leoeosseus

mércores, 31 de outubro de 2018

Ambiente de terror


Nesta data amenceu con néboa e daba un aspecto tenebroso a todo.
Mentres Xela estaba no cole disfrazada eu fotografei o motel abandonado extremante coa nova casa.
Este si que sería un bo escenario para unha película de terror e non o cole coa súa exposición de sombreiros e o seu túnel do terror.

Etiquetas: ,

martes, 30 de outubro de 2018

Paseos que prefiro

 
Camiño do campo de fútbol onde adestra Leo podo mirar uns porquiños vietnamitas.


Tamén está a casa-Castelo dun antigo alcalde xa defunto famoso por ser o alcalde máis pesado do mundo.
Incluso paso pola casa de Sor Águeda Seisdedos e lembro o conto que inventei.

Todo isto é millor que andar daquí para alá por oficinas de Oral, notarías e inmobiliarias.

Etiquetas:

sábado, 27 de outubro de 2018

Octoséximo oitavo mes ( e mais tres días )


Despisteime do mesario da xoubiña por tres días pero é que andamos enleados ultimamente. Xela está ben e segue sen comer muito. Tanto é así que o outro día cando comeu todo no comedor do cole levou un aplauso dos compañeiros. Nas actividades vai cumplindo e leva ben guitarra, ioga e ping pong pero quere deixar xadrez porque lle falta un compañeiriño. Segue argallando historias e xoga con todo pero non sai lectora coma Leo que por aí non se lle dá.
Na foto Xela está na casa nova con cousas que topou.
E si; repetimos o traballiño que fixemos hai oito anos.

Etiquetas:

luns, 22 de outubro de 2018

Pegadas VS Perrradas

 
 
Onte fixo tarde de paseo e baixamos polo atallo do río debaixo da vía. Hai un par de meses apareceron alí unhas pegadas dicindo " Ola " en varios idiomas. Tiven que retratalas antes de que desaparezan; muita xente tripa nelas.


E hoxe cando fun á enésima busca de caixas para embalar retratei un aviso onde o escribidor maniféstase totalmente contrario á presenza dunha especie de can descoñecida para min e que son " perrros ".
Cando eu era pequeno inventei un idioma que tiña tres " l " seguidos, pero tres " r " como que é difícil de pronunciar.

Etiquetas:

sábado, 20 de outubro de 2018

E máis papeleos


 
 
Ultimando trámites e con impostos que hai que pagar hoxe si, mañá non, e sen saber como rematará a lideira.
E o banco con esta pintada que aleda a vista.
 

E un escrito curioso pegado nunha parede pedindo unha fotocopiadora para espallar a mensaxe.
Que mundo este !.

Etiquetas:

martes, 16 de outubro de 2018

Non todo é pagar


Tocou volver a Vigo e desta safei o papeleo pendiente con menos requisitos dos que me pedían.
Tiven sorte de topar aparcamento na rúa onde non me cobraron por razón obvias.
Como tiña un tempo libre dei unha volta pola avenida de Beiramar na zona dos asteleiros onde tiña pendiente facer unhas fotos de graffitis artísticos.
 
 
 
 
O asteleiro Cardama recreou momentos dos seus cen anos de existencia. Poño aquí o momento do meu nacemento.
 


E tamén retrato aquí a rúa Ánimas cos seus petos tradicionais e, entre eles, unha máquina dispensadora de bebidas e petiscos para as ánimas con corpo que necesita manterse pero non de rezos e esmolas.

Etiquetas: ,

luns, 15 de outubro de 2018

Un ano dende aquel inferno


Hai un ano multiplicábanse os incendios polo vento, o calor e o seco que estaba todo. Foi un inferno en muitas partes e outras salváronse só por non estar a favor daquel vento resto do furacán Ofelia.
Un ano máis tarde os eucaliptos vellos arderon pero no pé deles inzan fillos porque esta especie actívase co lume.


As sobreiras ( que son poucas ) tamén aguantaron o lume coa casca gorda que teñen que é de onde sacan o corcho para as rollas das botellas. Outro tanto pasou cos carballos. Os que si morreron sen remedio foron os piñeiros que son prantas leñosas e consúmense co lume.

Esperemos que Calleja non volve facer un programa sobre os incendios nunca máis.

Etiquetas:

venres, 12 de outubro de 2018

Rastrexos e máis



Onte fun á escola vella e mentres non me atendían dei unha volta por alí. Apeteceume coller uvas de rebusco e só atopei unha escadiña de hidro que me soubo a pouco. Tamén topei unhas poucas castañas e fixen unha foto ao resto dun tobogán de auga dun rastrexo. As asociación culturais levan uns anos organizando rastrexos que son carreiras por equipos pasando por distintas probas. Nunca fun pero teñen boa pinta e as asociación conseguen uns cartiños xa que o monte poucos cartos dá.
 
 
Tamén falei con ....iño que pouco fala co tratamento antidepresivo que segue. Antes era faladeiro e simpático e agora só é un eco que repite as últimas palabras que lle dis. Espero que se repoña e que chegue a apuntarse a un rastrexo.

Etiquetas: ,

luns, 8 de outubro de 2018

E viu o fresco !


Sábado na tapería de Bugarín e no campo de fútbol fixo muito frío. Viña o aire do norte todo e tiven que mandarlle un licor café. Leo xogou uns quince minutos e tocou a pelota un par de veces e o equipo acabou gañando por fin.
O domingo foi de lavandería mentres o chico-bambán gozaba e cantaba a todo volume. O da lavandería regaloume un niqui de propaganda e lin unha revista atrasada en galego que falaba da película Vilamor cando era novidade. Nas esquelas saía un gran profesor que aprobaba aos alumnos se lle mercaban unha enciclopedia.
Pola tarde baixamos Xela máis eu e houbo un incidente entre un vagabundo e un amiguiño de Xela. Pensei que empezaría unha guerra entre Portugal indocumentado e Arxentina ofendida pero quedou en nada.
Caíron as sombras e marchamos. Definitivamente chegou o outono.

Etiquetas: ,

sábado, 6 de outubro de 2018

Pampas galegas


O clima muda e a vexetación tamén. Tamén mudan os falares e Xela quixo escuitarme falando español e díxome que parecía máis novo. Leo oiu a frase " andas a correr " e dixo que ou ben se anda ou ben se corre.

Etiquetas: ,