leoeosseus

martes, 31 de outubro de 2017

Noite de sustos


Esta noite sempre foi especial e enteireime que non só o avóP tallaba calacús de pequeno en Vigo polos anos cincuenta para asustar veciños. Tamén o fixo o avóM por terras de Arbo hai muitísimos anos, a finais dos cincuenta. Tallaban un coco ( que é como lle chaman ás cabazas aparte de bóvedas ) e púñanlle unha mariposa, unha candea da igrexa con aceite que duraba días prendida. Despois deixábano enriba dun muro ou dun valado para asustar á xente que pasase por alí. Logo ese costume perdeuse e apareceu rebotado dos Estados Unidos.
Sexa coma for que pases unha boa noite que máis de un vai levar unha sorpresa esta noite.

Etiquetas:

sábado, 28 de outubro de 2017

Ata os perrinchos


Ata os perrinchos estou de  zascas e tanto bombardeo de Libertad Digital, Periodista Digital, Ok Diario, La Vanguardia, El País, Telecinco, Marca, ABC e outros e preciso de outros puntos de vista.
E así tamén coñezo a Marcos Escudero: un artista escultor e debuxante, a Carlos Méixome: un historiador e unhas figuras que sobreviven ao lume en Tortoreos, As Neves.
Hai que abrir os ollos.

Etiquetas: ,

martes, 24 de outubro de 2017

Septuaxésimo sexto mes


A nena faladeira preparando un póster de Halloween ou Samaín.
Ten boas ocorrencias como aquela vez que mirou un home de garavata nesta zona onde algúns pais van co uniforme de traballo a recoller os fillos. Xela díxolle: " ¿ Eres el alcalde ? ". O home respondeulle: " Casi. Un poquito menos ". E Xela retrucoulle: " ¿ Entonces eres el hijo del alcalde ? ".
Non se corta e pregúntalle a un virollo porque mira un ollo para ela e outro para o ceo.
Inventou a palabra " mascotería " para tendas de animais e conserva do galego a palabra dedas para as dedas dos pés e o numeral " cincocientos ". Tamén estamos na época que di: " Se lo digo a mamá " e eu póñome a bailar para que rían ela e mais Leo.
No cole mándanlle ler pero ela non quere e aínda así sabe ler ben. Gústalle o conto de Pupi e o misterio da televisión e o de " Adiviña canto te quero " que estamos lendo estes días para ir a cama. E segue facendo peidos cos sobacos e incluso aprendeu a facelos coas sofraxes ( palabra galega que en español significa corva ).
Segue indo a taekwondo pero non quixo saber nada de ximnasia. Tamén vai a piscina porque felizmente coincide con amiguiños da clase.
Do resto segue coma sempre: sen comer, co seu xenio e a súa mente argalladora que agora aproveita para as matemáticas.

Etiquetas:

sábado, 21 de outubro de 2017

Turismo de catástrofe


Non, a foto non é unha foto antiga en sepia. É un parque nas Neves a toda cor que é un mirador do río Miño. Cando o inauguraron mirábase o río dende aquí pero logo medrou o bosque de eucaliptos e piñeiros para tapar a vista. Agora ardeu de forma brutal. Poden rebautizalo como o Mirador da Estupidez Humana.


O lume desta volta non se conformou con queimar bosques que cruzou estradas e ríos e queimou casas abandonadas, galpóns, cultivos e froiteiras. O lume lambeu casas habitadas que se salvaron gracias á xentiña luitadora que pasou un mal domingo e unha pior madrugada de luns. Marabilloume que non morrese máis xente.


Presa do lume caiu unha serrería tal que fose unha burla do destino, unha vinganza de árbores suicidas que non querían rematar os seus días fendidos e cortados nesta instalación.


O monte quedou calcinado e xurdiron pedras: vellas lembranzas de terras cultivadas.


Agora toca recuperar tendidos eléctricos, airear casas afumadas, reconstruir o que se poida e volver prantar frutais ou viñas e sementar hortas, patacas e millo. Os eucaliptos e piñeiros xa virán sós, seguro.


E, como burla irónica do destino, sobreviven ao lume unhas palabras baleiras de propaganda política.
Un fracaso explicado cunha imaxe.

PS: engado un vídeo da zona das Neves onde se aprecia a catástrofe do incendio.

Etiquetas: ,

mércores, 18 de outubro de 2017

Charlas e emoticonas


O luns quixen asistir a unha charla coloquio sobre " Muller: saber e poder " e cando empezou tiven que marchar. Parecía que ía ser interesante o relatorio de Ledicia Costas e María Reimóndez baixo as preguntas de Fran Alonso. Noutra ocasión será.


E onte foi un cambio radical indo mirar a película " Emoji " que resultou un fracaso para os adultos que fomos e mesmo para Leo que calificou a película como a pior da historia. E non somos os únicos que opinan iso.

Etiquetas: ,

luns, 16 de outubro de 2017

E pasou a nosa Ofelia versión galega


Vaia domingo de inferno !. Cando iamos cara Arbo a estrada estaba cuberta de fume que viña dun incendio en Portugal. Xa en Arbo foron chegando noticias de lumes en Baiona, en Pazos de Borbén, en Ponteareas, en Gondomar, etc. O vento tolo arrastaba calor, fume e muxicas dende quilómetros de distancia. Chegada a hora de volver a casa decidimos quedar a durmir en Arbo polo perigo cos incendios nas Neves, por Ponteareas e Portugal. Fixemos ben que hoxe volvemos a casa e puidemos observar o camiño polo concello das Neves con todo arrasado. Salvando as casas e algúns galpóns todo estaba queimado: monte, viñas, prados e eidos das casas cos seus frutais e todo. Era unha paisaxe bélica, incrible, de película futurista.

Cando se decatarán os que queiman o monte que están cometendo un crime horrible ?.
Como lle explico ao meu fillo que soñou con bolivianos vestidos de verde queimando montes que esta tolicie se volverá repetir gracias a esa gandaxe que non é boliviana precisamente ?.
Que lle direi a Xela cando se repita este desastre e descubra que non podemos durmir tranquilos que as galiñas non avisan do lume cacarexando e que estamos todos, todiños, en perigo ?.

Etiquetas:

xoves, 12 de outubro de 2017

Allariz...again

 
Facía un día bo para unha paseata e tiramos cara a Allariz onde vai rematar o Festival Internacional de Xardíns.
Sempre acordamos tarde para visitar estes xardíns e perdemos o esplendor que terían na primavera pero algo queda del.
Antes paseamos pola beira do río sen a presenza de cans que é típica en tantos paseos. Descubrimos estatuas colocadas este mesmo ano como a adicada ao Boi de Allariz.
Na exhibición dos doce xardíns adicados á memoria foi Leo o noso guía que fixo curiosamente o seu papel en galego despois duns seis anos sen falar en galego !. Sería por ser hoxe o día da Hispanidade !.

 Os xardíns eran ben variados e orixinais e escollemos votar polo número dous.
Despois os nenos merendaron un phoskito orixinal de 1972 e tiramos para casa que mañá non é festivo.
 
Aínda tivemos que pasar por un incendio despois de Melón que enchía de fume a estrada para pánico de Xela que nunca tivo un lume tan perto. É o que acontece por prantar leña no monte.

Etiquetas: ,

luns, 9 de outubro de 2017

Non teñas medo


O mundo rural resiste contra a desaparición e luita contra inconvenientes. Por Arbo os malandros rouban cebolas e cabritos a veciños e a un familiar en Bande vaciáronlle o canastro de todo o millo e levaron o caldeiro e todo. Menos mal que aos avós non lles pasou nada.
Co mundo rural o idioma galego vai perdéndose polo menos por esta zona e con el expresións e ditos como a que aprendín hai uns meses que dicía " Entre maio e abril pouco hai onde ir " que vén a dicir que tanto ten unha escolla coma outra. E onte aprendín da boca de avoaM " Eres coma o clavo que non hai quen no cu lle dea " cando non atinas con algo coma ela que lle daba opcións a Xela para comer.
Iso si, a expresión " Non teñas medo " segue ben viva e é unha resposta negativa como dicir " De ningunha maneira ".
Exemplo: Paideleo, vas deixar de escribir papaxadas no blogo ?. E eu respondo: " Non teñas medo !."

Etiquetas:

domingo, 8 de outubro de 2017

Praia de pobres


Estes días están expostas as fotos do concurso " Viaxando " na biblioteca de Vilaguindastre e arriba podes mirar a gañadora que é ben xeitosa, certo.

 

A min persoalmente préstame máis a segunda foto onde se mira un traxecto en río por un país asiático e a viaxadora que parece gozar o que está vivindo.


Frente a estas fotos a miña de hoxe tirada onte nunha praia chamada de pobres non ten muito mérito. Iso si, tomar algo fresco en boa compaña co mar a un metro; iso si que é de afortunados. É o que ten o cambio climático !.

Etiquetas:

domingo, 1 de outubro de 2017

Primeiro de outubro



Hoxe é un día raro, especial e con mal sabor de boca. Non o digo polos callos en Vilaguindastre que estiveron bos e o bo tempo acompañou anque o exceso de clientela fixo que o local onde fomos comelos non daba avío. Non. Falo por Cataluña e como vai o asunto do referéndum.
Eu non lle miro unha solución que sexa perfecta para Cataluña e para o goberno español e non vou aportar nada por descoñecemento. Non está nas miñas mans e é un tema serio e espiñento de máis.

Prefiro deixar unha nota de humor que circula polas redes de como se redactaría a famosa papeleta en Galicia.


Tamén hai outra opción con humor para o día de hoxe.



En fin. Fóra bromas e que todo quede en auga de bacallao.

Etiquetas: