leoeosseus

Sunday, 28 February 2016

Con Patoca na neve






O venres Xela saiu toda contenta do cole que lle deran a mascota da clase para pasar a fin de semana na casa. A mascota é Patoca, unha foca e que lugar millor para unha foca que a neve !. Tivemos sorte de que houbese neve en Portugal, diante de Arbo e así puidemos tirarnos bólas de neve, montar no trenó, facer monecos de neve ( o avóM era o principal construtor e Leo o destrutor ) e fotografar a paisaxe e a Xela con  Patocas.
Agora están durmindo os dous abrazados cansos desta xornada.

Labels: ,

Friday, 26 February 2016

Semana de Rosalía


Esta foi a semana adicada a Rosalía de Castro e así hai monicreques contando a súa vida e a súa poesía.
Outros musicalizan poemas e a min gústame a versión de " Negra sombra " por Astarot. Este vídeo foi realizado por uns alumnos de fotografía que son uns artistas e non coma min que miro unha ringleira de espellos retrovisores de coches de coloríns e tírolle unha foto.
Os retoques fíxenos en iPiccy.

Labels: ,

Wednesday, 24 February 2016

Quincuaxésimo sexto mes


Esta é Xela disfrazada da tigresa " Malaspulgas " e fáltanlle as luvas de boxeo que levaba postas no seu disfraz co que ía gañar o premio ao máis orixinal porque unha tigresa con luvas de boxeo non existe.
Que contar dela ?. Segue espabilada coma ela soa. No comer segue igual anque agora deixa de comer se lle respiras ao prato, se o miras ou se lle doe a boca, segundo di ela. Xa non sabemos que facer co ela. Gústalle a tortilla " de la gorda " que é a española, chinchos e pouco máis. No cole están contentos co ela que é mui lista anque ten un carácter rebelde. Ten máis amigos ca amigas e xa non lle chista tanto ir a patinaxe. Con Leo ten os seus máis e os seus menos e cando a chincha ela non dubida en pegarlle. Non quere que lle lea os contos en galego e faime graza cando di " femento " no canto de " cemento ". Segue durmindo con cueiro anque hai noites que non o molla.

Labels:

Tuesday, 23 February 2016

Pasaportizándonos


Hoxe temos que facer o pasaporte. Imos botar uns días no verán nunha terra chea de fervenzas, apaixoada polo peixe e cuns cabalos mui especiais.
Busquei fotos antigas dese país porque xa sabes que me gustan as fotos antigas e deixo estas tres de arriba.
As que perdín de mirar expostas en decembro foron as de Gustav Hennigsen que xa son tiradas en Galicia pero bastante tempo despois, anque semelle que non.
Deixo dúas mostras.

Labels: ,

Sunday, 21 February 2016

Entruiando un chisco

 

Por fin fixo bo tempo e saíron as comparsas. Aproveitei e percorrín Vilaguindastre coa carauta simpática da foto. Aconsellei deixar de fumar a algúns, pedín que me incluiran nos selfies a outros e tamén pedín o número do móbil a máis dunha. Asustei a non poucos e saudei a algúns veciños, camareiros, o axudante do mecánico, un compañeiro do traballo e un exalcalde de Vilaguindastre.
Logo tocou mirar as comparsas que foron muitas e variadas e as que me gustaron especialmente foron as de Galicia Calidade con peliqueiros e galegas danzantes e a de Nosa Terra no País das Marabillas. Houbo bastante público e o incombustible Cuquín paseaba disfrazado polo medio da xente. O que si constatei foi a pouca xente que ía disfrazada por libre. Supoño que será polo tarde que se celebra o entruido despois de dúas semanas de cancelación.

Labels: ,

Friday, 19 February 2016

Pupieiriñas everywhere


Estes días andei pola interrede dabondo para actualizar ligazóns e navegar polo pracer de navegar. E, cal foi a miña sorpresa cando topei un blogo onde falaban das Pupieiriñas; aquelas que creei para darlle xusto mérito ás mulleres que son as principais argallantes en asuntos do Nadal. ( Nós somos homes e elas deusas como ben aclaran nunha cafetaría de Marín ).
Ao que ía, eu non podía crer que as miñas Pupieriñas cobrasen vida e preguntei ao señor Google que todo o sabe... e si que cobraron vida !. Tanta vida cobraron que anda unha meiga viguesa dicindo que son protectoras dos nenos e tiroulles toda a relación co Nadal para metelas na mitoloxía celta !.
Outras rapazas puxeron o nome das Pupieriñas ao seu grupo girlscout.
Pero onde acadaron éxito foi polas terras de Vincios, Gondomar; onde saen nun conto titulado " Xulia e as pupieiriñas " e ata saen nunha obra de teatro do colexio " Apalpador e Pupieiriñas ANPA ".
Ten razón Eduardo Prieto Casares cando di que elas xa non precisan de min que hai que velas ceibes, nas bocas das xentes.

Labels:

Thursday, 18 February 2016

Día Internacional da Síndrome de Asperger



Porque hai outros modos de mirar o mundo, de entendelo a outro ritmo e de tratar de comprender o que fan e din os demais.
Quen o explica ben é Leonardo Caracol, en prosa e en verso.

Labels:

Tuesday, 16 February 2016

Diferentes espectáculos


O domingo, cando fomos recoller a Leo de pasar a noite fóra da casa, aproveitamos para gozar de dous espectáculos ben diferentes.
Un foi a pezza de teatro-danza " Xoga " da compañía Entremáns que, con música, danza e unha coreografía distinta falan do corpo humano e as súas partes.
Logo xantamos no centro comercial e, dende a terraza, admiramos o río Miño crecido.

 
Como nos quedaba de camiño fomos ao salto de Velle que estaba aberto para soltar unhas augas embravecidas que formaban olas e golpeaban contra os muros dunha maneira que semellaba un mar entolecido. A xente estaba alí admirando o espectáculo e ata algún arriscou o pelexo del e do fillo, como o da foto, que xa a parella se encargou de recriminarlle a acción que logo pasa o que pasa.
Hoxe xa todo volveu ao seu cauce.




Labels:

Sunday, 14 February 2016

Día dos enamorados


 
Mentres Leo pasa a súa primeira noite de campamento por terras ourensás...


Xela abraza ao seu pai anque teña esa cara tan simpática.
Non hai nada como estar enamorados.

Labels: ,

Friday, 12 February 2016

Entruido virtual


E a chuvia que non para e fastidia os carnavais e entruidos !. A ver se mañá saen as comparsas no desfile.
Como o tempo non acompaña eu celebro o entruido de forma virtual pola interrede adiante.
Os que o celebran en grande son os de dous barrios veciños e rivais de Salceda que levan máis de cen anos organizando festas á parte. Na ditadura disfrazaban o carnaval co nome de festa da primavera ou do santo no que coincidía o martes de entruido. Compiten desfilando con dúas carrozas distintas e a temática é un segredo para os do outro barrio. Publican o cartel ( pasquíns ou pesquíns ) co progama da festa e no pé poñen unhas coplas contra a xente do outro barrio. Na festa, cos altavoces orientados ao barrio rival, compiten as músicas e a iso das cinco da mañá botan foguetes e logo soltan as coplas. Pero a rivalidade remata aí e a xente divírtese e pasa a noite indo dunha festa á outra pero coa cara ben tapada para que non os descubran os doutro barrio.
Aquí deixo o exemplo do pesquín do barrio Castro Barreiro e outro do barrio da Feira de distintos anos.
A foto de arriba podería valer para este carnaval que o entruido é iso: burla e diversión a costa das autoridades ou dos veciños.
E fuchicando tamén visitei virtualmente outros entruidos ancestrais pero estes xa pola banda de Portugal. Así coñecín os caretos de Podence, os de Lazarim e os de Grijó de Parada nun documental que xa ten os seus aniños pero que está vixente que aínda celebran o entruido máis ou menos dese xeito agora.
A ver se mañá acompaña o tempo...

Labels:

Wednesday, 10 February 2016

Disfraz de cachimán


Este entruido foi un desastre con tanta auga caída do ceo. Só mirei disfrazadas ás empregadas dos dous Eroskis, nun ían de personaxes de Mario Bros e noutro de polis e cacos. Neste último tiñan un moneco de seguridade chamado Sr. Cachimán que para min significa un home forte, musculoso, un " cachas ". Pero non sabía se era palabra española ou galega así que busquei pola interrede. En español sae co significado de sitio pequeno para gardar cousas. En francés é o nome dunha fruita e logo é o nome dun lugar de Haití. Nun dicionario galego sae co significado de " sátrapa, home astuto e ladino ". Hai que seguir buscando para que apareza alguén da Coruña dicindo que é un tipo cachas e outro de Vigo especificando que di cachimán en galego para un home grande e forte. E tamén o topei nun vocabulario de Muxía.
Mira ti a que altura descubro que cachimán é unha palabra galega !.

Labels:

Saturday, 6 February 2016

A seis de febreiro



É tempo de entruido e así onte desfilaron os nenos do colexio detrás da carroza coa temática dos xogos olímpicos de Río de Janeiro.

 
 
Os de infantil ían coa bandeira olímpica e un gorro feito por eles. Así está Xela na foto.
 



Os de primaria ían con bandeiras e a Leo tocoulle a de Nova Zelandia que non se sabe se seguirá vixente despois de marzo. Despois de levar o traballo de facela porque non daba chegado por internet o Leo estivo mal case toda a semana e non  puxo o disfraz. Aparte tamén apareceu o pedido de internet e así nos xuntamos con varias bandeiras das nosas antípodas.
Iso si, o Leo quitou a espiña de disfrazarse hoxe un chisco co disfraz de Chewacca. Anque foi na casa porque fóra choveu a mares e suspenderon os desfiles.
Xa virán outras ocasións !.






Labels: , , ,

Monday, 1 February 2016

Paz e arxón

 
 
O sábado foi o día da Paz e o venres no cole tiveron a charla do pintor sirio Ali Ali. Aparte escolleron os alumnos de cada clase ao compañeiro que merecería o Nobel da Paz. Leo quedou en bo posto pero o bo foi que votou por el a que conseguiu o premio. O blogueiro Brétemas fala dunha pacifista galega que ben merecía ese título por estar tantos anos diante da Casablanca protestando pola política militar dos EEUU.
 
 
No meu traballo non merecemos o Nobel da Paz porque non somos cen por cen bos e ata nos insultamos pero en broma. Un insulto que circula pola fábrica é " arxón " que eu, na miña ignorancia en asuntos agrarios, pensaba que era burro por " arre " e " xo " dito xunto.
Preguntei o que significaba e os meus veciños da Louriña saben o que é e dixéronme que eu pouco traballaba no campo. Seica é o pau que guía as prantas trepadoras como no caso da foto cunha roseira. Preguntei en Arbo se sabían que era un arxón pero alá chámanlle estaca. Tamén no Salnés existe esa palabra.

Labels: , ,