leoeosseus

luns, 30 de marzo de 2020

Airearse


Haberá unha hora que saquei a cadela a pasear e fun ao parque que temos á beira da casa que, milagreiramente, non quedou precintado pola policía local. Aquí hai paz e pode mirarse montes a quilómetros de distancia e éntrame a cobiza de poder ir ao Aloia, ou ir aos muiños do Deique ou subir a Cabreiros e mirar o gando solto ou ir ao Galiñeiro...pero non pode ser. Menos mal que teño libros abondo na casa e xa estiven no Macchu Pichu, no Sáhara, na Baixa California e agora vou a Exipto.
E hoxe tiven un agasallo, comín bigotes e torta Sacher, mandáronme un vídeo mui xeitoso e faltoume soplar unha candea pero en algo ten que notarse estes tempos tan extraños do Escornaviros.

Etiquetas: , ,

domingo, 29 de marzo de 2020

Xa anda o becho por aquí


Seica anda o becho por Vilaguindastre. Venres á noite houbo unha acción tipo película con coches da policía local e ambulancia con sanitarios disfrazados de astronautas para levar a un home que levaba días sen dar sinais de vida. Resulta que vive cun irmán que está hospitalizado e que deu positivo.
Tamén andan os militares pola zona e o goberno restrinxiu aínda máis as actividades laborais. A ver se é verdade porque había aserradoiros de granito a traballar e non creo que sexan mui esenciais.
Fun hoxe mercar pan e saíronme tres cans a ladrarme e subirme polas pernas, a dona non sabía como pedir perdón e púñase no medio como querendo separar os cans de min pero querendo manter unha distancia de seguridade. Na padaría crin recoñecer un cliente con máscara e cando lle preguntei se era o irmán dunha coñecida case me escapa coma se tivese a peste. No videoclub ( inda resiste este negocio que semella doutra época ) o dono limpaba as máquinas expendedoras de chuminadas.
 
Pasei diante dos edificios adornados con globos de cores.


Xa pertiño da casa os leriantes dunha casa tiñan música infantil no balcón e a xente dos edificios en fronte bailaba e seguía a coreografía do armadanzas. Cando estaba eu a chegar acababa a festa e quedaban para a tardiña ás oito que, seica arman unha boa festa despois dos aplausos para o persoal sanitario.
E, grazas a estes aplausos, cada vez somos máis os veciños que saímos e vou coñecendo a algún.
Leo lévao bastante ben pero dálle arroutadas e berra e protesta por veces e o outro día enfadouse co ordenador e marchou por unha porta e apareceu pola outra despois de dar unha volta arredor das casas.

Se para nós é duro para os nenos creo que é pior. E menos mal que non están na parvolescencia !.

Etiquetas: ,

sábado, 28 de marzo de 2020

Xentiña pola rúa


Malos tempos para pasear así que poño unha foto de hai uns meses.
Un dos paseantes era O Señor das Chaves, un que traballou de chófer de autobús e que últimamente daba a volta á mazá onde vive cun monllo de chaves na man. Neste confinamento mireino dentro dun coche mirando o móbil.
Outros que seguen a pasear é a Parella Plasticosa que levan sempre uns pantalóns de lycra. Pero como non poden ir xuntos van cada un pola outra beirarrúa da estrada.
Tamén mirei ao Jehobicho que un día levaba unha máscara como das guerras das galaxias no supermercado e falaba coa caixeira e non se lle entendía nada. El ría e a caixeira tamén, supoño que por educación. Mireino outra vez camiñando e sen máscara con cara feliz. Debe de pensar que vai ir para o paraíso un día destes.
E que farán estes días os Motorizados que ían levar e buscar a filla ao cole nun aparello destes para non gastar zapato ?.


Son tamén malos tempos para todo e para os namorados e os amantes non che conto. Si.

Etiquetas: ,

xoves, 26 de marzo de 2020

Fixándose na natureza


O Cornoviros ten outros efectos colaterais na natureza. O aire está máis limpo e hai menos ruido no ambiente. Xa non lembro cando mirei un avión voando. Onte sentín un peto no bosque de enfrente. Supoño que o sentín porque hai silencio e outros anos seguro que está aí. Hai merlos, sirinas e carboeiros e o mandarinoque temos no xardín e un eterno zoar de abellóns, que ocupan o espazo que deixaron as poucas abellas que quedan. Hai dous días mirei unha vespa brava como buscaba co seu potente voo unha présa. Ten un voo perfecto e para no aire sen problema coas patas traseiras esterricadas atrás. Mirou unha abella e así que a colleu levouna coma se nada. Estas asiáticas son unha peste coma os bicudos vermellos das palmeiras que pasaron a segundo plano con este maldito Cornoviros que zapatea todo o coñecido e nos presenta un futuro de incerteza.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de marzo de 2020

Centésimo quinto mes ( e mais un día )


Este mesario eche ben atípico con este peche involuntario.
Xela lévao bastante ben, sempre está enredando de aquí para alá cos aparellos electrónicos, cos diversos xogos, coa cadela, con Leo, etc. Cos amiguiños de clase fala por videoconferencia de whatsapp e o outro día felicitaron a un que estaba de aniversario. Cando saio para traballar dime que non colla o coronavirus.

Por non variar segue a comer pouco e a expresar o seu carácter.

Espero que o seguinte mesario sexa máis feliz e ceibe.
De momento o que queda é permanecer na casa o máximo posible como ben nos lembra Elsa.

Etiquetas: ,

martes, 24 de marzo de 2020

Máis presión


O asunto complícase por todas partes. Non sei os datos exactos pero nin quero sabelo nin creo que ninguén saiba a verdade completa. Hai novas de que está o exército xa por vilas coma Tui que está a un paso daquí. Os controis son máis estritos e xa levo a documentación da cadela e a miña porque multan a xente que bota máis de dez minutos a pasear a cadela. Nos supermercados de cada vez están os empregados máis protexidos e hai restricións de varios produtos anque parece que a xente xa o toma con máis calma á hora de mercar e non hai tantas ringleiras de xente.
A xente pola rúa vai soa e non pode quedar parada. Iso si, hoxe mirei o cachimán dun puticlub veciño que acompañaba a tres compañeiras coma se fose o máis normal do mundo.
Na casa imos collendo unha rotina para tratar de non tolear e creo que o estamos conseguindo anque isto vai para muito tempo.
Dentro do malo por fin mirei aos amigos arxentinos de Carolina do Norte onde tamén se están complicando as cousas.

Etiquetas:

domingo, 22 de marzo de 2020

Prolongación da corentena


Outros quince días pechados na casa; máis ben os nenos que eu teño que traballar e a maior ritmo que sempre. Naideleo tamén sae o imprescindible: para pasear a cadela ou mercar algo.
Esta noite tiven un soño bonito: andaba con Xela por Vilaguindastre e había corentena pero fomos por un calexón que eu descoñecía con casas de estilo inglés e o camiño sen empichar e había xente feliz que se tocaba e falaba e postos de comida e bebida como nas festas. Eu preguntei abraiado se lles permitían ter o posto e dicían que como eran ambulantes tiñan permiso. Logo había unha suposta coñecida que ía cun can e que lle tocaba un brazo a Xela. Algo hoxe impensable. E xa non lembro máis.
Na vida real estamos aquí e vaise levando con whatsapps e videochamadas con familia e amigos. Tamén hai películas e comics que topei por aí.  Ata hai unha web para escuitar radios de todo o mundo. Leo e Xela danlle patadas ao balón no xardín que temos que é pequeno pero que dá muito xogo nestes tempos. A cadela está feliz que estamos todos na casa e non queda soa.
No xantar falamos de que ían prohibir as procesións: " os picudos lilas que van en manifestación " como di Leo.
E así nos vai

Etiquetas: ,

sábado, 21 de marzo de 2020

Case unha semana aínda


Onte fun mercar co coche que chovía. Aproveitei para fotografar esta casa coas bandeiras italiana e española.


Do supermercado á panadería fíxome graza este anuncio.
Como non había empanada en ningún sitio fun máis lonxe a unha tenda onde non se fai cola para entrar e a maioría dos compradores son homes. Había un ambiente máis alegre que nas tendas do centro. Iso si, case todos levaban algunha protección anque foran bufandas ou luvas de tea.


Puiden facer unha foto dos fentos altos para ensinarlle a Xela porque hai dúas semanas tivo que levar un fento a clase e para topar un nacido era difícil. Semella que pasou una eternidade.
Tamén aproveitei para visitar á avoaE cun xardín de separación entre nós. Cada mañá esperta pensando que isto é un pesadelo pero logo decátase de que é a triste realidade.



Nalgúns balcóns asoman globos de cores ou debuxos de arcos da vella feitos por nenos.

Aledan un pouco este ambiente de cada vez máis gris e restrinxido.

Etiquetas: ,

xoves, 19 de marzo de 2020

Día do pai " especial "


Hoxe é festivo anque extraño. Eu tiven que traballar que a xente ten medo a deixar sen alimentar os animais e as vendas incrementáronse.
Os nenos fixéronme unha tarxeta con cualidades boas miñas como que falo cos veciños e así eles coñecen outra xente, entre outras.
O ambiente segue pesado e triste sen coches pola rúa e apenas xente e menos aínda nenos. A ver se a partir de hoxe poden saír facer recados cun adulto.
O Leo semella medrar co peche obrigatorio e o pixama quédalle curto. A ver se non segue o confinamento senón teremos que buscar unha tenda de servizos mínimos para mercarlle roupa.
E as novas seguen sendo malas e ata a lingua galega segue co virus do catalego, agora na CRTVG co ese " ha estableu " enxertado a machada na nova do feche das fronteiras con Portugal doutro día.

Etiquetas: , , ,

mércores, 18 de marzo de 2020

Menos mal


Onte pola mañá caiu un guindastre enriba da capela e dun edificio de Telefónica e menos mal que case non tocou o parque infantil que grazas a este estado de alarma estaba baleiro.
No choio hai muito estrés: todos os clientes queren material porque traballamos na alimentación animal e a xente pide e pide. De feito, no rural hai un desfile de chimpíns e tractores para arriba e para abaixo para apañar herba, cortar leña ou traballar na veiga que fai bo tempo e hai que aproveitar.


Hoxe fun mercar e Vilaguindastre semellaba unha gran cidade coas ringleiras de xente gardando distancia á porta dos supermercados e a a megafonía dentro avisando de manter a distancia de seguridade. Tamén obrigaban a pór luvas e limpar as mans cun xel alcohólico. No Lidl había pouca xente porque está pechada a zona de bazar. As barreiras dos dous aparcamentos estaban levantadas e os coches na estrada ata semellan ter medo do andazo que gardan máis  distancia de seguridade que a cotío.



Agora ir mercar faise agobiante así que millor quedar na casa como anuncian na fonte da rotóndola de Mos.


Se sais da casa ten precaución anque vaias en moto. Nunca sabes onde está o becho !.

Etiquetas: ,

luns, 16 de marzo de 2020

Con permiso para circular


Avanza esa película absurda que non ten fin á vista e a cada día aparece unha novidade que non é precisamente boa. Fun traballar de mañán e as personaxes deste filme viñan caracterizadas con máscaras e luvas e algúns con medo na cara. Algún camioneiro non o entende aínda e pensa que é unha gripe forte. Tamén hai unha señora que abre o seu tabernucho de "  estrangis " coas ventás pechadas pero a cheminea delatándoa.
No momento do taco ( estabamos sentados algo afastados ) falei de que seguro que ían restrinxir a circulación e meu dito meu feito; máis tarde o xefe repartiu xustificantes por se  nos paran na estrada. Volvendo á casa na autovía os carteis informativos prohibían viaxes non xustificadas.

Máis tarde paseei á cadela e a policía local case para para dicirme algo. Estaba eu só na rúa e pasou un autobús zombie: o chófer ou choferesa sen pasaxeiros.

Fixen esta foto onde abrocha a primavera a pesar dos pesares.

Etiquetas:

domingo, 15 de marzo de 2020

Pan ou can



Hoxe estaba Vilaguindastre que semellaba Elizabeth City ou  " Pueblo Muerto ". Poucos coches, dous cuadrípedos en quad facendo ruido, outros dous ciclistas e toda a persoa camiñando que mirei ou levaba pan ou levaba can e mui poucos nenos. Este día era perfecto para o coche do Google Street.
A xente tomou conciencia e queda na casa. Uns pintan, outros limpan, outros arromban, outros xogan, outros len ou miran a tele ou xogan con aparellos electrónicos, outros cociñan, outros din cousas boas dos que están na mesa, outros fan simulacros de accidentes, etc ; o caso é pasar o tempo.

Etiquetas:

sábado, 14 de marzo de 2020

Estado de alarma


O asunto vai a máis e non só na empresa: van limitar a circulación de xente e o goberno ten, entre outros, plenos poderes para requisar propriedades privadas incluindo hospitais privados e personal sanitario. Todo polo ben común e para non saturar o sistema médico que merece un aplauso como o que acabamos de facer na entrada da casa.
Os da casa aproveitamos a tarde solleira para pasear polo monte  que temos perto e rir en familia.
Van ser muitas horas de estarmos xuntos.
Deixo unha foto dunha fonte neste monte.



Etiquetas:

venres, 13 de marzo de 2020

En corentena



O asunto estase a complicar. Os nenos están sen clase dúas semanas polo menos e o presidente do Goberno declarou o estado de alarma en todo o país e non quedará aí a cousa.
Fun mercar e había de todo: estaban algo escasos os estantes da carne, fariña, leite e papel hixiénico pero ben. Nótase pouco tráfico e as terrazas dos bares con pouca xente anque o bar Casiano tiña as tres mesas cheas de xogadores de naipes. Hai alguna xente con máscara e notei que non se arrima muito. Na caixa do supermercado ía facerlle un meco a un bebé pero reprimín o impulso.
Os nenos están como de vacacións pero fartos de tanto escuitar sobre o virus. Lévano pior os maiores da familia: os avós e a bisavoa pero temos que estar separados por se acaso.

Etiquetas: ,

martes, 10 de marzo de 2020

Calamidade


Pois semella desbocarse o problema este do virus Covid-19. No traballo queren quitar a máquina de fichar tactil para evitar contaxios, o empregado da limpeza ten que desinfectar pomos de portas e no taboleiro leva días exposto como debe lavar un as mans e como se contaxia este andazo que non sei se será para tanto ou estamos parvos. O que sei é que van mudar muitas cousas e vai haber consecuencias económicas penso que máis graves que as da enfermidadade en si.

Fixen esta foto hoxe de Vilaguindastre tranquila coas bandeiras lilas do día da muller aínda ondeando e con xente paseando e músico da rúa que non sei se no futuro se vai repetir doadamente.

Que todo quede en nova de moda como as que cada pouco nos machacan desde todas partes.

Etiquetas: ,

sábado, 7 de marzo de 2020

Saír da casa


Almorzar un bocadillo de xamón asado, xantar nunha tapería, ter a sobremesa en Mondariz Balneario e gozar da actuación de Xela e compañeiros da academia de música son actividades que se poden facer nun día solleiro dos poucos que tivemos neste mes.

Etiquetas: ,