leoeosseus

mércores, 27 de abril de 2016

Vintesete de abril


Coma o coche abandoado nun garaxe esperando polo dono así estou eu agardando por inspiración.
Pode dicirse que non estou pero si estou.

Etiquetas:

domingo, 24 de abril de 2016

Quincuaxésimo oitavo mes


Imos camiño dos cinco anos da nena e estamos contentes co ela. Parece que asentou na forma de ser e xa non é tan respondona e desobediente. Tamén á hora de comer agora xa o fai millor e gañou peso e altura. Segue a ser inqueda e faladora e gústalle levar a razón e a voz cantante e así ten roces co Leo por diferenzas de gustos e ideas. Gústalle mirar a tele ( ata creo que soña co ela ), andar en patíns ( tamén polo piso adiante ) e xogar a que é un león ou un gatocán e que non é humana. Tamén xoga coas súas mans que son personaxes e gosta de que lle lean contos. O preferido é " O lobo e os sete cabritos ". Fala ben e ten algunhas palabras simpáticas como " conchoneta ", " linja " ( no canto de " ninja " ) e " acordona " que di cando se refire a ela que lembra cousas que lle pasaron hai tempo.
En definitiva: todo vai sobre rodas.

Etiquetas:

mércores, 20 de abril de 2016

De langueta


Ao Leo caiulle o outro día un dente e aínda lle faltan algúns por caíren. Na foto mírase a irrupción dos dentes novos que uns van ben polo sitio dos de leite e outros entran de lado ou de langueta.
De langueta é una expresión que oín no choio e vén a dicir de refilón, de medio lado ou de raspallón; vamos, que non vai dereito.
Busquei na interrede e topei esa expresión en dous sitios: nun coa forma " de lanqueta " e outro no disionario morrasense - jodechinchos que me trae outras marabillas como rever, esquighama, xurdir, sanjoleo, rapacús, jarrucho, nazar, macancúa, falchoca, cuca, carolo, alcaldesa ou bichuncho.
Hai muito que aprender !.

Etiquetas: ,

domingo, 17 de abril de 2016

Ollos que non ven


Ollos que non ven non toparían esta carteira tirada no chan. A dona quedou sen os cartos pero polo menos a Garda Civil ha de achegarlle a carteira coa documentación.


Ollos que non ven non se enteirarían deste cadeliño que pasa muito tempo só. Espero que non teña unha mala vida.

 
Ollos que non ven non se decatarían desta chambonada de protección contra a chuvia dunha instalación eléctrica.
 

 
Pero os ollos viron e remiraron este lugar onde celebramos o xantar da comparsa do entruido. Bo xantar, boa compaña, bo lugar e magnífico tempo.

Etiquetas:

xoves, 14 de abril de 2016

Don Naipe


Estamos perto do día do libro e cada vez resulta máis evidente o seu retroceso. A xente está enganchada aos móbiles e adica o seu tempo libre ( e parte do non libre ) a fuchicar co móbil. Eu vou aguantando pero no choio aprendéronme unha aplicación para xogar aos naipes, ás cartas de toda a vida e agora tamén eu ando co móbil e o raio do xogo do tute.
Está claro que este tute electrónico perde en sensacións contra o tradicional inzado de berros ao compañeiro, risos, renuncios, as súas palabras e frases e o tacto das cartas pero vai facendo o apaño.
Se hai algún interesado deixo a ligazón.

Etiquetas: ,

martes, 12 de abril de 2016

Corre a primavera


E os cans en cío e aniversarios de irmá e as nubes con sarabia e os nenos nos parques de centros comerciais novos de Braga e o tempo lembrando compañeiros do choio cazar gaios con pantelos e dar libros para recoller cartos e dar axudas para os pobres dos saharaius: a vergonza máis vergonzosa.

Etiquetas:

sábado, 9 de abril de 2016

Intelixencias


Camiñando por Vilaguindastre adiante topei este cartaz que reproduzo na foto. Descubrín abraiado que hai oito tipos de intelixencias que son: visual, musical, corporal, extrapersoal, lingüística, lóxica, naturalista e intrapersoal. Parei a pensar en cales destacaría eu e creo que son en lingüística,visual, naturalista e algo de lóxica. Patino en corporal, intrapersoal e extrapersoal e son nulo en musical.
Leo é bastante parecido a min. Domina a lingüística e lóxica e dálle algo na visual. Tamén ten intelixencia musical ( ben diferente a min ) e frouxea nas intelixencias corporais,naturalistas, interpersoais e intropersoais.
Xela xa é máis completa que domina a corporal e bastante da musical e lingüística. Non se lles dá mal as interpersoal, lóxica, naturalista e visual. E para min que o seu punto fraco é na intelixencia intrapersoal que fai cousas que nin ela mesma sabe por que as fai e bótalle a culpa ao seu cerebro.
Bueno, todo isto escribino eu e, como fallo na intelixencia intra e interpersoal; podo trabucarme.
Ti que intelixencias tés ?.

Etiquetas: , ,

mércores, 6 de abril de 2016

Notiñas



A vida cotiá segue cos traballos dos adultos e os deberes dos nenos. O traballo vaise levando e o estudo tamén con amizades e momentos felices. Os adultos case non empregamos notiñas pero si o fan alumnos nas clases e así Naideleo pillou dúas notiñas desas que circulan entre alumnos. Unha é esta que produce un sorriso lembrando aqueles tempos da escola.

" Hola, buenos dias David. Coma vai
o dia ?
Ben, Ben, e  ti meu ? Muy Bn,
Comprei 10 chicles eh me quedan 9
que 1 lle din a Javi, quel antes xa
me dera 1. ¡ )
Tes 1 pa min ?
Pode ser ca si e pode ser que non...
Que tal estas hay adiante ?
Jaja ja, tase ben
   JAJAJA "


Se isto non é felicidade, muito se lle parece !.

Etiquetas:

domingo, 3 de abril de 2016

Avernuncio !


Hoxe tocou visita á familia de Arbo e non houbo grande novidade. Iso si, hoxe non oín unha expresión que repiten muitas veces cando queren dicir que algo lles semella incrible ou que non pode ser. Cando lles din algo que lles soa imposible soltan un: " Avernuncio ! " sonoro. É algo que só oín aquí e que usan muito e ata se me pegou e dígoo ás veces.
Tratei de buscalo pola interrede e aparece como palabra nunha vila cacereña co significado de persoa obtusa e rara. Tamén aparece nalgún libro antigo e semella o nome dunha comida. Cambiei o " v" polo " b " e en abrenuncio xa me dan resultados máis acordes co que trataba de achar e aparece no Quixote e no dicionario da Real Academia Española como interxeción coloquial pouco empregada para dar a entender que se rexeita algo.

Na foto aparece un coche do equipo dos Cazafantasmas. Se alguén me pregunta se creo nas fantasmas eu soltarei un " Avernuncio ! " terminante para dicir que non.

Etiquetas: ,

venres, 1 de abril de 2016

Neste un de abril


" O un de abril van os burros onde non deben ir " e así o Leo quixo mandar a compañeiriños ao parque da foto ás cinco da tarde pero non caíron na trampa.
Quen si caíra foi meu pai hai máis de corenta anos que o mandamos a casa dun veciño con dous baldes cheos de auga dicíndolle que Luis quedara sen auga na casa. Meu pai foi algo mosca pero foi e a bronca que levamos despois meus irmáns mais eu foi monumental pero a día de hoxe aínda río cando lembro a historia.
Tamén hoxe voaban catro cegoñas por riba da fábrica ás dez da mañá. Aledáronme o día porque hai ben anos que non aniñan por aquí.
Unha curiosidade a resaltar que aprendín hoxe: este costume do primeiro de abril non se celebra no resto de España ( sacando Menorca que estivo dominada polos ingleses hai tempo ).

Etiquetas: , , ,