leoeosseus

mércores, 27 de maio de 2009

Trintaedous meses


O Leo fai trinta e dous meses e progresa ao seu ritmo. Onde máis progresa é no falar porque fai frases longas e simpáticas. Inventa paroladas entre os monecos e mete castelán no galego. O outro día estaba cos monecos e no discurso solta o Leo un " ha hacido ". Debeu de notar algo mal que corrixiuno rapidamente cun " fixou " porque el conxuga os verbos de forma regular a así de " levou, cantou, falou " tira el " dixou ", " fixou ", etc. Logo ten unhas palabras simpáticas como " címpele " para " príncipe " e " zacatíns " para " calcetíns ". Tamén corrixe á xente como o outro día que lle sinalaba unha bandeira á nai e dicía el " bandeira ". A nai dicíalle " ahá " e o Leo soltou " Ahá non; bandeira. ".
Na hora de comer non progresa nada que só quere comer trapalladas e de facer as súas " cousas " tampouco avanza. A ver se cambia contra o verán.
Deixo unha foto de primeiros de maio que me gusta bastante.

Etiquetas:

martes, 26 de maio de 2009

Gañas de vivir


O outro día enteireime da morte da blogueira máis vella do mundo que era galega e non puiden máis que lembrar á galega con máis idade da que falei nunha ocasión. Enteirome de detalles dela porque hai un veciño seu traballando comigo. Unha das últimas anécdotas que me contou foi a dun día que ía a Palmira arrastrando unha póla enorme para facer leña. Apareceu un mozo por alí e decidiuse a axudala: - " Tranquila Palmira, que lla levo eu ". A Palmira non tivo millor ocorrencia que soltarlle: - " Ai, que ghalán me es. Pois leva ti esta que eu vou buscar outra ". Un exemplo de fortaleza desta muller de 107 anos de idade.

Na foto, collida no Faro de Vigo, sae Palmira atando viñas nunha rodaxe dun documental.

Etiquetas:

domingo, 24 de maio de 2009

Nesta semana pasada

O Leo desfrutou cos flocos de millo mentres bailaba a canción de Moldavia do festival de eurovisión. Non chegou a mirar o final e tampouco sei como reaccionou coa canción gañadora de Noruega " Fairytale ". A min gustoume.

Etiquetas: ,

venres, 22 de maio de 2009

Premio ao blogo maneiro





Hai uns días a amiga LM deume o premio Olha que blog Maneiro que agradezo de corazón. Entroume a curiosidade e nas miñas pescudas cheguei á conclusión de que maneiro significa interesante ou curioso así que o premio é dobremente bo se LM considera o meu blogo interesante ou curioso.


Eu teño que premiar a outros cinco así que aí van:


- magago ( variadísimo e vizoso )


- trafegando ronseis ( ensinoume muito cos seus vídeos sobre Ramón Piñeiro )


- ao pe do Farelo ( móstrame lugares galegos que non coñezo )


- turismo de Pontevedra


- marcus


Espero seguir sendo merecente deste premio.


Etiquetas: ,

xoves, 21 de maio de 2009

Vídeo de Iago


A amiga mamiago mándame con forma de premio este vídeo do seu fillo. O vídeo entra nun concurso de curtas e, se tés a ben, podes votar por el nas estrelas que están debaixo do vídeo. A min, particularmente, gustoume tanto o vídeo como a música.
Hai que difundir o vídeo así que llo mando en forma de premio a cinco blogueiros máis que tratarán de difundir o vídeo dende os seus blogos:
Ah, parabéns a mamiago por convertirse en tía.

Etiquetas:

martes, 12 de maio de 2009

As gafas máxicas


Con motivo do día das letras galegas pediron na gardería de Leo que levasemos unha camisola branca para pintar e un conto así que o Leo vai levar o conto das gafas máxicas.
" Cando entro no garaxe pídolle as gafas á miña nai porque son máxicas. Poño as gafas e o garaxe cos coches queda transformado na cova de Aladino cos tesouros. Se vexo un gato pola rúa convértese nun tigre. As farolas semellan palmeiras e así pasa con todo.
Logo miro para miña nai e é unha princesa guapa pero quito as gafas e segue sendo esa princesa guapa de antes.
Eu penso que a maxia téñoa eu nos ollos ".

Etiquetas:

sábado, 2 de maio de 2009

O " Bolero "

Hai veces que un pensa en xente que coñeceu hai tempo e que hoxendía non sabe dela. A min pasoume o outro día mirando este muro onde cantou o " Bolero " hai anos nunha festa. O " Bolero " era un rapaz con dúas características: era algo fantasioso e cantaba todo o día e non sei por cal das dúas virtudes lle viría a alcumada. Cantáballe ás rapazas ao oído cancións románticas mentres camiñaban á vila. Tamén lembro un día que estreou unha moto e puña o intermitente en tódalas curvas. Nunha ocasión memorable cantou nunha festa de verdade cun grupo e todo no alto dese muro da foto que daquela era o punto final dunha estrada. Non o fixo mal pero uns veciños gamberros lle tiraron tomates e arruinaron a súa festa.
Supoño que aquel día decidiu que tiña que marchar deste lugar e desaparecer e ben que o fixo que non sei nada del !.

Etiquetas: