Secuestro


E creo que hoxe non podo escribir máis.
Como podes ver o Colín admite o novo inquilino da casa sen muito problema. Hai veces que se extraña cando oe algún peidiño que lle escapa a Leo pero o problema non pasa de aí e non se notan excesivos ciumes.
O Leo segue progresando neste mundo e bota as primeiras bagullas líquidas (os nenos non teñen saco lagrimal cando nacen). O que leva pior son os gases que o poñen rallante e fan que retorza a cara en mecos lastimosos. A avoaM, nese caso, dálle un coliño e cántalle unha cantiga que eu non coñecía:
- Fun onda miña madriña que me dera merendiña. Deume unha cunca de papas; a cunca estaba fanada i a culler esfanicada e chaménlle CARA TORTA e deume ca tranca da porta.
Ata a seguinte.
Etiquetas: colin, etnografia, leo
Estes días non teño muito tempo para escribir, xa sabes: visitas, o mal tempo, o Leo que non lle gusta muito o coche, malas tardes que dá o necoriño ( non muitas por fortuna) e demáis cotiandades. Iso si, aínda puiden tirarlle unha foto a uns novios veciños de raza xitana que pasaron diante da ventá.
E así segue a vida: mentres uns casan outros arrolan o seu fillo no colo que tamén ten o seu intringuilis e a ledicia que dá conseguir que por fin durma.
Ata outra.
Etiquetas: curiosidades, leo
O outro día falaron na tele de que a Igrexa Católica eliminaba o limbo, o lugar onde van parar os nenos que morren sen bautizar, porque non hai probas suficientes da súa existencia ou algo polo estilo. E dá a casualidade de que nós andamos estes días falando de que non queremos bautizar a Leo. Eu pensei que se ían opor máis pero a familia parece que o asimila bastante ben así que Leo non terá problemas de momento con limbos nin outras lideiras desas. Cando sexa maiorciño xa escollerá unha relixión se quere.
E para deixar atrás temas escabrosos vou contar o que me pasou o outro día. Pois resulta que fun a unha farmacia mercar un sacaleites e eu queríao da marca Medela que seica é boa e non había esa marca e a dependenta díxome que o que había era sacaleites de Chicco e eu pensei un momento nun sacaleite de CHICO e quedei apampado uns segundos. En fin...cousas que pasan.
Polo resto todo vai ben.
Etiquetas: leo
Co nacemento de Leo apréndense cousas novas e lémbranse outras case esquecidas. Eu, por exemplo, aprendín que hai xente que lle chama nécora a un neno recén nacido. Pensaba eu que era un nome inventado pola familia que o dicía no hospital pero topei nun dicionario a palabra nécoro que significa neno recén nacido. Así que Leo, de momento, é un nécoro e eu chámolle necoriño.
Ana e máis eu quedamos abrumados pola cantidade de mensaxes de felicitacións e polas palabras garimosas. Como non podo agradecer un por un a súa felicitación deixo como agradecemento este debuxo de Tim White dun mundo fantástico. Tamén quero incluir no agradecemento a todo o persoal do Xeral que se portou profesionalmente e cun cariño enternecedor, dende a rapaza da limpeza ata a doutora Sampayo e a comadrona Carla Cid que asistiron no parto; incluindo celadores e pediatras que nos axudaron nas dúbidas duns pais primeirizos coma nós con paciencia, cariño e saber estar. E non podo deixar atrás a familiares e amigos que coas súas visitas ou chamadas danlle calor ás nosas relacións.
E a vida continúa. O Leo dorme case todo o día e desperta cando é para mamar. De cando en vez chora e fai xestos raros dos que imos aprendendo o seu significado e, por exemplo, cando ri é que bota un peido. Ana máis eu tratamos de collerlle o ritmo vital e adaptar os nosos horarios ás súas necesidades. Eu ando dun lado a outro enchendo formularios e demáis material burocrático para pór a andar neste mundo a Leo. En canto ó Colín dicir que o leva con calma estoica e non acaba de entender que fai un embrullo churumiqueiro no cuarto. Hai que darlle tempo.
E como estou enamorado do meu fillo vou pór outra foto del. Espero saibas perdoar este ataque de amor paterno. Ata outra e graciñas outra volta.
Etiquetas: leo