leoeosseus

Wednesday, 31 January 2007

Confusión entre plantas

Isto da interrede é un adianto. Estiven consultando o asunto das vinagretas, meruxes e chuchameles e cheguei a uns resultados que me parecen os reais. A prantiña da foto do vintecatro é unha vinagreta, agrión ou pan de cuco de nome científico oxalis pes caprae. Esta información conseguina gracias a Xisbe e a través de Clop. O chuchamel é a madreselva en castelán e de nome científico lonicera implexa. E o meu sogro debía de referirse co nome de muruxe á pamplina de los caminos en castelán e de nome científico hypecoum imberbe.
En fin, un lío de tres prantas.
E non sei que pasa que o ordenador está mal.

Labels: ,

Monday, 29 January 2007

Catro meses



Estes días o Leo fixo catro meses e vai ben e riseiro. Puxéronlle a vacina e andou un par de días repugnantiño pero xa lle pasou. Agora pasa muito tempo " falando " só, facendo burbullas coa baba e bota gargalladas cando esperta e cando apareces de sorpresa no seu campo de visión.

Labels:

Wednesday, 24 January 2007

Meruxes


O tempo anda tolo e o outro día case era primavera e agora é inverno. Polas beiras das estradas en Vigo había un feixe de frores amarelas como as da foto. Cando eu era pequeno eu, meu irmán e uns veciños iamos tirarnos a rebolos polo valado do Colexio Fogar de San Roque en Vigo. Cando parabamos colliamos as frores e chuchabamos os talos que soltaban un zume avinagrado. O outro día díxome o meu sogro que esas frores se chaman meruxes... É bonito pórlle nome ás lembranzas da nenez.

Labels: ,

Tuesday, 23 January 2007

Máis inglés nos productos



Os tempos mudan e hai menos de trinta anos que hai panos de mesa de papel. Antes eran de tea e antes lembro eu que a xente na aldea limpaba a cara larafuzada cun anaco de pan que ía para a boca.

Será polo novo do obxecto que non ten un nome cen por cen galego tradicional e por iso supermercados Froiz no paquete non pon o nome en galego pero si en castelán, portugués e seudoinglés porque o traductor en troques de panos de mesa puxo " sesta de rei ".

Eu prefiro pensar que o traductor é un escritor de contos infantís ou un soñador e non un incompetente.

Labels: ,

Friday, 19 January 2007

O Mecaghoncrista


Estes días non andei mui alá de saúde. O domingo pasado estiven axudando ó meu sogro a podar vergueiros para atar viñas cos cimos que saen dos vimbios e entroume o frío. Ana e mailo Leo tamén estiveron mal da mormeira e o Leíño tivo febre por primeira vez na súa vida. Por fortuna, estamos millorando todos dende o luns que foi o pior día.
E cambio de tema e hoxe vou falar do Mecaghoncrista. Chámolle así porque esa é a expresión coa que remata a metade das frases que di. O tal home é dunha parroquia veciña pero casou alá en Portugal e alá vive. Os fillos van ó colexio alá pero ó médico aquí. Este compañeiro é unha ledicia. Entra polo vestiario adiante saudando e facendo bromas e inventando lerias cunha imaxinación que deixa bastante atrás a miña. Os luns chega cunha bulsa plástica de supermercado chea de calcetíns para traballar e di que llos roubou ós mortos do cemiterio. O caso é que os trae desemparellados e bota dous minutos cada día emparellando calcetíns. Tampouco trae peite ou cepillo e só peitea á súa pelaxe estilo Curro Jiménez ( daí a foto que poño ) semana si e semana non cando coincide no mesmo turno outro compañeiro que si trae peite. Antes xantaba noutro bar pero agora cambiou de restaurante que no que vai agora con cada xantar dan unha rifa para o sorteo dun poldro e el quere que lle toque. El di que xa ten as patillas estilo Curro Jiménez pero que lle falta o cabalo. Pero o que máis gracia me fixo estes días foi o que dixo dunha bufanda que trae outro compañeiro; díxolle que lle gusta a bufanda e que cando teña crías que lle pase unha.

Labels: , , ,

Tuesday, 16 January 2007

Confiando no futuro



Hai xustiño un ano que Ana máis eu nos enteirabamos polo predictor de que o Leo viña en camiño. Aquel día escribín no blogo que levaba nos EEUU falando de que tiña morriña. A verdade era outra pero quería expresar o meu sentir aínda que fose debido a outro motivo. Aquel día entráronnos muitas dubidas e temores sobre o futuro. Hoxe podemos dicir que se poña o futuro aí diante que o rillamos cru ou con patacas.

Labels:

Sunday, 14 January 2007

O marretón e a disco Nasyra



O outro día chegou un novo " amigo " á empresa. É un marretón de oito quilos que se di pronto pero que rompe o lombo erguelo para bater nas cuñas e así fender os bloques de granito.

O xoves andei con el pero xa o apartei e seguín co martelón de antes de seis quilos que é máis levadeiro. A pesares diso hoxe aínda me doen as costas.

O que é o paso do tempo: hai anos podía co marretón de doce quilos e despóis aínda ía ás discos. E, falando de discos, a discoteca de Arbo para atraer clientela ata ten un conto de corte medieval cunha princesa que quere salvar o seu pai atrapado por un dragón ás ordes dun mago ruin coma a fame e ba, ba, ba. O que non din estes contos é o que tiñan que sufrir estes guerreiros para levantar espadas que andarían polos dez quilos !.

Labels: , ,

Wednesday, 10 January 2007

O conto do rapaz que quería voar


Un dos temas que me gusta é a toponimia e a orixe dos nomes de lugar. Na foto está parte de Barcela que ven a dicir val pequena e nótase, non ?. E daquí é un home do que non lembro o nome e do que o meu sogro me contou unha historia divertida e verídica. Resulta que o tal individuo cando era pequeno sempre miraba con envexa para o ceo cando pasaba un avión. E chegou unha época na que o rapaz acabou por se pechar no cuberto tódolos seráns. A lideira durou varios días e ó fin un día chamou o irmán e pediulle axuda para subir ó alto do canastro un avión que fixo de madeira; ben feituquiño pero de madeira. No morro do avión atou unha corda e el montouse no avión. Cando estaba alí no alto dixolle ó irmán que estaba abaixo: - Tira forte da corda e dille a mamá que vou pro Brasil.
Está claro que ese día non saiu de Barcela pero hoxe anda pola internet adiante.

Labels: , ,

Monday, 8 January 2007

O Popeye



Na empresa sae e entra xente nova. Hai muito portugués e xa hai dous marroquinos. Eu agora estou noutra máquina que marchou un home dalí. Outro que marchou foi S. da Guarda que vou chamar Popeye porque pechaba máis un ollo co outro, tiña queixo avultado, estaba tatuado e andou embarcado. A muller había veces que o viña buscar e preguntaba por el e pensaba que lle era infiel que non aparecía pola casa. O Popeye este tamén era un botado para adiante e ofrecía unha cousa que nunca oíra antes: as hostias vaqueiras. E que son ?. Son hostias que daba que che saen os dentes en fila india.

Labels:

Sunday, 7 January 2007

Reis



Hoxe houbo roscón de Reis e presentes varios.

Espero que o pasarades ben nestes días e que os Reis foran xenerosos.

Labels:

Thursday, 4 January 2007

Máis marroquino



Sigo aprendendo algunhas cousas en marroquino como "si" que é "ué" e "si" en árabe "nahán" ou algo así. Tamén sei dicir "non" que é "la" e en árabe "laxé". Pero o que me chista é o falar de Nonfaledes. Unha vez díxenlle que xa me gustaría mover os bloques e as cadeas coma el e díxome "Todos nacemos desnudos" que significa que non nacemos aprendidos. O outro día pregunteille se comera muito na festa do año e díxome que lle doían ata os dentes. Pero a expresión que máis me gusta e o que di cando se despide un camioneiro e el sóltalle: "Tú eres bienvenido para volver".
Imaxe tirada do blogo do escunchador

Labels: ,

Wednesday, 3 January 2007

O conto dos bosques camaleón invisibles



Pois si. Ultimamente aparéceme o coche raiado ou marcado e bótolle a culpa a outros coches. Pero resulta que estou errado. Hai unha explicación científica. Cada vez que se constrúe unha estrada, unha rúa, un aparcamento, etc; a vexetación que había no lugar non desaparece así como así senón que se transforma nun bosque camaleón invisible que queda no sitio. Este bosque é como a alma do bosque anterior. E por que camaleón ?. Porque é da cor que quere e así hai piñeiros vermellos, silvas rosas ou carballos totalmente azuis. Por qué invisible ?. Porque anque teña cor non se pode ver. Iso si, esta vexetación odia os vehículos así que aproveitan que pasan pola súa beira ou aparcan perto para garduñalos ou golpealos e deixarlles esas marcas que logo aparecen no teu coche e non sabes de onde raio veñen e quen chas fixo. Xa está aclarado ese misterio. Agora non llo digas ó seguro que se bota atrás.

A imaxe está tirada do blogo de Nemeth que non podo comentarlle e felicitarlle este ano e aproveito a ocasión para felicitalo.

Labels: ,

Monday, 1 January 2007

Derradeiro día de 2006



Onte foi o derradeiro día do ano e pasamos bastante do día por Vigo. Á mañá topounos nun centro comercial o amigo blogueiro Opaco e familia e o seu Pedriño quería acariñar a Leo. Despois de xantar no Firs dixen de irmos á praia e así o Leo puido coñecer a praíña onde o seu pai aprendeu a nadar. A praia ten o nome sonoro de O Cocho das dornas e está nunha punta de Samil, onde comezou o topless cando estaba proibido. O día estaba ventoso e o mar revolto e gústame cando está así e nos lembra a pouca cousa que somos.

Como non levamos cámara ilustro este texto cunha foto onde está o pai de Leo cos seus pais nesa praia.

Labels: ,