leoeosseus

Monday, 27 May 2013

Rengos e máis aprendizaxes


Nas estadías en Arbo acostumo aprender cousas novas e este domingo non ía ser menos. Aprendín que " desistir " pode significar ir ao baño a facer augas maiores e tamén aprendín que hai unha herba mala que se chama " rengo ". Tamén aprendín que se lles fai un nó aos alleiros. Seica así medran máis as cabezas de allo enterradas. Non sei se é verdade pero aquí faino toda a xente.

Labels: ,

Sunday, 26 May 2013

Paragüeiro, cultura e deporte

 
 
Onte sábado estivemos por Tui e atopei un afiador que vén unha vez ao ano a esta cidade. Estivemos un pouco de leria e preguntoume se sempre lle falaba en galego a Xela. Díxenlle que si e respondeume: " ¿ Pero también le hablarás en castellano ? ". Eu díxenlle a verdade, que non que o resto da xente xa lle falaba en español e mesmo Xela introduce palabras españolas e trata de correxirme o que digo. Este paragüeiro debe de pensar que se non se lle fala español na casa aos nenos non aprenden e todos sabemos que o español hoxe é o idioma inevitable.
 

 
 
 
Mentres en Vilaguindastre tiñan todo pechado ao tráfico e había un despregue incrible de medios para o primeiro triatlón.
 

 
 
Supoño que en contraste co festival de Cans que así tivo que competir en público co triatlón.
Non sei por que non organizaron os eventos en datas distintas. Semellou unha luita entre deporte e cultura.

Labels:

Friday, 24 May 2013

Vixésimo terceiro mes



A naipela segue avanzando no aspecto físico á súa velocidade e agora salta escalóns e todo. Aprendeu a baixalos sen apoiarse e agora xa os salta. Tamén corre e gústalle facer " ximnasia ". No comer si que non avanza e segue sendo de baixo mantemento. Progresa no falar e faime graza que remata en "i" as verbas que rematan en consoante coma " sol " e " señor "  e " oso polar " que son " soi " e " señoi " e " polai ". Tamén usa ese " i " como negación nunha frase: " i guta " ( non me gusta ). Tamén aprende muito español na guardería e así quere correxirme cando falo. Xa lle cambiou o nome ao irmán e xa non é " Lô " e agora é algo entre Lío e Leo.

Labels:

Sunday, 19 May 2013

Polo norte


De perdidos ao río e como semellaba que ía chover toda a fin de semana decidimos ir polo norte. A chuvia non foi tal e puidemos visitar ancestros, homes xigantes, esqueletos, condes Von Siro e Dagobertos, viaxar polo espazo, facer experimentos, ver fauna mariña e como comen focas e subir nun ascensor-bóla a un mirador. Todo iso entreverado con comidas con pasta e pizza negra con polbo, discusións con chóferes de autobuses, tapeo, festival de Eurovisión. Xela iniciouse no mundo dos parques de bólas e a chuchar bebidas pola palliña e o Leo chorou cando hoxe tiñamos que voltar para casa que mañá lle empezaba a rotina.
Foi unha fin de semana sorpresa e intensa.

Labels:

Friday, 17 May 2013

Feliz día de san Pascual Bailón !


Neste día de san Pascual Bailón non todo vai ser Roberto Vidal Bolaño.
Ao millor hai monicreques en Redondela.
Que o tempo acompañe !.

Labels:

Sunday, 12 May 2013

Tempo de poupas


Estamos a mediados de maio e séntense muitos paxaros. Hoxe oín o moucho cerca e corrín coa cámara a pillalo pero pillei a poupa da foto. Chámase así seica polo seu canto " pu- pu- pu " e ten fama de cheirar mal porque fai o seu niño coa súa cachicha. Antes había casas en Arbo que as tiñan coma quen ten hoxe un loro e que repetían algunha palabra. Tamén está no refraneiro de Arbo que din " Cando a poupa anda a poupar é tempo de sementar ".
Sigo admirado polo zoom da miña cámara !.

Labels:

Sunday, 5 May 2013

Nais


Hoxe é o día da nai e fixemos un brinde polas nais, avoas, bisavoas e futuras nais mentres desfrutabamos da lamprea.
Eu só querería saber que nai simpática acabaría sendo Pippi.

Labels:

Paseando en maio

 
 
Maio pode estrearse cun paseo á beira do río Miño.
 

 
 
É unha oportunidade perfecta para topar cun amigo da infancia, xogar en parques infantís, fotografar graffitis ou que Xela probe o primeiro xeado da súa vida.
 


 
Neste sábado cambiamos do río para a ría e despóis do xantar baixamos á zona da ETEA de Vigo onde un cuartel da mariña quedou aberto para desfrute de toda a xente.
Non me extraña que poñan pintadas dicindo: " Gora ETEA " ( " Viva ETEA ").
 



Desta vez un parque con forma de barco atraiu a atención dos pequenos.
A min gustáronme as imaxes do mar tranquilo e o ceo azul.
Seguiremos paseando !.

Labels: ,

Wednesday, 1 May 2013

Dignidade


Haberá uns vinte anos eu era veciño de Maxi. El traballaba noutra empresa distinta á miña pero gañaba o mesmo salario ca min. Cando chegaba o día vinte sempre me pedía prestadas 40000 pesetas que me devolvía nada máis empezar o mes seguinte. Eu non sabía en que as gastaba nin me importaba pero Maxi sempre cumpriu co trato coma un cabaleiro. Nunha ocasión deixou de pedirme cartos e ata hoxe.
Pasaron todos estes anos e Maxi rematou entrando no paro haberá uns tres anos como muitos que está a atacar esta crise. O outro día mireino entrar nun bar a mirar un partido. Non ten muitos cartos así que nin pediu na barra nin colleu silla nin nada. Púxose de pé a mirar todo o partido sen tomar nada pero tampouco gastou silla nin mesa, con toda a dignidade do mundo.
Muito deberían aprender uns nestes días revoltos en cuestión de traballo e dereitos dos traballadores mentres outros malgastan, aprovéitanse da situación e aínda por riba choran por máis cartos e subvencións.

Labels: ,