leoeosseus

Thursday, 30 November 2006

O compañeiro marroquino



O meu novo traballo é nunha empresa de granito da que non vou dicir o nome. Estou no parque de bloques que son eses "azucarillos" de dez a vinte toneladas. Veñen en camión e hai que "aparcalos" cun guindastre ata que se leven a cortar. Tamén estou encarregado de cargar dúas cortadoras de bloques en chapóns e limpar a zona.

Os compañeiros son do suroeste de Galicia menos un marroquino que é o meu mestre. O seu apelido é Nonmefaledes e chapurrea un galego-portugués simpático. Aparte de ensinarme o choio ensinoume a dicir graciñas en árabe: sokrán e escribiu o meu nome en árabe, como ben se ve na imaxe.

En canto á familia dicir que todo vai ben. O Leo ri e gaguexa e segue medrando e engordando.

Ata outra.

Labels: , ,

Wednesday, 29 November 2006

De volta


¡ Xa estou de volta !. Coma o circo "hincrible" e "favuloso".

Labels:

Tuesday, 14 November 2006

Empezo o traballo



En inglés existe o termo ¨quality time¨que vén a ser o tempo que adica unha persoa a estar coa familia. A partir de mañá redúcese o meu ¨quality time¨e paso de ser emigrante retornado a ser asalariado por conta allea así que a miña comunicación por este medio vaise reducir aínda máis para o meu pesar.

E aquí deixo unha foto tirada en Marín nesta fin de semana pasada cando aínda facía bo tempo e ían as ruibéns pró mar.

Ata outra.

Labels:

Thursday, 9 November 2006

Trompos



Xa estamos case no san Martiño, trompos no camiño; así que puxen unha foto cos meus trompos. Teño outro trompo pero fáltalle a punta así que non valería para xogar. Dos trompos da foto só vale un: o que está máis á dereita porque baila ben e ten unha arrincada boa para poder fuxir do ataque dos outros xogadores. O resto dos trompos son apouchas, trompos que poño se o meu trompo non baila dereito ou queda no círculo trazado no chan cando remata de bailar. A unha das apouchas fáltalle a piricota que é a cabeciña de madeira onde normalmente se lle crava unha chatola para que non rompa por aí. A apoucha da dereita está rachada vítima dun nicazo bo.

En fin, teño gañas de que medre Leo para xogarmos ós pións.

Labels:

Monday, 6 November 2006

Curiosidades no camiño a Arbo



O domingo fixo bo tempo e puidemos ir ata Arbo. O Leo ía tranquilo e esperto no coche e logo quedou durmido. O camiño a Arbo ten algunhas curiosidades que poden pasar desapercibidas se un non se fixa. Nós levamos feito este camiño as veces suficientes como para coñecer os puntos curiosos da rota.

E hoxe vou mostrar dúas curiosidades: o letreiro dun curandeiro en Tortoreos, As Neves; e un canastro feito cen por cen de metal en Vide, As Neves.

Dende logo que os donos destas curiosidades darían para unha novela ou ben un conto.

Labels: , ,

Friday, 3 November 2006

Canastros: fotos e denominacións



No anterior posteo puxen unha foto dun canastro de pedra de Ponteareas que me gusta polo adorno do pinche. Houbo comentaristas que falaron da denominación canastro para hórreo. Dicir que neste zona do val do río Louro dise canastro normalmente e logo calustra para o hórreo de madeira como o da foto da esquerda.

A outra foto é do ano 2002 e son cabaceiros en Vivenzo, Melón. Para a palabra hórreo hai muitas variacións como cabaseira, cabozo, cacipo, etc. Creo que está claro que me gustan estas cousas.

Labels: , ,

Thursday, 2 November 2006

Liberación



Coa liberación de Roberto estou ledo coma o adorno do canastro da foto.

Quero agradecer a todos os que comentaron dando ánimos e apoios na espera do fin do secuestro. Tamén quero agradecer as mostras de ledicia recibidas pola liberación do meu curmán.

E a vida segue. Que a noite dos calacús e o día dos Mortos vos fosen bos.

Labels: