leoeosseus

sábado, 30 de xaneiro de 2021

Nobel da paz e patatillas


 

Onte Xela saiu toda contenta do cole porque lle deron o Nobel da Paz na súa clase. Por fin ! Déronlle un diploma como lle deran a Leo no 2017 e un libro titulado " Color verde ladrón " que empecei a ler onte e rematei no mesmo día. O libro está escrito por unha muller de Jaén e, nun momento dado, fala de que hai patatillas nunha mesa de festa de aniversario. Prendéuseme a bombilla filolóxica e busquei polo Google adiante a palabra " patatilla " que eu supuña empregada nesta zona arredor de Vigo. A onde cheguei é a que tamén a din en Mallorca e que en Jaén ( de onde é a escritora ) existe un local chamado Patatillas.

Dende logo eu prefiro chamarlle patatillas ás patacas de bulsa e non chips, crisps ou patacas fritas que son outras ben distintas.

E é o que queda estes días medio enclaustrados pola covidia e os temporais: ler e comer patatillas... pero en paz, eh ?

Etiquetas: ,

xoves, 28 de xaneiro de 2021

Seudocaos


 

Coas novas normas hai lío. Poden xuntarse parellas de noivos pero non netos con avós. Podes ir cortar o pelo ás sete e media pero non podes mercar roupa a esa hora. E onte había un control da Garda Civil ás oito do serán nunha rotonda. Supoño que non multarían a ninguén que a esas horas podes ir encher o depósito do coche ou ir a un supermercado ou atender un maior ou máis excusas. Un pouco confuso semella todo. A min, por se é caso, déronme un novo salvoconduto no choio e xa é o cuarto !

Tanta confusión lémbrame este cartaz onde podes pensar que un curricho é o animal debuxado ou sexa a vaca e que ser panadeiro significa conducir un camión.

Nada. Que o principal é ter sentido común.

 

 

Etiquetas: ,

martes, 26 de xaneiro de 2021

Ata outra, bares !


 

Coas novas normas a partir de hoxe pechan as terrazas dos bares e só atenderán para levar. Rematan as esceas de xente na terraza aparvada mirando o móbil co betillo queixo abaixo a medio metro doutro apampado igual. Tamén pechan cinemas, teatros, museos e bibliotecas. Os ximnasios son outros que pechan as súas portas e o deporte pasa a ser dentro do concello, individual e con máscara. Rematou o asunto de catro amigos en bici que sain dar unha volta as mañás dos domingos e logo paran a tomarlle algo a dez quilómetros da casa. Os comercios acurtan horarios e os centros comerciais pechan as fins de semana. 

Na nosa casa poucas novidades hai: iso si Naideleo pasa a dar clases online e Xela se quere seguir coa música terá que facelo dende casa. O pior é que non podemos visitar aos avós.

Todo isto fará baixar o número de afectados, seguro;  pero chega algo tarde e xente que vai morrer non pasaría por esta situación de teren actuado antes os gobernantiños que temos.

E a covidia que rompe récords do Coronaviros.

Etiquetas:

luns, 25 de xaneiro de 2021

Prezos arriba e abaixo


 

O ano empezou con subas en combustibles e electricidade. Diso resulta a suba do pan ( nalgunhas padarías ) e a suba do café da máquina dispensadora da fábrica. Eu non me fixo muito nos prezos pero uns baixan e outros soben.

O da foto está claro que subiu desde decembro pero antes baixara. Pola contra, hoxe merquei cereais para Xela que baixaron de 1,99 a 1,66. Tamén aproveitei unha oferta por segundo produto a metade de prezo. O que si errei foi cando merquei laranxas pensando que saían máis baratas nun almacén novo. Tamén ía mercar cervexas pero sei que están máis baratas noutro sitio.

E así andamos; esquivando prezos altos como esquivamos viruses.

Etiquetas:

domingo, 24 de xaneiro de 2021

Centésimo e décimo quinto mes

 

Hoxe non teño fotos actuais de Xela e poño dúas de principios de mes. Nunha está con Elsa nun sofá da casa da Refontán e noutra nun carreiro debaixo dunha viña en Arbo e coa máscara posta .

A aquela altura podiamos ir a Arbo pero agora non podemos saír do concello.

 

Pouco cambiou Xela desde eses días. Iso si, acabou por caírlle o dente que levaba abaneando tanto tempo. O décimo segundo as contas dela.

Ela segue sen comer muito anque hoxe bimbou oito chinchos dunha atacada. Segue co piano e a guitarra pero o xadrez aparcouno que deixou de ser presencial e por Zoom non lle presta. Nos estudos segue ben e os compañeiros confinados van ben e dando negativo un tras outro a medida que lles fan as probas PCR. Adica as fins de semana a xogar a Zelda e a mirar vídeos de Mario. Pola semana xogamos a Conecta 4 shots ou debuxa ou argalla enredos. Agora usa muito dúas frases: " Tengo una pregunta " e " No me juzgues ".

E seguímola virando !

Etiquetas:

xoves, 21 de xaneiro de 2021

Pinceladas de perigo

 


 

A covidia oprime máis e máis. A pizzería só atende para levar. O " Chicoria " pechado por confinamento. O  " Saspi " exhibe un texto fermoso de Patricia Ayuste  no que acha de menos as fotos de familia, bota en falla queixarse de non ter tempo para facer muitas cousas, dálle rabia ter que ler decretos para mirar onde pode ir e a que horas e extraña os sorrisos descubertos, o roce de pel e as distancias curtas.

 

E eu que merco pantufas para pasear un hipotético peche domiciliar e tamén merco máscara de Falo Galego para risa da dependenta de ollos imposibles. E Xela queda sen once compañeiros de clase que quedan confinados ao descubrirse un positivo.

O cadro de perigo ten de cada vez  máis pinceladas.

Etiquetas:

martes, 19 de xaneiro de 2021

E xa non podemos...


 

E o Leo tan contente que saiu do partido do sábado por asistir no único gol do partido e non vai poder repetilo. Si, de momento quedan cancelados os deportes federados e Leo queda sen fútbol e Xela sen xadrez.

Os contaxios medran de forma descontrolada e hai máis limitacións e máis que haberán de vir que nos espera un febreiro duro duro.

Toca limitarse ao concello e ter máis sentidiño se cabe.

Etiquetas:

domingo, 17 de xaneiro de 2021

Mentres poidamos




 

Leo onte tivo un partido amigable no concello da Rosa e tiven que levalo e, de momento, non estamos confinados e non sei como será o seguinte capítulo do culebrón da Covidia.

 

E pasamos pola rúa esta da Volta da Galiña que ten un nome tan curioso que non sei que significará.

 

E hoxe xa non saímos do concello para nada. Merquei pan e mirei dous escritos: un de poesía local e outro máis pragmático falando da pandemia, un ERTE e un despido.

 

Son malos tempos para a lírica !

Etiquetas: ,

venres, 15 de xaneiro de 2021

Negocios que sofren


 

Nestes tempos da Covidia todo cambia e máis para mal. Xa non falamos da sanidade e da xente que sofre e que morre. Falamos de actividades que van a menos e mesmo desaparecen. Por aquí o turismo non é o máis  importante pero ten a súa baixada segura. Os parques de bólas infantís pecharon e tamén, creo, os puticulbs. Este peche paréceme ben que non estamos en tempos de comercio de mulleres. Por iso, resultoume curioso topar este cartel bastante novo dun puticlub que cambiou de nome e de xerencia varias veces. Agora xa lle puxo un nome de paxaro  " Anduriña " que era un recurso frecuente polos arredores de Vilaguindastre. Nesta vila formamos un cruzamento de varias estradas e aquí os clubes inzan ou inzaban. Temos o " Falcon Crest " e antes estaban " El Cóndor ", " Flamingo " e mais " El Cisne " que pecharon ou mudaron de nome.

Esta é a primeira entrada coa etiqueta Covidia 21. Hai que actualizar nome e ano.

Etiquetas: ,

martes, 12 de xaneiro de 2021

Vidas


 

Vida como cambio. Vida coma non-existencia. Dende o cemiterio dos Serafíns e Bugaríns e con algunhas lápidas en galego ata a ausencia de compañeiros dos nenos por confinamento e pasando do comercio de nome curioso mudado a outro con nome máxico para chamar á boa fortuna e o lavadeiro de coches que se traspasa. O venezolano de boa música e saúdo efusivo onde irá ?

Vidas e non-vidas: o futuro atropella o presente.

Etiquetas: ,

domingo, 10 de xaneiro de 2021

Deste xaneiro


 

Segue a vida coas súas historietas. Hoxe na cola da panadería ( por que lle chaman fila agora? ) hoxe, dicía, pregunteille a un coñecido se era o último e díxome que si e eu díxenlle que se puxera detrás miña que eu non quería quitarlle o posto. El empezou a farfullar que ía detrás doutro e tiven que dicirlle que era unha broma. E merquei unha empanada de pólo e case foi o millor do día porque visitei á avoaE que ten o termostato da calefacción que non funciona e lixei o teito da nosa cociña que hai humidade. Perode bo foi que tamén xogamos ao Conecta4 Shots que trouxeron os Reis aos nenos e demos un paseo que facía sol, pouco aire e pouco frío.

E onte fixen esta foto dun curricho fuxitivo buscado polos seus donos. O que non din é a recompensa que dan.

Sesuímola virando que é o que importa.

Etiquetas:

sábado, 9 de xaneiro de 2021

Vai e non volvas Covidal 2020


 

E xa remataron as festas. Xela "rezou" para conseguir o seu agasallo, rezou cruzando os dedos e aledouse cando espertou e mirou que estaba alí o xogo da Nintendo Switch. Gustoulle que comeran as galletas os Reis e que beberan a auga os camelos. Tamén preguntaba por que as personaxes de Nadal teñen animais de axudantes. Eu non sabía que responder e supoño que o ano que vén xa non preguntará.

E os nenos empezaron coas clases e eu sigo a traballar que a empresa medra en todo o mundo anque morreu un traballador do Contraviros alá en Ucraína.

Na foto sain as últimas torradas de viño destas festas.

Etiquetas: , , ,

luns, 4 de xaneiro de 2021

Reis raros


 

Este ano empezou complicado por esta mobilidade que nos deixou o goberno e que provocará máis casos de Cornaviros. Mañá non deixan saír das zonas pechadas e así non iremos a Arbo e a ver se os Reis levan agasallos ás Sequeiras.

En Vilaguindastre non hai gatacalva este ano e poño a foto do ano pasado. Sai Baltasar e non o Papón que quedou polos desertos pero vivindo a corpo de rei e nunca millor dito.

Por Vilaguindastre hai colas en supermercados e tendas de xoguetes e non mirei pero supoño que haberá nas administración de lotaría. Había muita xente hoxe cando fun mercar comida para a cheminea. Tamén mirei unha muller grávida que semella que a pandemia criou unha xeración ou paréceme a min.

E eu estiven a fuchicar pola interrede cheirando ligazóns supostamente paradas e topei a Álex Ghalpón https://alexghalpon.wordpress.com/ que inda segue aí e a Dúbidas do galego que me descubriu un diccionario Castelán - Galego https://rinoceronte.gal/dicionario/ que vai mui ben e que traduce frases feitas e todo.

Etiquetas: , , ,

domingo, 3 de xaneiro de 2021

Unha de maxia


 

Hoxe fomos mirar o mago Pedro Volta, seica é pontevedrés e eu adiviñei que era galego porque dixo " nadie nace aprendido ".

Eramos 240 espectadores separados en grupos de conviventes con dúas cadeiras de separación e en ringleiras alternas. O mago é bo pero fíxose algo lento e facía frío no Auditorio Mar de Vigo. Fixo trucos con cartas, con cordas, escapismo, o xogo do paifillonai e, como dicía Xela, sería bo poeta anque dixo que era un fraude anque non sabía o que significaba iso pero sabía  que era algo malo. O Leo non foi a gusto e queixouse todo o tempo. Para min que se parou demasiado falando da infancia e de cousas que os nenos non ían entender como neuronas e electricidade. Tamén tardou en despedirse dicindo que era o último truco e non daba chegado. Iso si, tiña labia e toques simpáticos.

E así foi esta saída nestes tempos tan complicados.

Na foto sai un código para entrar nunha videoconferencia onde explica trucos. Por se é do teu interés.

Etiquetas:

sábado, 2 de xaneiro de 2021

E seguimos a conta


 

Si. Comemos as uvas e miramos os fogos que estaban lonxe e logo o resto da familia xogou ao bingo para comer Leo as uvas das Canarias. Eu fun para cama que me doía a cabeza. Por sorte, cando espertei xa non me doía a cabeza. O día estaba con néboa e mirábase algode neve nos montes de Portugal pero non podiamos ir que a fronteira está fechada polo Becho. O que si fixemos eu e mais Naideleo foi a camiñada ata Cabeiras. Pasamos polo Enxeño con cartel novo e todo inzado de xestas. Subimos a costa onde está a cadela grande vixiando as touras e pasamos por Perneiral coa súa " Plaza despaña " e o seu xugo e frechas que non fotografei. Pasamos pola porta da Adega Pazo Pondal que puxo uns cervos feitos de madeira para adornar. Logo xantamos e tomamos sobremesa e torradas de viño. Logo tocou dominó e máis bingo e recoller para volver a casiña.

A ver como nos trata este 2021.

Etiquetas: