leoeosseus

domingo, 30 de novembro de 2014

Mortadelo


Onte foi a estrea de " Mortadelo y Filemón contra Jimmy el cachondo " e só podo dicir cousas boas da película. Hai que dicir que está recomendada para maiores de sete anos e por iso Leo non se enteirou dalgúns detalles. A película está chea de acción e está deseñada para mirar en 3D. Ten muitas chiscadelas humorísticas con xogos de palabras como " El Escondite Inglés " para " El Corte Inglés ", " Oño " para " Ono " , " Gran Fulano " para " Gran Hermano " ou, a millor para min; " Hay untamiento " para " Ayuntamiento ". Os fondos son marabillosos cun Madrid anos sesenta e coches desa época que semella real.
Bueno, creo que a película me gustou.

Etiquetas: ,

mércores, 26 de novembro de 2014

Outra cachucha


Estiven relendo posteos de hai tempo e topei o posteo no que falaba das cachuchas que para os mexicanos son gorras e para os galegos son cabezas e máis concretamente de porco.
En Arbo tamén é a cabeza dunha persoa e así tamén din con toda naturalidade: " Hoxe dóeme a cachucha ".
Pero na Arxentina a palabra cachucha define unha parte do corpo que non é precisamente a cabeza. E así foi o que lle aconteceu a unha muller de Arbo recén desembarcada en Buenos Aires. Foi á tenda dunha galega e díxolle á tendeira no español que sabía: " Hoy me duele la cachucha ". A tendeira alarmouse e díxolle no oído: " Cala, burra e non dighas iso; que na Argentina a cachucha é a cona. "
Na foto cintos de castidade medievais que si daban dores na cachucha arxentina.

Etiquetas:

martes, 25 de novembro de 2014

Cuadraxésimo primeiro mes ( e mais un día )


Estamos no día dos lazos lilas e Xela está moneando á miña beira. É unha nena mui lista e de carácter forte, competitiva e mecosa. Vive da tele e dos batidos de cacao " de vaca " di ela porque saen debuxadas unhas vacas. Quere todos os xoguetes que saen anunciados na tele. Non lle gusta calzarse para saír pero logo son carreiras para acender as luces da escaleira ela primeira. Tamén nos quere dar sustos cando baixamos e se pon debaixo do balcón do primeiro. Segue coa cantinela de que é maior e xa pensa no seu cuarto aniversario cando aínda quedan sete meses. Cando dixen que vivía da tele esaxerei porque tamén lle gusta debuxar e facer as súas letras na pizarra branca. E agora que temos o Belén montado as figuras non paran quietas. E coa árbore de Nadal apaga as luces da sala e ponse a bailar pensando que é a festa do seu aniversario.
E o tempo segue o seu percorrido.

Etiquetas:

domingo, 23 de novembro de 2014

Pedro e o lobo


Sempre é de agradecer dar unha volta ata Aboavila e gozar dunha actuación de teatro. A estrea da obra de Pedro e o lobo pendurou o cartaz de " Non hai entradas " e a obra con monicreques e música para reforzar as personaxes estivo mui ben.

Etiquetas:

xoves, 20 de novembro de 2014

Saúde


No momento do taco no choio falamos de varios temas. Hoxe falamos da morte, non a dunha duquesa; senón dun rapaz que se aforcou con vintesete anos. Outro tema non foi a morte senón a saúde que empezaron a repartir os resultados da revisión médica. Nela eu teño sobrepeso, colesterol e GGT que non sei que é. Non sei se será ou non será, porque á oficinista dixéronlle que estaba grávida de 26 semanas e non é o caso.

Etiquetas:

martes, 18 de novembro de 2014

Paseando o elefante bicolor


Estes días estaba prevista unha folga de transportistas que reclamaban o céntimo sanitario. Ao final desconvocouse e houbo circulación normal. Así tamén puideron pasear os camións do elefante bicolor da foto que son curiosos polo menos para min, por esas cores nuns camións coruñeses.

Etiquetas:

luns, 17 de novembro de 2014

Cando morren os fentos


Cando morren os fentos pode ser que a un lle arrinquen unha moa... ou que se lle pinche unha roda do coche... ou que os seus fillos gocen dun magosto no cole despois de tanto chover... ou pode que non pase nada.

Etiquetas:

sábado, 15 de novembro de 2014

Mediando novembro

 
 
Co este tempo tan cheo de bataghadas temos que quedar na casa.

 
 
Xela adícase a aproveitar que aínda pode chuchar as dedas e a practicar a autodebuxarse e escribir o seu nome coas letras bailando de posición e de orientación.
 




O Leo adícase a escribir historias complexas que dan para pensar.

 
 
Aínda así temos algún momento para fuxir e mirar no cinema a película da Tropa de Trapo.

Etiquetas: , , ,

martes, 11 de novembro de 2014

Como coñecín a Naideleo


O Leo adica muito tempo a ler e a escribir. Ten lido libros de Diario de Greg, Tom Gates, Big Nate, Gerónimo Stilton, Bat Pat, etc, etc. E con tanta leitura el quere escribir as súas historias e diarios e risca no papel a grande velocidade coas verbas atropellando unhas a outras.
Escribe o que se lle ocorre ou escribe baseado na realidade e no "libro" que rematou ( trescentas e pico páxinas de follas de beira rosa ) non saio eu porque di que nunca estou en casa, que estou de viaxe e só aparezo cada seis meses.
Sinto un pouco de tristura por iso pero, afortunadamente, descubrín que o outro día escribiu algo sobre min, ficticio claro; que trascribo tal como está e que podo titular :

" Como coñecín a Naideleo ".

" Niños..."
nos dice papá
" ¿ quereis saber la verdadera historia de como fuimos novios ?"
" No "
digo
" ¡ Si !"
dice Xela.
Vale, empezemos.
" Yo estaba fuera de casa, paseando a los 30 años. Por el instante pense en que nunca tendría novia y llore, llore un monton. Hasta llego una señora."
Xela señalo a mamá.
" No, no era mamá. La señora se llamava Lila y me dio un pañuelo. Le explique el problema "
No entiende ¿ no significa eso algo raro ?
Pero seguía.
" Durante unos días, Lila y yo empezamos a salir. Me fui del restaurante un momento y allí vi a ..."
¡ Por fin !
"...Conchi..."
" Salí del restaurante y hice en otro lado una cita con Conchi. Conchi y yo estabamos en el restaurante. Llegó la hora de marcharnos a nuestras casas. Mientras comía una señora vino a mi casa y me dio rosquillas. Se llamava..."
Se llamava... ¡ creo que lo va a decir !
"..."
Ya va...
"...¡ Paula !..."
Genial.
" Estabamos charlando en la siguiente cita por fin vi a vuestra madre. quedamos 20 veces y nos casamos. "

A historia gustoume. E mirarme a min debuxado con dous pelos longos no queixo, sentado nunha cadeira e cunha xerra na man encantoume.

Etiquetas:

sábado, 8 de novembro de 2014

Triste despedida


Triste foi o tempo hoxe. Triste é o cemiterio da foto que é o de Fisterra visto dende un barco. E triste foi a despedida do Tatuado. Pouca xente na igrexa e do traballo só eramos dous compañeiros e unha compañeira.
Hai veces que a xente me falla.

Etiquetas:

venres, 7 de novembro de 2014

Dúas opcións


Había dúas opcións: ou asistir á inauguración dunha taberna dun compañeiro do choio ou ir ao teatro onde botaban " 3, 2, 1 ..."
Fomos ao teatro que xa haberá tempo para visitar unha taberna con propaganda en galego.
Na pésima foto os actores con peques.

 



Etiquetas:

mércores, 5 de novembro de 2014

Catalego II


O outro día recibín correspondencia do Ministerio de Traballo notificando a miña vida laboral cos anos cotizados e as empresas onde traballei ( será para pórme triste pensando nos anos que me quedan de traballo ) e viña a maiores un impreso por se quería modificar algún dato persoal. O simpático, por dicilo de forma suave, é que viña en español e en catalego nas cursivas. O catalego é ese idioma escrito onde misturan galego con catalán e así aparecen tiles graves e "domicili", "bloc" e "pis" no medio de palabras galegas.
Nada, outro exemplo a engadir na lista.

Etiquetas:

domingo, 2 de novembro de 2014

Comezo de novembro


 
Esta fin de semana aproveitamos e fomos ao estranxeiro.
Durmimos nun hotel mui bo con boas vistas de Porto.

 
 
E hoxe fomos a Coimbra a visitar o Portugal dos Pequenitos onde os pequenos gozaron de construción en construción.


E os maiores máis do mesmo e aparte aínda se aprendeu algo.
Foi millor do que pensaba.

Etiquetas: