leoeosseus

martes, 30 de xaneiro de 2018

Grandes palabras



Eu quixera escribir grandes palabras pero non son quen de facelo. Outros escriben palabras cheas de significado pero que xuntas non teñen sentido; polo menos para min.
Eu son máis de palabras vellas que ecoan de cada vez máis lonxe.
Ou de chiste alegre e simplón.
- Teño una noticia boa e outra mala, a mala é que pola crise non hai que comer e temos que comer merda.
- E a boa ?
- Que hai merda para todos.

Etiquetas: ,

sábado, 27 de xaneiro de 2018

Septuaxésimo noveno mes ( e mais tres días )

 
 
A xoubiña vaise formando ós poucos e reafirmando gustos. Xa non lle gusta o taekwondo nin o ioga e agora encántalle a piscina porque mergulla a cara. Tamén probou xadrez e semella que vai seguir. Outra actividade que comezou sen afán e que agora lle presta é a música.
Quere saber de todo como capitais do mundo ou receitas de comida ( anque non coma ) e pregunta sobre a vida e a morte, os divorcios ou antepasados.
O barco segue o seu rumbo.

Etiquetas:

luns, 22 de xaneiro de 2018

Nova mascota do camiño


Levamos uns días grises, poallentos e case pechados na casa. Saímos dela para traballar, irmos ao cole e actividades e pouco máis. Son días de tele, chocolate con churros e de preparar disfraces.
Tamén Vilaguindastre semella triste con novos establecementos pechados anque no despacho de lotaría non paran de conseguir premios.
Pero sempre queda lugar para o optimismo e así frutas Katuxa crea unha nova mascota para os pelegríns que se chama "PeraGrino" que se engade ás anteriores mascotas do Camiño.
Xa chegará o bo tempo !.

Etiquetas: ,

luns, 15 de xaneiro de 2018

Luns triste


Seica hoxe é o "Blue Monday" ou luns triste que é o baixón que lle dá a un despois de rematada a época de Nadal e o comezo das rebaixas. E para min, que non sabía do conto, empezou apagado cun día gris, frío e de néboa sen asomar un raio de sol e lendo de casualidade O diario de Anne Frank en novela gráfica. Mira ti se non xustifica a tristeza do día !.
Non podía seguir así e xa fixen por cambialo; fomos xantar a Lademanu en Tui, un sitio limpo, agradable, de bo trato e boa comida a prezo interesante. E tamén vou aparcar a lectura do libro ata mañá. Total, xa sei o final.
Que o teu luns vaia ben.

Etiquetas: ,

domingo, 14 de xaneiro de 2018

Primeira palabra do 2018


O outro día sentín a palabra "pubela" no choio como referíndose a un contedor de lixo. Nunca a escuitara e preguntei a Google. Nas imaxes saían contedores que ese é o nome en romanés pero quedaba lonxe ese país de Galicia. Así que seguín explorando e topeina como palabra empregada por portugueses que veñen de Francia e Suiza porque en francés o contedor é "poubelle". De aí debeu de entrar por Galicia da mans de portugueses ( vivimos ben perto ) ou de emigrantes galegos.
En galego "pubela" existe como a enésima forma de nomear á folla do piñeiro que é "candea" en Vilaguindastre, "pirlo" en Sardiñeiro e "fasco" por Arbo.
Sempre se aprende algo !.

Etiquetas:

venres, 12 de xaneiro de 2018

Coco


Levaba tempo sen mirar unha película tan boa e orixinal. Na película "Coco" un neno entra no mundo dos mortos que é un mundo cheo de cores. E logo están os "alebrijes" que son animais fantásticos de cores incribles. Esta película emocionoume de verdade polos sentimentos de familia.

O Leo non quixo ir ao cinema. Vai medrando e prefire xogar ao fútbol cos amigos.
O noso Leo vai medrando.
Aí o vai cheo de ilusión co balón e as chaves de casa.



Etiquetas: ,

sábado, 6 de xaneiro de 2018

Cabalgata 2018

 
Pois houbo sorte e despois de botar a chover todo o tempo dende o día de Nadal, onte deixou de chover.
Saiu a cablagata ás seis en punto e a toda velocidade. A policía local cortaba o tráfico e despregaba toda a parafernalia cos dous cabalos supoño que alugados e os " recollepedros " ao rabo deles.
 

O Leíño repartía caramelos dende a carroza de Melchor. El e os compañeiriños repartiron tantos caramelos que quedaron sen apañar muitos deles.


A carroza de Baltasar tamén está adornada polo colexio de Leo e o rei saudou a Xela.


Ao principio da cabalgata ía a rondalla de Pontellas e pechando a cabalgata ían uns animadores mui vistosos.
Xela ía ir camiñando con Naideleo pero como leva unha tempada sen comer está débil e quedou de público comigo.
Levou un par de caramelazos que a fixeron chorar pero despois seguiu apañando caramelos.


E o día de hoxe viñeron os Reis e deixaron agasallos para todos que ben os merecemos.

Etiquetas: , ,

mércores, 3 de xaneiro de 2018

Un novo ano


Un ano novo e haberá que pedir algo.
Supoño que o primeiro será pedir saúde para min e para a familia e iso pido. Tamén pido tranquilidade ou paz e que non haxa envexas como dicía a bisavoa Celia que unha muller botou mal de ollo á vaca que tiñan hai unha chea de anos e cansou o leite. A solución era sacar a camisa do pantalón coas dúas mans e facer o sinal do cruz coa camisa por diante dos cornos do animal.
Outra petición: que non chova o día da cabalgata. Despois do traballo que levaron os pais do cole sería inxusto non facer a cabalgata de Reis o venres.
E pouco máis se pode pedir, nonsí ?.

Etiquetas: ,