Sempre se aprende, lembra e ri. Esta fin de semana aprendín da bisavoa Celia que " facer as beiras " significa arrimarse a alguén aparte de namorar. A avoaM quería arrimarse a Xela pero estes días andou coa moqueira así que a nai lle dixo: " Non lle fagas as beiras á nena ! ". Tamén aprendín que " facer aghuardente " significa pingar o nariz pola catarreira como dixo avoaM nada máis baixarmos do coche en Arbo.
Lembrei a palabra " aghoar " que é o que fai Xela cando mira a xente a comer que semella que tamén quere comer. Busqueina no dicionario de dicionarios e parece que esta palabra é só do sur de Pontevedra.
Tamén coñecín unha chica que segue este blogo dende o principio e por fin coñeceu a Leo en persoa. Xuro que non é familia nin a coñecía de antes e sempre dá unha alegría unha cousa así.
E tamén rimos con Leo como non podía ser doutro xeito.O outro día foi ao baño e funlle fechar a ventá. " Para que non che entre o frío ", díxenlle; e el respondeu: " E que así temos un problema. Si se conxela o cu o buraco é redondo e o hielo é cadrado. "


