leoeosseus

venres, 31 de agosto de 2012

O bo de ser blogueiro



Sei que baixei o ritmo de posteo e o ritmo de comentarios pero de algo que me alegro sendo blogueiro é cando recibo presentes e máis cando veñen de sorpresa.
O último que me chegou viña da Fonsagrada pero con sinatura arxentina-galega. O presente foi un libriño dun home que se sente galego anque só estivera na terriña nunha ocasión. O seu avó emigrado foi quen de inxectarlle o amor por esta terra e o idioma galego que muitos menosprezan.
Dese libriño quédame unha boa lembranza e a imaxe dunha chave dun hórreo pendurada nunha parede arxentina.
Graciñas, Antón do blogo Cuspe de pita.

Etiquetas:

martes, 28 de agosto de 2012

Todo son voltas



Estamos metidos nun círculo inmenso e todo dá volta e xira sen fin e así repetimos e recreamos o xa feito e vivido anteriormente. A Volta ciclista pasa por Vilaguindastre pero nós damos unha volta por outra parte onde semella a volta aos anos da fame cando se roubaba o sementado nos campos.

Etiquetas:

venres, 24 de agosto de 2012

Décimo cuarto mes


O tempo pasa lixeiro e xa van alá catorce meses dende o día que naceu a xoubiña da casa.
Ela segue avanzando en todo a unha velocidade que non estamos acostumados e así sobe ao sofá, ás camas, foza en todo canto hai e baila e ri todo o tempo. Bueno, cando non consegue algo funga e berra a toda voz. Sempre quere subir e baixar as escaleiras e explorar camiños novos. Ten bastantes dentes e moas ( creo que seis arriba e cinco abaixo ). O dente que lle falta penso eu que ten que ver co costume de zugar do polegar esquerdo para adormecer. Aparte de zugar do dedo tamén fai caracois coa outra man e riza aínda máis o seu cabelo.
Co Leo lévase ben e son cómplices en risos e algúns xogos anque hai veces que pelexan por algún xoguete.
E así vai, medrando e medrando a pesar de que come menos ca un paxariño.

Etiquetas:

domingo, 19 de agosto de 2012

Bágoas


Corría o ano 1990 e eu estaba na mili. Tocábame de cuarteleiro de noite, de vixiante do corredor dos dormitorios, vamos. A iso das dez da noite chega un compañeiro meu de volta dun permiso. Trouxérao o pai ata o cuartel no camión e seguía camiño. De alí a dúas horas vénme o oficial de noite e dime que o camioneiro pai do compañeiro tivo un accidente e que morreu. Díxome que non ía espertar ao compañeiro ata a mañá para non preocupalo sen necesidade. E alá quedei eu soíño naquel corredor silandeiro matinando na morte dun pai e como o levaría eu. E deume por chorar e chorar e seguín sen parar por bastante tempo naquela noite ata que os ollos secaron.
Supoño que aquela noite chorei polo meu pai o que tiña que chorar o día que morrese. Non atopo outra explicación ás poucas bágoas que botei hoxe pola morte do meu pai, o avóP. de Xela e Leo.

Etiquetas:

martes, 14 de agosto de 2012

Visita ao zoo


O Leo leva unha tempada teimando cos lobos así que decidimos levalo á Madroa a que mirase os lobos. Non sei como os imaxinaba el pero dixo que os que mirou eran pequenos. O Leíño aínda non sabe que os homes son os lobos para o home pero xa o aprenderá co tempo.
Xela alucinaba con todos os animais. Ela sinalaba e soltaba un " Aaaaaa" que lle saía do corazón.
A verdade é que deixa admirado esta nena que imita todo e quere facer rir á xente. Tamén me deixa abraiado que empece a tararear cancións.
Con estes dous non hai momento tranquilo.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de agosto de 2012

Avanzando



Os reis da casa avanzan ao seu ritmo. O Leo aprendeu a xogar ao parchís e á oca e tamén quere ter unha mascota na casa. Chegamos ao acordo de que será un peixiño.
Por outra banda, Xela vai a unha velocidade que non estamos acostumados e iso que apenas come sólido. Ela vai explorando o mundo a toda velocidade e sen medo a case nada, bueno, os cans atráena pero cando se acercan muito ela non gosta desa proximidade. Xela é mui alegre e aleda a muita xente, sobre todo ao avóP que o está pasando mui mal ultimamente.
É unha alegría esta nena cando che dá unha flor, unha aperta ou unha galleta.

Etiquetas: ,

luns, 6 de agosto de 2012

Teenagers


Interneteando por aí adiante topei este cartel que ha de ter xa uns aniños pero que non perdeu vixencia.
A tradución sería: " Adolescentes. Estades fartos de ser acosados polos vosos estúpidos pais ?. Actuade xa !. Mudade de casa... Conseguide un traballo... Pagade as vosas facturas. Facédeo mentres aínda saibades todo. "

Etiquetas:

sábado, 4 de agosto de 2012

Liberando un libro


En abril topei un libro en Vilaguindastre para ler e ser liberado despóis para que o lea máis xente. Eu lino e libereino no " marco incomparable " da fonte de Sardiñeiro en Fisterra.
Agora que o lea máis xente e que conte a súa viaxe en bookcrossing. O libro é Out de Natsuo Kirino e o código é BCDI 842-10236530.

Etiquetas:

venres, 3 de agosto de 2012

Deixo unha pegada


Pasa o tempo e gustaríame escribir máis no blogo pero non hai tempo material: o traballo e a familia ocúpano todo ou case.
Gustaríame poder multiplicarme e atender todo e poder estar de vacacións e facer cousas distintas como botar un partido de fútbol - lama agora que estamos co ambiente de olimpiadas. Ademáis do partido hai pulpo e acampada !. Eu non vou pero ti aínda estás a tempo de desfrutar desta xogueta tan orixinal.

Etiquetas: