leoeosseus

domingo, 28 de xuño de 2015

Finalizando xuño


Nesta quincena que rematou traballei de noite e non puiden probar as sardiñas de san Xoán nin o chouripán.
Supoño que arderían as fogueiras e que se roubaría algún carro e algunha cancela.



O que si houbo foi atentados por ese mundo adiante.
Nesta pintada explica o que se debe facer cos extremismos.


Puiden dar algún paseo e fotografar o río Tea na Freixa. O que me fixo lembrar o que dixo un compañeiro do choio con respecto ao rapaz afogado no Miño: " A min non me gusta a aghua nin o aire; eu quero pisar onde pisa o boi. "

Etiquetas: , ,

xoves, 25 de xuño de 2015

Cuarto ano ( e máis un día )



Con san Xoán veñen as fogueiras, as sardiñas e os roubos de cancelas e carros; pero tamén é o día que naceu Xela, a xoubiña guerreira.
Este ano fixo os catro anos e estaba radiante de felicidade. Convidou a algún amiguiños do cole ( todos, os vintecinco, habían ser un pouco muitos ) e brincaron, merendaron e abriron regalos no parque de bólas.
Graciñas a Maia, Erik, Braian, Nayra, Aitana, Nerea, Aynara, Lucas, Nikolas e Xaime por compartir a ledicia do día.

Etiquetas:

luns, 22 de xuño de 2015

90



Noventa poden ser muitas cousas como grados, quilómetros, empregados, clientes, etc, etc. Pero cando se fala da idade dunha persoa entón xa é un asunto de máxima importancia.
Así a bisavoa Celia chegou onte a esa idade, unha vida con bos e non tan bos momentos.
Noraboa para ela e a súa filla a avoaM que fixo os 68 anos. Unha casualidade das grandes que fagan anos o mesmo día a nai e a filla. Non me extraña que quixeran que Xela nacese na mesma data...e case o consegue que foi cunha diferenza de tres días !.

Etiquetas:

luns, 15 de xuño de 2015

Segue a pasar o tempo


A vida segue unha liña pero tamén ten o seu ritmo cíclico e o osiño de peluche de hai catro anos apareceu de novo no ceo o outro día.
Hoxe fun a Vigo e gastei un euro nun malabarista dos semáforos da praza dos cabalos. Bueno, gastei non que invertín. Como invertín mercando un libro para Leo e outro para Xela, á que estabamos a agardar hai catro anos. Descubrín unha tenda co nome " Sipi Nopi " do que estivemos a falar o outro día que era o que se dicía cando ensinabas cromos a outro neno e que din de formas distintas por aí adiante. Uns pais ( máis ben nais ) pedían libros gratuitos para a escola no Príncipe. Gastei no parking e gastei no concello de Vilaguindastre para que os nenos poidan ir ao comedor escolar e invertín nas cousas da casa que merquei no supermercado.
Segue a pasar o tempo.

Etiquetas:

venres, 12 de xuño de 2015

Mercadiño solidario


O instituto Terra de Turonio de Gondomar onde estuda Desirée, a rapaza que perdeu unha perna por neglixencia médica; organiza un mercadiño solidario onde se venderán a prezos ridículos os produtos que aportaron particulares e comercios. Alí pódese atopar roupa, complementos, xoguetes, libros, etc, etc.
Mañá sábado todo o día no Campo das Cercas, en Gondomar.

Etiquetas:

mércores, 10 de xuño de 2015

Coas calores de xuño

 
 
Levamos uns días de muita calor. O venres pasado suei esperando para facer a revisión da ITV do coche e iso que lle dera un mangueirazo antes de ir. Por certo, nun lavado de coches topei outro exemplo de " catalego " co ese " Moltas gracias ".



Nun parque os nenos fuxían de min porque facía de zombi. Agacheime detrás dun muro e asomeime para facerlles esta foto.


Esta calor vénlle ben, dentro do malo; ao vagabundo que dorme nunha cama de pedra e le un libro dos masóns.



O sábado andamos un pouco por Mondariz Balneario ( e iso que morrían abafados os paxariños ). Nun cartaz informativo aprendín un novo nome galego para o cabaliño do demo e non é outro que o sonoro " quitaollos ".
Tamén no choio teño oído estes días o de " pixallada " por bronca do xefe e o de " ese non solta a ghaliña " para dicir dun que non paga ou non solta os cartos.


O domingo fomos a Cesantes un momento e os nenos gozaron coa auga, as algas e a area.
E así pasamos estes días: con pouca roupa, bebendo de todo, durmindo no chan incluso e disparándonos con pistolas de auga. O ordenador pouco o toco: dá calor e Xela quere algunhas noites que lle lea o conto do señor Coc e outro de Pepa Pig e quedo durmido co ela.
E agora vou beber e mirar se durmo que, anque baixou a temperatura fóra, na casa non se para coa calor.

Etiquetas: , ,

domingo, 7 de xuño de 2015

Diario de Greg en galego


O Leo non está mui inspirado últimamente así que teimou por traducir os Diarios de Greg ao galego. A verdade é que non sei como non están traducidos que cuido que habería lectores.
Bueno, pois iso, el encárgase da tradución no seu galego que non está no millor momento ( hai catro anos era millor ) i eu encárgome dos deseños ( que tampouco estou no millor momento ).
E así ocupamos momentos do día.

Etiquetas:

venres, 5 de xuño de 2015

Estoria feita historia



Estou a rematar de ler " La invención del pasado " de Miguel Anxo Murado e, a verdade, estou abraiado coas invencións, cambios, omisións e versións dos feitos históricos que se fixeron e fan non só en España senón en todos os países do planeta. O autor di que a estoria que se conta na lareira remata escrita e transformada en historia pura e dura segundo interesa ao poder do momento.
Eu merquei en Muxía ( creo lembrar ) o libro da foto que é un longo poema da historia de Galicia ou Ibia que empeza de cando era o Paraíso ata os tempos medievais. É fantasioso para min pero quizás sexa a verdade xa que a historia que estudamos resulta que é unha ficción manipulada.
Non sei.
Agora quedo con ganas de ler " Outra idea de Galicia " a ver que tal. Sempre será millor un libro de ficción que a realidade en pantufas de casa coas veciñas e a Garda Civil.

Etiquetas:

mércores, 3 de xuño de 2015

Boas excursións


Mañá o Leo ten a súa excursión que é unha saída á praia de Samil todo o día con xantar nunha coñecida hamburguesería. Non é unha excursión como para tirar foguetes pero prefiro un día de praia que non visitar un cuartel de policía e xogar a polis e manifestantes ou sexa, bos e malos, co significado que iso pode entrar nesas mentes infantís.
En fin, menos mal que foi en Portugal pero non me extrañaría que se chegase a facer por aquí.

Etiquetas: ,

martes, 2 de xuño de 2015

Festival 2015

 


Hoxe foi o festival dos nenos no cole. Póñeno a estas alturas de curso  para safar o día das letras galegas e o fin de curso dunhaatacada e, bueno, de letras galegas non tivo nin a máis pequena canción. Claro, o festival estaba adicado ao rock e seica o galego non ha valer para iso. Iso si; había inglés e brasileiro e unha canción en español.
O festival estivo ben e, aparte de facer coreografías de cancións cada curso, houbo mostras de taekwondo, patinaxe e multideporte das escolas da ANPA. Os meus nenos participaron coma todos e fixérono mui ben.
Pero ao Leo o que lle presta de verdade é escribir e ata ten criterio autocrítico que non dubida en tirar ao lixo escritos seus de varias páxinas e que lles supuxo días de traballo. Tirou o que ía ser o diario de Billy Bomba do que rescatei coa cámara estas dúas páxinas onde fala de Papa Noel e as dúbidas que ten sobre se serán os pais os que traen os agasallos.
 
 
 
 
E para rematar este posteo dicir que a foto de arriba foi feita hoxe. Anuncian o circo Roy e alguén modificou e puxo circo Rajoy, pintou o pallazo con barbas e gafas e engadiu texto onde di que os españois son os primeiros en abandono escolar e os segundos en pobreza infantil despóis dos rumanos.
Póñoo aquí porque é un claro exemplo de arte efémera e verdade duradeira.



Etiquetas: ,