leoeosseus

Wednesday, 22 March 2017

E a primavera atropélanos


O día do pai pasou e algúns dos agasallos xa foron para o bandullo e non só o meu bandullo.

 
 
Un presente de Xela non se pode comer pero é unha artistada das dela.
 

 
 
O tempo de marzo é así como di a bisavoa Celia: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ". Tanto é así que Xela máis eu andamos cos mocos ás voltas e o pobre do Leo está con febres e sen ir á escola. Xela di que vai esquecer facer contas como o do cartel que esqueceu como se escribe a letra " v ".
 

 
 
E a crise que segue co enésimo exemplo: a xente de Pescanova facendo folga.
 
A primavera atropélanos !.
 


Labels: , ,

Saturday, 18 March 2017

Co pobo saharaui


Hoxe tivemos unha reunión para coñecer un pouco por riba a situación do pobo saharaui que leva 41 anos vivindo en campamentos no deserto, na Hamada ou terras do inferno como a chaman eles. Dependen da axuda exterior que cada vez é menor ao aparecer outros focos con necesidades como Haití ou Siria. A crise tampouco axuda e así están as cousas.
Nós acolleremos un neno este verán e estamos ilusionados e expectantes a ver como vai todo.
Deixo un mapa de como está o Sahara Occidental invadido por Marruecos e cunha barreira de campos minados e muros que é a liña vermella que separan os territorios ocupados dos liberados polo Frente Polisario.
Os nenos que veñen de acollida veñen de Tinduf en Alxeria.
Máis información na páxina oficial de Solidariedade Galega co Pobo Saharui.

Labels: ,

Monday, 13 March 2017

Luns ás voltas

 
 
 
Esta mañá libre adiqueina a pegar voltas. Tiña que mercar algo para comer e algo de vestir aparte dun secador de pelo e cromos para os nenos. Tamén paseei os libros dos que quere  desprenderse Naideleo pero non os queren nos rastrillos nin na biblioteca municipal. Busquei sitio para xantar e estaban fechados os que eran a miña primeira opción pero á terceira xantei un bocata de luras que me prestou como tamén topar unha botella de viño tan simpática chea de insultos en galego incluindo algunha palabra que eu descoñecía como " cafarnaxe " que vén a dicir " conxunto de rapaces ".
O que fai saír da casa !.

Labels:

Thursday, 9 March 2017

Napoleón e as mulleres


Onte foi o Día Internacional da Muller e tocoume traballar de noite. Xela estivo mala estes días e non foi ao cole. Normalmente durmo pouco pero con Xela na casa menos porque, con toda a lóxica do mundo, quere que eu lle faga caso e acende as luces do cuarto para que mire ben un debuxo que fixo ou chama por min para mostrarme que fai equilibrios co mando no xeonllo sentada no sofá. Por fortuna o mal de Xela xa pasou pero sigo sen durmir muito e todo isto fíxome lembrar a frase que dicía Napoleón que non pensaba cousa boa das mulleres e que dicía que cinco horas durmindo ao día son suficientes e só as mulleres e os idiotas precisan máis. Para Napoleón as mulleres eran necesarias para fabricar soldaditos para o seu imperio e pouco máis.
A sorte é que a historia segue o seu camiño paseniño con dous pasos para adiante e un para atrás e agora as mulleres poden votar, poden estudar, poden traballar, teñen dereito a folga e poden gobernar países e todo.
Oxalá que non aparezan máis napoleóns nin imitacións " Trumpeteiras " con esas ideas misóxinas de antes e cos seus pasos para atrás.

Labels: ,

Monday, 6 March 2017

Churir: botar churumelos as cebolas


A Churrusqueira ten no seu blogo un apartado adicado ás palabriquiñas, palabras + riquiñas, esas palabras dunha zona limitada que non sain nos dicionarios e a min préstame isto.
A última que deu a coñecer é chorear que é botar flor o nabo e eu lembrei o " churir " que din por Arbo e poño a foto para aclarar o termo. Churir significa botaren churumelos ou grelos as cebolas. Eu pensaba que a palabra tiña que ver coas flores pero en Arbo non é así anque noutroslugares significa florecer.
Sigamos coa palabriquiñas !.

Labels:

Saturday, 4 March 2017

Dúas voltas por Vigo


Vigo non é unha cidade que se caracterice pola súa arte nin polo amor á cultura e é máis ben unha cidade de traballadores como representa este debuxo a carboncillo da escultura dos " Collonudos ", uns mariñeiros turrando dunha rede.


A pesar diso sempre aparece un sopro de aire fresco e estes días hai unha exposición na rúa do Príncipe de fotos de Sebastião Salgado, un fotógrafo brasileiro que viaxa muito e retrata tanto as miserias humanas, a fame e os seus traballos heroicos como as grandezas da natureza.

E así temos un iceberg sorprendente pola forma de castelo co seu foxo e ponte de entrada aquí arriba. Ou a luita do ser humano con estes Nenets desafiando frío e vento na foto de abaixo.



E, como non todo é fotografía en branco e negro; poño un cartaz alegre e en cor dun sicólogo falando da ansiedade nun máis que decente galego atopado sorprendentemente por este Vigo esta tarde.

Labels: ,

Wednesday, 1 March 2017

Sen tempo non era


Sen tempo non era. O sachiño que lle saiu hai un par de meses xa está facendo que se mova un dente de diante. Nuns días Xela terá o seu primeiro dentiño para o rato Pérez anque penso que sería millor que o botasemos ao lume, como facían antes, por iso de " Toma lumiño; para que o novo saia máis dereitiño ".

Tamén lembrei aquel artigo de Calros Solla onde falaba dos dentes e refráns.

A foto é dunha ( charanga ) comparsa de Moaña no domingo pasado. Había outra mui corida con traxes mexicanos e todas ían de Frida Kahlo.

Labels: ,