal é un rapaz ben normaliño: dezaoito anos, longo e delgado coma un asubío. Ten un coche de cor agresiva e cheo de pegatinas de rallye e co escape escandaloso. Ata aí todo normal. O que ten de extraño ou fóra do común é que foi un corpo aberto muito tempo. O corpo aberto é unha persoa que ve mortos e pode predecir mortes e así el contoume de ver coroas de flores con nomes de xente que non coñecía e de ver rostros en camiños, muros e portas. Os pais quixeron tirarlle ó fillo esta habilidade e lévarono a unha meiga que lle rezou un esconxuro e lle pendurou unha cadea no pescozo cunha chave de prata bendecida e así deixou de recibir mensaxes e visións de ultratumba.

Semella incrible que nesta época tan tecnolóxica aínda sobrevivan estes asuntos tan antigos e esotéricos.

Labels: ,

Sunday, 18 March 2007

Lecturas na baixa



Onte tocábanos embotellar porque está a lúa minguante e seica é bo para embotellar pero non fomos por culpa da miña baixa. Pero estar de baixa ten as súas cousas boas: teño " quality time " para estar con Ana, Leo e o Colín e podo ler cousas que tiña apartadas. Gustoume o libro de Diego Ameixeiras " Tres segundos de memoria " que semella un diario ou un blogo e ten frases que me fixeron rir. A que me gustou muito foi a que di: ten menos futuro ca un submarino descapotable.

Xa ves que non perdo o humor e que vou millorando do susto.

Labels: , ,

Thursday, 15 March 2007

Accidente no choio


Como non todo son flores, primavera e cousas bonitas; hai acontecementos que non son moi alegres. Pasou o luns coma se tal cousa, chegou o martes trece e trascorreu sen novidade e logo veu o mércores e á tarde tiven un susto na fábrica que puido ser grave. Estaba eu descarregando un bloque de granito xa cortado en pranchas e trataba de enganchar o casqueiro; a parte exterior e sobrante do bloque; cando partiu e caiume un anaco enriba. Foi unha imaxe fugaz e difusa, algo gris que se se me botaba enriba e me golpeaba. Pilloume de raspallón e marcoume o pescozo e o ombreiro, arrincoume o casco e tiroume ó chan. Ó final todo foi un susto que quedou nunha inchazón por detrás da orella, o ombreiro esquerdo raspado e o brazo dereito con varias feridas dende o pulso ata o cóbado resultado da caída. Fixéronme placas e non teño nada roto e agora estou de baixa. Ó final Ana tiña razón ó ter medo de que me pasase algo neste traballo e alédomonos de que deixe este emprego para a semana que vén.

Labels:

Sunday, 11 March 2007

Flores amarelas

Hoxe fomos a Arbo e facía un día primaveral e soleado. Hai muitas flores de cores variadas como as brancas das ameixeiras, as violetas pequenas dos pexegueiros, as camelias e as magnolias lilas na súa maioría. Logo hai flores silvestres pequenas pero coa cor amarela con predominancia.

A primeira flor é a ceruda que ten un líquido amarelo dentro do talo e que se empregaba para sandar problemas de pel.



A segunda é o pampillo que vale para facer liñas nas alfombras de flores do corpus e para encher...cando non se empregan as flores da mimosa que son amarelas tamén.




A terceira foto pertence ó mexacán, unha flor amarga que dicían que atraía os cans para mexar nelas e daí vén o nome.






E a última é a chorima, a flor de toxo, que muita xente quería facela emblema de Galicia.
E non sei se debería ser a flor emblema de Galicia pero está claro que ten que ser unha flor amarela.







































































Labels: ,

Thursday, 8 March 2007

Homaxe a Carlos Casares

No ano 2000 tiven ocasión de asistir a unha charla de Carlos Casares en Vilaguindastre. Había un feixe de estudiantes de instituto supoño que "forzados" a asistir á charla, tres ou catro señoras e eu. Ó primeiro os rapaces tiñan cara de aburridos pero Carlos Casares nin se inmutou e seguiu co sorriso que traía. Empezou a contar como cando neno escribiu para un concurso no colexio, como escribiu un conto para o fillo dunha amiga e logo publicáronllo, como coñeceu á súa muller no tren que a levaba á Coruña e el convenceuna de ir a Santiago, da casualidade de sentarse xuntos e de saber inglés os dous; el galego e ela sueca, etc.
En fin, que Carlos Casares era un chorro de palabras sinxelas e boas e logrou meter no saco a toda a mocidade que asistía ó acto. Eu logrei falar co el á saída da charla e asinoume o folleto da foto que eu, de parvo, esquecera levar algún libro dos seus. Con vergonza, ruborizado e tatexando deille un papel cunhas palabras que recollín e que non saían en ningún dicionario para que el quedase de gardián delas.
E pasou o tempo e morreu de súpeto...Ou non ?. Eu sei dun gasolineiro que ten a súa cara cuspida. Calquera día collerá o bolígrafo e deixará de asinar albaráns e porase a escribir á marxe do choio de cada día. Que así sexa.
Este posteo invitado a escribir por Marcos adícollo á Mariquinha de Vedra que nunha ocasión comparoume con Carlos Casares e sentinme realmente gabado.

Labels: ,

Tuesday, 6 March 2007

Falsas apariencias

Estes días estou traballando con "Nonfaledes" e sempre temos momentiños de parrafeo. Onte falamos das situacións cando a xente pensa que un é un delincuente. A min pasoume un par de veces: en Londres nunha tenda o segurata perseguiume pensando que eu ía ghispar algo. Eu seguín o xogo e fixen como que quería levar algo ata que cansei do xogo e marchei da tenda. Outra foi en Tui que me coincidiu cunha señora por unhas ruelas solitarias e ela debía de pensar que quería roubarlle o bulso que o amarraba e aceleraba o paso. Así seguimos un anaco ata que os nosos destinos fixo separarnos.
A "Nonfaledes" pasoulle tantas veces que perde a conta. O máis grave que lle pasou foi nunha ocasión que tiña presa e corría por Vigo. Dous policías foron detrás del e ó final un púxolle a pistola no sen da cabeza. Como para mexar por un. O policía díxolle que non lle dispararon na carreira porque había xente polo medio.
E na foto está Paideleo no carné de bus de Londres hai anos. Non me extraña que co esa pinta a xente desconfiase de min !.



Labels:

Monday, 5 March 2007

Lenda romana das lampreas



Onte houbo unha celebración familiar e houbo lamprea para comer. A lamprea é un becho raro que parece unha becha e que me gusta que non ten espiñas nin escamas. A lamprea vive do sangue doutros peixes e daí creouse a lenda de que os romanos lles botaban escravos ás lampreas para alimentalas. Isto contoumo miña sogra e non puiden evitar buscar esta noticia en internet: os romanos non botaban escravos ás lampreas senón ás morenas.

Labels:

Friday, 2 March 2007

O Mecaghoncrista II

Nada é inmutable e o famoso "Mecaghoncrista" xa non parece Curro Jiménez e semella máis o Don Limpo. Resulta que ( segundo el ) tivo unha pelexada na súa cachola entre o peite de 3000 euros que o pousaba e peiteaba so e as súas guedellas e cortou o pelo polo pé para dar remate á pelexeira. Xa desistiu de conseguir unha bufanda filla da bufanda que lle gustaba porque a bufanda non está preñada e matina el se a bufanda non será bufando. Agora gústalle un gorro de la que trae o tal da bufanda e sempre llo pide anque sexa so unha voltiña. E non perdeu a imaxinación co rape do pelo que conta historias de veciños que enterran sapos nos pés das videiras doutros veciños con quen non se levan ben para que sequen as videiras.
E mañá contará algunha máis.

Labels: