leoeosseus

Monday, 30 October 2006

Secuestro

Esta fin de semana pasada por fin saiu o sol cun algo de forza e ledicia. Puidemos desfrutar de paseos e imaxes preciosas de outono coma a flor tollemerendas, pequena e tóxica; xurdindo entre os fentos e follas caídas. Ou unha bolboreta libre ( Vanessa Atalanta ) e disposta para voar na súa liberdade. Tamén puidemos desfrutar dos primeiros sorrisos vontarios de Leo e tempos cada vez máis prolongados sen choros e espreitando o seu mundo ó redor.
Todo ía ben ata hoxe no momento en que a vida reafirma que pode ser caprichosa e cruel. Nas novas da televisión falaron do secuestro dun familiar meu e quedei arrepiado, afundido e impotente ante semellante infortunio. Por iso hoxe quero adicar estas fotos ó meu curmán esperando que esta situación angustiosa que está a vivir remate con ben e que os días sen liberdade sexan poucos. O primeiro sorriso que me fixo o Leo quero adicarllo tamén para Roberto agardando que sexan poucos os días que faltan para que se coñezan.
E creo que hoxe non podo escribir máis.

Labels: ,

Wednesday, 25 October 2006

Cantinela da cara torta



Como podes ver o Colín admite o novo inquilino da casa sen muito problema. Hai veces que se extraña cando oe algún peidiño que lle escapa a Leo pero o problema non pasa de aí e non se notan excesivos ciumes.

O Leo segue progresando neste mundo e bota as primeiras bagullas líquidas (os nenos non teñen saco lagrimal cando nacen). O que leva pior son os gases que o poñen rallante e fan que retorza a cara en mecos lastimosos. A avoaM, nese caso, dálle un coliño e cántalle unha cantiga que eu non coñecía:

- Fun onda miña madriña que me dera merendiña. Deume unha cunca de papas; a cunca estaba fanada i a culler esfanicada e chaménlle CARA TORTA e deume ca tranca da porta.

Ata a seguinte.

Labels: , ,

Friday, 20 October 2006

Comparando pasado co presente



Onte saiu Kiko do GH de Telecinco. O tal Kiko seica é veciño meu pero non o coñezo. A min non me cai nin ben nin mal e será como calquera coas súas chatas e as súas cousas boas. En fin. Ó que ía eu é que na Galega están a pór un programa parecido pero que a min paréceme máis interesante porque son dúas familias actuais vivindo nunhas casas de campo de hai cen anos. Este programa seméllame máis didáctico e máis emocionante.
O Leo, se lle tocase vivir nesa época, ó millor vivía na casa da foto que é dunha tartaravoa de Arbo. Supoño que Leo será un privilexiado por tocarlle vivir na época actual. Non sei.

Labels: ,

Monday, 16 October 2006

Arrolando o nécoro



Estes días non teño muito tempo para escribir, xa sabes: visitas, o mal tempo, o Leo que non lle gusta muito o coche, malas tardes que dá o necoriño ( non muitas por fortuna) e demáis cotiandades. Iso si, aínda puiden tirarlle unha foto a uns novios veciños de raza xitana que pasaron diante da ventá.

E así segue a vida: mentres uns casan outros arrolan o seu fillo no colo que tamén ten o seu intringuilis e a ledicia que dá conseguir que por fin durma.

Ata outra.

Labels: ,

Tuesday, 10 October 2006

Limbo para Leo



O outro día falaron na tele de que a Igrexa Católica eliminaba o limbo, o lugar onde van parar os nenos que morren sen bautizar, porque non hai probas suficientes da súa existencia ou algo polo estilo. E dá a casualidade de que nós andamos estes días falando de que non queremos bautizar a Leo. Eu pensei que se ían opor máis pero a familia parece que o asimila bastante ben así que Leo non terá problemas de momento con limbos nin outras lideiras desas. Cando sexa maiorciño xa escollerá unha relixión se quere.

E para deixar atrás temas escabrosos vou contar o que me pasou o outro día. Pois resulta que fun a unha farmacia mercar un sacaleites e eu queríao da marca Medela que seica é boa e non había esa marca e a dependenta díxome que o que había era sacaleites de Chicco e eu pensei un momento nun sacaleite de CHICO e quedei apampado uns segundos. En fin...cousas que pasan.

Polo resto todo vai ben.

Labels:

Friday, 6 October 2006

O nécoro e a cantinela do queixo, queixolán

Co nacemento de Leo apréndense cousas novas e lémbranse outras case esquecidas. Eu, por exemplo, aprendín que hai xente que lle chama nécora a un neno recén nacido. Pensaba eu que era un nome inventado pola familia que o dicía no hospital pero topei nun dicionario a palabra nécoro que significa neno recén nacido. Así que Leo, de momento, é un nécoro e eu chámolle necoriño.

E unha das cousas que lembramos é unha cantinela infantil co nome das partes da cara. Cántase tocando o neno cos dedos na parte nomeada:

- Este queixo, queixolán;
esta boca pide pan;
este narís, narisete;
estes ollos de pisquete;
toma, toma, carneirete.
E dáselle duas toupadiñas na fronte.

En fin, isto de ter un fillo é rexuvenecerse un pouco.

Labels: ,

Tuesday, 3 October 2006

Agradecemento

Ana e máis eu quedamos abrumados pola cantidade de mensaxes de felicitacións e polas palabras garimosas. Como non podo agradecer un por un a súa felicitación deixo como agradecemento este debuxo de Tim White dun mundo fantástico. Tamén quero incluir no agradecemento a todo o persoal do Xeral que se portou profesionalmente e cun cariño enternecedor, dende a rapaza da limpeza ata a doutora Sampayo e a comadrona Carla Cid que asistiron no parto; incluindo celadores e pediatras que nos axudaron nas dúbidas duns pais primeirizos coma nós con paciencia, cariño e saber estar. E non podo deixar atrás a familiares e amigos que coas súas visitas ou chamadas danlle calor ás nosas relacións.


E a vida continúa. O Leo dorme case todo o día e desperta cando é para mamar. De cando en vez chora e fai xestos raros dos que imos aprendendo o seu significado e, por exemplo, cando ri é que bota un peido. Ana máis eu tratamos de collerlle o ritmo vital e adaptar os nosos horarios ás súas necesidades. Eu ando dun lado a outro enchendo formularios e demáis material burocrático para pór a andar neste mundo a Leo. En canto ó Colín dicir que o leva con calma estoica e non acaba de entender que fai un embrullo churumiqueiro no cuarto. Hai que darlle tempo.


E como estou enamorado do meu fillo vou pór outra foto del. Espero saibas perdoar este ataque de amor paterno. Ata outra e graciñas outra volta.

Labels: