leoeosseus

Sunday, 25 November 2012

Aclarando termos

 
 
 
 
Cada vez que vou a Arbo quedo marabillado coa riqueza de galego que posúe a bisavoa Celia. Cando falou dun lobo que mirou nunhas veigas dixo que se " afastou " no camiño. Despóis falando de porcas dicía que non se podían matar cando andaban " ao cío ". E así podería seguir eu cada semana.
Nótase que estamos nunha comunidade complexa lingúisticamente falando e así hai veces que hai que aclarar termos, tanto en galego coma en español. Polo tanto non é de extrañar que se poñan por Vilaguindastre adiante cartaces escritos en galego explicando que "mexo" é orina ou que Flora aclare o termo español escuro e descoñecido "pavo" que sería o que todo o mundo mundial coñece por "perú".
 


Labels:

Saturday, 24 November 2012

Décimo sétimo mes


A xoubiña segue a medrar ao seu ritmo. Semella incrible que teño tal vitalidade co pouco que come. Supoño que o leite da nai fará o miragre de darlle vitalidade. Xa ten todos os dentes e xa bota carreiriñas. Tamén salta no sitio e baila e tararea cancións. O asunto da gardería non o leva mui ben anque, para dicir a verdade esta semana só foi un día que non andaba mui católica de saúde cos mocos, toses e febres. No falar non avanzou pero entende todo e asocia muitas cousas. Por exemplo, se agora mira a lúa no ceo fai coas mans o que fan uns nenos dun vídeo da canción " Twinkle, twinkle, little star " ou " Trinco, trinco" como di o Leo.
E imos camiño do ano e medio !.

Labels:

Sunday, 18 November 2012

Hotel Transilvania, Tanxarina e Miliki


Esta fin de semana foi completa para os pequenos da casa. O sábado fomos ao cine a mirar " Hotel Transilvania " e hoxe fomos ver unha actuación de Tanxarina. Pasámolo ben. Bueno, Xela estaba algo nerviosa na actuación e movía o ombreiro arriba a abaixo. No medio da actuación deron a noticia de que morrera Miliki e case non o puiden crer. Miliki semellaba inmortal pero chegoulle a súa hora e coa súa morte noto que a miña infancia desaparece un pouco máis na memoria.
Aquí poño unha ligazón á canción " Susanita " que tanto me axudou cando lla cantaba a Xela para mudarlle o cueiro.

Labels: ,

Saturday, 17 November 2012

Premio Liebster




Indo para o traballo levo uns meses topándome de fronte co este cartaz de " Se pensas, existes " e doulle voltas para tratar de adiviñar o significado real. E con tantas voltas descubro que recibir un recoñecemento vía interrede é unha fermosa forma de existir.


Nada, que recibín con sorpresa a estas alturas de decaimento do blogomillo o recoñecemento por parte dunha blogueira que leo asiduamente porque borda as palabras e descúbreme estupendas fotos "vintage".
O premio Liebster Blog ( blog favorito en alemán ) consiste en darllo a cinco blogos que creas que o merezan e que sexan novos ou con menos de douscentos seguidores.
A Princesa Sigrid pensa que o meu blogo é " tenro, doce, marabilloso " e sobre iso non vou dicir nin desdicir nada.
E agora paso a nomear cinco blogos entre un bo feixe dos que podería escoller.
- Vamos a Cantabria. Un galego que retrata e comenta Cantabria cun humor e unha soltura que me alegra o día. Antes tiña un blogo en Galicia que non se quedaba atrás.
Xabres da Teixeira. Un xubilado da Galicia estremeira que fala daquela zona, as súas xentes e os seus pareceres. Ten un galego rico e pouco común.
- A familia dos Tartarouchos. Dunha Tartaruga e un Moucho sae un blogo que desborda cotiandades marabillosas dunha familia que se está ampliando.
- Zeltia. Unha muller que está sempre aí: comentando, apoiando, axudando e aportando. Imposible non nomeala.
- Dilaida. Outra muller con forza que nos retrata o seu mundo que coñece tan ben. Con muito cariño.

Agora quédalles a estes blogueiros mostrarnos cinco dos seus blogos favoritos.

Labels:

Wednesday, 14 November 2012

Folga do 14 de novembro


 
Hoxe tocou folga e alá fun á manifestación en Vigo.
Os estudantes viñas con forza e ánimos.
Había xente protestando por muitos asuntos e é que as cousas non van ben.
Ata había un neno que pedía máis música no planeta.
 
Eu fun por conciencia propia e para suplir a ausencia de xente obrigada a traballar ese día como por exemplo a criada que fumaba no balcón.
  
 


















En Vilaguindastre a folga foi bastante seguida anque á tarde empezaron a abrir algúns comercios.
Unha cafetería que tiña o cartaz de apoio á folga e de que ía estar fechada pola folga abriu as súas portas á tardiña. Xa sabes iso de que hai que estar a ben con deus e o demo; maloserá que che pasen os piquetes a fechar o local.
En outro local aínda se atreveron a deixalo aberto despóis da pintada que lle mandaron na fachada.
 
 
En definitiva, non creo que se solucione muito co esta folga pero aí está o noso dereito a manifestarnos.

Labels:

Monday, 12 November 2012

San Martiño 2012

video

Pasan os san Martiños por nós e eu sigo coa teima de mercarlles pións aos meus fillos. Este ano non me compliquei a vida e merquei dous no quiosco do bairro a 1,5 euros cada un. Son feitos en Catalunya e bailan ben como se ve no vídeo. Hai que contar que eu botei a bailar o pión e logo collín a cámara.
Con este vídeo sigo a serie de san Martiños do blogo e espero que Leo e Xela aprendan a facelos bailar, anque haxa que esperar uns aniños máis.
E agora poño unha foto de Xela co seu pión na man. A reacción de Xela ao mirar bailar o pión foi de sorpresa anque tiña algo de frío e moquiños e non andaba mui alegre.

Labels: ,

Saturday, 10 November 2012

Maghustos e fasco


O Leo celebrou o magosto o xoves e houbo xogos, castañas e emborrallado de cara e todo. A Xela tocoulle o venres e houbo que levar unha presada de castañas. Na porta topeime cunha nai e falamos un minuto de como desfrutan os nenos co estas argalladas. Eu dixen que nós xa tivemos a nosa oportunidade cando eramos coma eles e ela falou de que había que levar á escola carolos, piñas e candeas e, cando oín isto con palabras típicas de Vilaguindastre, matinei no que muda o idioma cuns quilómetros de distancia porque en Arbo os carolos son casulos ( a espiga de millo sen gran ) e as candeas son fasco ( a folla de piñeiro ). Mesmo en Arbo o magosto cambia de nome e chámase maghusto.
E falando de lingua aprendín un refrán no choio que anda ben acaído con estes tempos de crise nos que ata hai que disfrazar os espantallos de garda civil. O refrán é: - Cando a raposa anda ós ghrilos, mal por ela e pior polos fillos.
A pesar de todo, a desfrutar do san Martiño !.

Labels: ,

Thursday, 8 November 2012

Cores de outono



Xela está no periodo de adaptación na gardería e cada día bota un pouco máis de tempo nela.
Hoxe botou hora e media, e que podo facer nese tempo ?. Pois acercarme co coche a un monte perto e fotografar a natureza no outono.
Aquí queda a reportaxe.



E Xela ?. Xela ben na gardería pero é chegar e chora pero á hora de recollela despídese dos ananiños da porta coa man e dicindo " Caaa " para dicir " Chao ".

Labels: ,

Tuesday, 6 November 2012

Festa do Calacú 2012


Este sábado pasado puidemos comer as case-primeiras castañas da tempada e, a verdade, é que apetecían co este tempo húmido, escuro e frío. Foi na Noite do Calacú que organizan os veciños dun barrio de Vilaguindastre.
Uns días antes o Leo levou un papel escrito cos seus medos ao cole para esconxurar eses medos xunto cos dos compañeiriños.
Gustoume o papel e aquí o reproduzo.


Labels: ,

Friday, 2 November 2012

Derroche


Onte acercámonos ata a Cidade da cultura de Santiago e puiden comprobar o derroche que hai alí montado. O conxunto é mui orixinal pero o baleiro que alberga é tan impresionante coma a cantidade de cartos que levan perdidos aí. Son varios edificios inmensos cheos de nada e o exemplo perfecto son as torres de Hedjuk que son dúas irmás: unha de granito e outra de cristal sen nada no interior. Bueno, teñen aire que podería respirar alguén se se puidese entrar.


O museo tiña dúas exposicións: unha de " Gallaecia pétrea " que non sei que quere dicir e non visitei porque aparte dos cartos meus que levan fundidos aí queren cobrar catro euros por entrar. A outra exposición era de códices, de libros manuscritos medievais e o aforo permitido era de quince persoas; coma se non houbese espacio no edificio !.
Curiosidades tamén hai como o donut xigante feito de libros ou as pistas que valen para esquiar ou baixar en skate.



Tamén hai ocos de obras que aproveitou a natureza en forma de auga de chuvia e patos para invadir.
Á fin de contas: nada. Para min é unha burrada de cartos metidos nunha cidade que non é tal e de cultura ten ben pouco. Non haberá centos de asuntos onde meter esas cifras inmensas !.

Labels: ,