leoeosseus

Wednesday, 28 March 2012

29 de marzo



Un simple obreiro ten poucas oportunidades reais de facer historia e unha delas é facendo manifestacións e folga xunto cos demais. Sabemos que esta folga de pouco ha valer pero teremos a conciencia tranquila por facer o correcto. Porque o que temos hoxe non é regalo dos empresarios ou do estado; é gañancia dos traballadores que luitaron polo que temos. Non están os tempos para arriscar o posto de traballo pero tamén hai que saber dicir " Non " cando é non.
A imaxe collina da rede e tiña outra data. O texto di: " Estamos en folga xeral. Facer folga axúdache seriamente a ti e aos que te arrodean ".

Labels:

Sunday, 25 March 2012

Kommunikation ist Alles


Esta fin de semana tocou cambio de hora cos seus trastornos engadidos cos horarios dos nenos, as comidas e a hora de durmir. Tamén hai que buscar reloxios por toda a casa e no coche e menos mal que algúns cambian de hora por si sós.
Isto faime lembrar a historia que lle pasou a un compañeiro xubilado do choio. Un ano esqueceu adiantar a hora do reloxio e chegou tarde ao traballo. No ano seguinte lembrou de cambiar a hora e cambiou o espertador pero non llo dixo á muller. A muller sabía o despistado que era o home así que ela adiantou outra hora máis o reloxio que xa estaba posto na nova hora e non lle dixo nada ao home. Cando espertou o home foi ao traballo todo convencido de que ía na hora pero chegou e non había ninguén. Alá quedou el matinando sobre se sería festivo local ou algo así ata que dalí a unha hora foron aparecendo compañeiros que viñan na hora boa porque el chegara unha hora antes.
Por iso titulo eu este posteo coa frase: a comunicación é todo.

Labels:

Saturday, 24 March 2012

Noveno mes


Aquí está a macaquiña da casa no seu noveno mes. Segue activísima e espabilada. Agataña sen medo por todas partes e se lle dis que non toque ou faga algo; ela ri, arrandea a cabeza dicindo que non e fai o que lle peta. Levántase agarrándose a mobles ou a unha perna nosa e sóltase dunha man e todo. Non empezou a andar pero pouco lle ha de faltar. Segue cos seus dentes de abaixo e mete muito o polegar esquerdo na boca para todo.Supoñemos que ten os dentes de arriba para saír e non a deixan tranquila. Di muito " papapapa "," babababa " e "mamamama " sobre todo para pedir ou protestar por algo. No comer é de baixo mantemento que non lle encanta nada en concreto e hai que facerlle mil historias para que coma algo.
E a conta segue.

Labels:

Tuesday, 20 March 2012

Travesía de las Necesidades


O outro día enteireime de que Google Maps ampliou bastante a área que recolle e fun dar un " paseo " por Vilaguindastre adiante. Descubrín algunhas persoas veciñas, constatei a evolución dalgunhas obras porque hai fotos de datas distintas e por eso mesmo tiven a posibilidade case máxica de ver o meu coche en dous sitios distintos: aparcado diante da vivenda e diante do traballo.
O máis curioso foi que descubrín unha calexa cun nome rechamante e pintoresco que é a Travesía de las Necesidades. O que non sei eu é que necesidades poden ser esas para seren satisfeitas nun calexón privado. Investiguei en Google Maps a ver se existían máis travesías de necesidades no mundo pero só Vilaguindastre ten o dubidoso mérito de ter un lugar con tal nome.

Labels: , ,

Monday, 19 March 2012

O señor das lampreas


Hoxe é o día do pai e non debín de ser mui malo que recibín uns agasallos marabillosos. O Leo deume un peixe-chaveiro cunha caixa de papel e unha careta e ademáis recibín unha entrada para ver Les Luthiers en directo.
O avóM gusta máis de celebrar os acontecementos cunha boa lampreada. Este ano tívoo bastante difícil que non chove e o río non leva auga e non se pescan apenas lampreas. Isto non sería obstáculo para o señor das lampreas; un home que xa se retirou e que adicou toda a súa vida á pesca no río Miño. Eu sei mui pouco del pero hai dous detalles que me quedaron na chencha.
Un é que coñecía tan ben o río, os seus remansos, os seus rápidos, os caveiros onde poñen os ovos as lampreas e todo; que a Guardia Civil chamábano sempre que desaparecía unha persoa no río que el sabía onde ía acabar flotando o cadáver.
O outro detalle era que dicía que o frío do río era bo para a fertilidade, que " peghan " ben os bichiños que ten o home. E debía de ser certo porque despois de pasar a noite no río entraba co frío no corpo na cama, arrimábase á muller e case sempre empreñaba que remataron tendo un feixe de fillos ao longo da vida.
Pois iso, feliz día do pai con lampreas ou sen elas !.

Labels: ,

Saturday, 17 March 2012

O Jolivú


Estes días pasados tivemos na empresa uns técnicos vidos de Zaragoza. Como trato de tirarlle parecido a todo quisque estes dous tíñanme un parecido razonable con actores. Un semellábame a Benny Hill pero máis novo, claro. O compañeiro lembrábame a Adriano Celentano pero cunha tatuaxe de Héroes no brazo.
E falando dese mundo dos artistas isto todo faime lembrar a un compañeiro que tiven na Citroen. Era un home que levaba sempre unha botella de medio litro de viño no peto da camisa, na hora do taco sempre traía comida fría da casa nunha tarteira e era bastante patoso traballando que se ensuciaba máis ca os novatos e así levaba unha capa de papel estilo superhéroe para non emporcarse de pintura. Tiña un falar serio e sempre botaba pestes á empresa. Acostumaba dicir: " Isto non é Jolivú que isto é a Sitroén, carallo ". Daí xurdiu a nomeada de Jolivú que lembrei estes días.

Labels:

Friday, 16 March 2012

Fame blanca


O Leo está pasando unha mala época con mimos e contestando mal. Non sabemos o que lle pasa que sempre di " mentiroso ", " seta " ou " y a mi que me importa " e varía a tontería duns días para outros. Supoñemos que serán ciumes da irmá e que se lle irán pasando... ou indo a máis, quen sabe ?. Tamén o pasou mal ultimamente porque ten unha moa picada. Non comía nada e espertaba de noite coa dor. Onte foi ao dentista e púxolle un empaste temporal e o Leo recuperou bo humor e apetito. Non é que agora teña fame negra pero vai comendo e así o Leo di: " Hoxe non teño fame; teño " fame blanca ".
Deixo unha foto dese pirata que nos rouba corazón e que nos dá malos e bos momentos.

Labels:

Sunday, 11 March 2012

Cambio de turno




Pasei catro semanas traballando en turno de noite e sen muito tempo nin gañas para escribir no blogo. Agora toca cambio de turno e a ver se escribo máis. E para volver falo da descuberta dun blogo de Londres en galego e ligo a versión do conto do lobo e os sete cabritiños en galego do neno Brian e que me fai lembrar as historias que monta o meu Leíño.


A maiores engado unha foto no posteo que mostra a ironía dos veciños do edificio onde durmín estes días.

Labels: ,

Sunday, 4 March 2012

Festas de sempre



Por estes lares estamos en festas e no luminoso da entrada teñen un toque actualísimo co punteiro estilo ordenador. Na música atronadora seguen co estilo invariable de toda a vida con cumbias, pasodobles, rancheras e demáis músicas vacilonas e bailonas de hai cincuenta anos para acá. Nestas festas podemos topar verdadeiros héroes como os rosquilleiros ou a banda de música que desfila imperturbable baixo a chuvia sen ninguén que os vexa polo camiño. Tamén descubrín que hai unha " Cumbia del cucumelo " que me espertou a orella filolóxica e tiven que aclarar na interrede o significado dese " cucumelo ". Outro asunto é que hai rancheras como " Mátalas " que non sei como as seguen cantando nestes tempos onde o " crime pasional " está tan mal visto con toda a razón do mundo.

En fin, visto o visto non hai nada novo baixo o sol.

Labels: