leoeosseus

venres, 31 de xullo de 2020

Remata xulloviros


Este mes caloroso remata cunha baixada de temperatura que se agradece e máis cando temos que levar máscara tanto tempo. Ata no traballo andan enriba disto. Máscara ou queixada que muita xente así a leva posta no queixo e eu podo incluirme. disto. A ver se non obrigan a levala conducindo no coche propio que xa sería o colmo.
E nada, hoxe descubrín a película " A illa das mentiras " e teño cobiza de mirala. Vai das heroínas da illa de Sálvora que rescataron a remo a corenta e oito persoas dun barco que naufragou nesa illa nunha noite de Nadal e non había homes na illa. Foi o pior naufraxio de España e hai uns cen anos desta traxedia.
Na foto poño mariñeiros atrás e dúas mulleres remeiras diante.

Etiquetas: ,

martes, 28 de xullo de 2020

De vellos e novos tempos


Domingo fomos a Campo Lameiro onde hai un parque rupestre cun centro de interpretación e cuns gravados prehistóricos espallados no exterior. O centro de interpretación está ben e alí explican o que pasaba nesta zona hai catro mil anos. Hai paneis onde explican como vivían, a que se adicaban e como soterraban os seus mortos. Había pantallas interactivas pero por mor do Becho estaban apagadas. Tamén na entrada había xel para as mans. Fóra había un edificio que en tempos era cafetería pero semella que muito antes da chegada do Contraviros xa deixou de traballar e só tiña dúas máquinas expendedoras e unhas mesas e uns sofás para descansar.
Fixemos o percorrido coa familia de Llechat ( coa neniña que me chama Pepe ) e facía calor. Seica había tres fontes pero estaban desconectadas. As diferentes pedras gravadas non se apreciaba nada claro. Menos mal que había á beira un panel cos debuxos que se tiñan que mirar. Fixemos o percorrido todo que serían uns tres quilómetros en círculo e só a Laxe dos Carballos nos impresionou ( a da foto de arriba ). Fóra do recinto toparon outra pedra gravada pero tampouco se distinguía muito. Supoño que usan unha luz especial ou unha cámara. Mesmo eu miraba millor o debuxo na cámara de fotos que na realidade.
Un exemplo de gravado que prácticamente non se distinguía a simple vista pero que se aprecia na cámara.

 
O que me impresionou saber foi que estaban feitas con pedra. Eu pensei que debuxaban con cicel ou un punteiro estilo canteiro pero non, levaban o traballiño de facelo raspando con pedras.
O sitio está ben e os nenos pasárono ben no labirinto e no poboado con dúas cabanas e dous celeiros e a súa pedra de moer pero os gravados están mui gastados menos os da Laxe dos Carballos. Había un roteiro guiado nocturno que seguro que se aprecian máis os gravados.
E nos novos tempos tiven problemas co coche. Apareceu rascado por outro coche dunha veciña e dicía que non fora ela. Ao final convenceuse e fíxose cargo.
Leo foi ao dentista do Sergas e entramos no centro de saúde despois de muitos meses de non pisalo. Botáronnos xel nas mans e a min, como levaba unha máscara de tea, déronme outra cirúrxica para pór por riba. O dentista atendunos ben e o centro de saúde estaba prácticamente baleiro de xente.
Tempos vellos, tempos novos.


Etiquetas: ,

sábado, 25 de xullo de 2020

Centésimo noveno mes ( e mais un día )


Podería pór unha foto da xoubiña coa máscara pero prefiro esta. Xela está enamorada da piscina e non quere saber da praia, a menos que veña o seu amigo. De feito hoxe non foi e quedou coa avoaE pero tampouco perdeu un día marabilloso de praia porque o ceo pechouse de nubes e todos marchamos da area co frío no corpo.
Non hai grandes novidades en afeccións, forma de ser e gusto alimentario.
Ós poucos creamos lembranzas como cando se meteu no vestidor para asustarme e asomeime a asustala a ela e ela dixo : Uh...Ah.

Etiquetas:

venres, 24 de xullo de 2020

Paranoia


A xente estase afacendo a levar máscara case todo o tempo e non me extrañaría que nos mandasen levar máscara conducindo, se non...ao tempo. Iso si, hai xente que pasea pola praia levando un chupachups e así non pon a máscara. Tamén hai xente que fuma e aproveita para tirar a máscara e afumar aos demais ( a ver cando prohíben fumar pola rúa ).
A verdade é que o Carroñaviros anda por aí e non nos podemos despistar. E así hai veciños que din que camiño da casa á piscina hai que levar a máscara anque pouco tráfico hai no camiño da foto. Está ben non deixar ir á piscina xente de fóra pero levar máscara cincuenta metros por un camiño baleiro !.
Hai que dicir que tamén contribúe a esta paranoia o abrocho de varios contaxiados en Vilaguindastre estes días.
O Leo onte foi adestrar perto de onde foi o caso e non pecharon o campo de fútbol. Entran todos con máscara, tómanlle a temperatura na porta, cada un leva a súa auga que poñen fóra do céspede coa máscara e adestran normal. Os vestiarios e duchas están pechados.
E imos safando !.

Etiquetas: , ,

martes, 21 de xullo de 2020

Día do can


Seica hoxe é o día do can e a nosa cadela está tranquila dentro da casa para non sufrir as calores de fóra.
Quen sufriu pero por mor das vespas foron os avós de Arbo. Na horta teñen un pé de andamio para soster uns arames e alí aniñaron unhas vespas. Cando foi avoaM coller uns pementos dúas vespas picáronlle e de tan mal que estivo foi a urxencias á Caniza. Atendérona ben e rápido e descubriron que é alérxica. Déronlle unha especie de xeringa para outra ocasión e a mala sorte foi que no domingo volveron picarlle. AvóM ía porlle a cura e pinchou o dedo e desta volta foi o avóM a urxencias co dedo inchado, negro e adormentado. Agora están os dous ben.
Onte fomos a Vlrñ cunha amiga e a filla e perdeu a chave do coche. Tivo que chamar ao home que lle trouxese unha copia e así tamén el coñeceu a praia.
E por fin nos arranxaron o termo da auga quente que aínda estaba en garantía. Tiveron que cambiar unhas resistencias que en teoría duran cinco anos pero neste caso non chegaron a ano e medio.
Tres exemplos de que case todo ten solución.
E hoxe é o día do can e aí  a está tan feliz e sen máscara.

Etiquetas: , ,

domingo, 19 de xullo de 2020

Máscaras na praia

 
 
Ao final animámonos a ir á praia pola tarde. Deixei á familia e fun aparcar onde puiden que non había ningún sitio cerca. Fóra da praia case toda a xente levaba máscara pero na praia xa era rara a xente que a levaba. Uns que xogaban á petanca non levaban máscara e mesmo o pizzeiro do furgón nunca a leva. Tamén hai que dicir que está bastante afastado dos clientes. Nos chiringos ao aire libre si que non leva máscara a xente.
 



Había pouca ou ningunha xente paseando pola beira do mar. A xente adícase ás actividades de sempre: ler, durmir, mirar o móbil, lacarear, xogar ao Uno ou á baralla, xogar con pelotas ou con palas e bañarse ou andar en barca ou paddle surf.
Fomos mercar uns granizados e unhas cervexas e entroume a cobiza e merquei unha 1906. Xela preguntou que tiña que ver o Covid coa cervexa porque non entendeu a palabra cobiza.
Quedamos ata as nove e media, cando a sombra cubría a praia.
Hai que aproveitar mentres se poida !.

Etiquetas:

venres, 17 de xullo de 2020

Calor e máscara


Hoxe seguimos co esta calor abafante. Nin a cadela quere pasear !.

 
 
Apetece un baño pero agora a piscina ha de estar chea de xente. No mediodía estaba baleira.

 
 
Para durmir un pouco preciso o " dá-fresco ": unha compra mestra que fixen hai uns anos dunha especie de cobertor que se mantén a 26 grados e refresca o corpo. É parecido ao que arrefría as botellas nos restaurantes pero non necesita frigorífico. Dura algo máis dunha hora pero xa teño outro para a segunda hora se o preciso.
 

 
Mañá queriamos ir á praia pero coa nova norma do uso de máscara case sempre bota un pouco para atrás.
Dá ganas mesmo de darlle unha patada ao Becho.



Etiquetas: , ,

xoves, 16 de xullo de 2020

Cincuenta grados


Hoxe collín o coche para levar a Xela despois de xantar e marcaba 50 grados. Estaba ao sol e facía calor, si; pero nunca mirei esa temperatura nun termómetro de coche. Será cambio climático ou o Coranoviros ?.
Nada que non se amañe cun ventilador e unha cervexa solidaria.



Etiquetas:

mércores, 15 de xullo de 2020

Non minto


E segue a subir o prezo do carburante. Seguro que antes de que remate a semana sobe outro céntimo. Non creo que suba así o salario da xentiña que traballa aí. De feito eu non boto gasoil aquí porque despediran hai tempo a unha rapaza que levaba anos a traballar. Volvérona contratar seis meses máis tarde pero xa con outro salario e outras condicións de traballo. Dende que marchou aqueles seis meses non volvín botar gasoil aí.
As empresas fan o que queren cos traballadores e sóbralles tempo.

Etiquetas:

martes, 14 de xullo de 2020

Outro misterio sen resolver

 
 
Deberon de facer unha " ouija " ou algo así para que siga o mesmo partido no poder.
Non sei a solución deste misterio.


Este posteo teño que etiquetalo como etnografía.

Etiquetas: ,

domingo, 12 de xullo de 2020

E votei


A iso das dúas e media fomos votar. Esa hora é hora de pouca afluencia e por iso a escollemos. Foi chegar á porta de fóra e xa pasar despois dunhas catro persoas. Namáis entrar xa nos chiflaron nas mans o xel hidroalcólico. Mandáronos á mesa que nos tocaba. No pavillón ía unha calor asfixiante e os encargados das mesas eran dous por urna. Pobre desa xentiña que estaba co esa calor abafante e coa máscara posta inda por riba. Debaixo das mesas tiñan auga embotellada pero debía de estar coma o caldo. Tamén tiñan madalenas e biscoitos deses industriais.
Esperamos á distancia que acabaran con tres persoas que tiñamos por diante. Nós xa levabamos papeletas da casa así que non tivemos que coller dunha estantería de onde voaran ducias de papeletas que ninguén collía do chan onde estaban ciscadas. Cando nos tocou o turno deixamos o carné nunha bandexa de porispán, leron o nome, comprobaron que estabamos na listaxe e metemos o sobre na urna. Logo eu limpei o carné co líquido que sabe Deus cantos carnés pousaron nesa bandexa. E despois xa nos mandaron saír por outro camiño para non cruzarnos coa xente que entraba pero pasabamos mui preto dos interventores, apoderados e demais adláteres dos diferentes partidos que sempre están pululando nestas ocasións.
Había muitísima policía local e algún membro de protección civil e non puiden facer unha foto ilustrativa do recinto.
Deixo a foto coa camisola que levei para votar.
Espero que haxa " Sentidiño " ou axirío e que gañen os menos malos desta gandaxe politiqueira .

Etiquetas: ,

sábado, 11 de xullo de 2020

Máis praia


Alá fomos a Vlrñ onde apareceron sinais prohibindo pasar a non autorizados en muitos sitios. Dei a volta no cruceiro do Hío e aparquei non mui ben nun sitio esperando que non me manden unha multa calquera día. Fomos xantar ao Buxaina mudado de nome. A carta hai que escaneala por código QR e logo xa pedimos o que quixemos e non estivo mal.
Na praia había pouca xente a esa hora e os peixiños eran muitos e dun verde case fosforescente que non sei se será cousa do Contraviros.
A calor apretou e logo chegou máis xente e outra desapareceu por medo aos " contaxiadores ". A auga estaba boísima e deu mágoa marchar ás nove e media.

Etiquetas: ,

venres, 10 de xullo de 2020

Adaptacións


O Becho anda por aí e se non é este becho pode ben ser outro novo nun futuro. Para non tocar onde toca máis xente están cambiando en Vilaguindastre os botóns dos semáforos por uns detectores de man. A ver se aprenden os dos supermercados que para acceder ao parking hai que premer co dedo no botón. Eu procuro premer cunha pata da gafa ou unha chave pero non co dedo.


A xente ten medo de tocar onde tocaron outros e así nunha perruquería con este cartel evitan virus e " ataques sexuais ".



Unhas cafeterías pecharon pero aínda algunha abre mudando o nome e pasou do francés Adèle ao galego Bolboreta.
Outros comercios fan negocio coas máscaras de tea personalizadas ou non mentres eu no choio tiven un debate co xefe porque quixen cambiar de máscara despois de usar unha durante dúas xornadas de traballo que estaba suxa, babada e suada. O xefe di que aguanta unha semana pero eu díxenlle que ou levaba máscara como é debido ou non levaba.

En fin, adaptándose a esta situación.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de xullo de 2020

Carreira tola

 
 
Mentres os prezos seguen na súa carreira tola os servizos médicos están adurmiñados agardando non sei que.


O Presidentiño dixo que o futuro da sanidade é a vía telefónica e, de exemplo, mañá Leo ten unha cita co dentista por teléfono !. Nin videochamada nin farrapo de gaita: por teléfono. Non sei que van amañar se xa coas visitas físicas pouco facía o dentista do seguro.
A ver se o domingo hai sorpresa e mudan algunhas cousas.

Etiquetas: ,

martes, 7 de xullo de 2020

Selectivo especial



Hoxe fixo caloraza. Aos pobres que teñen o selectivo tocoulles apandar nervios, medo ao Escornaviros e mais esta calor. Nunca foi bo pasar esta proba pero neste momento penso que é muito pior.
Agardo que lles vaia ben aos curmáns F. e M.

Etiquetas: ,

luns, 6 de xullo de 2020

Sardiñas e Espadeiro


Onte fomos a Arbo e comín as primeiras sardiñas do ano e ben boas que estaban. Ademáis foron regadas cun viño Espadeiro feito manualmente cen por cento. Vendimado nun monico, estruchado coas mans no mesmo munico. Logo o bagazo foi para unha rede dos xamóns e foi prensado e retorcido coa man e logo cun pau enganchado para aproveitar o líquido todo. O viño resultante non é mui ácido, non pinta e é dóce e lixeiro.
Despois tiven que mandarlle unha sesta. A zona máis fresca estaba ocupada polos críos que facían ruido xogando a " Isto é o meu " e fun durmir no chan nun cuarto do fundo da casa para abraio da avoaM.
Fixo unha calor de lume e logo Xela aproveitou o chafarís do rego para mollarse.
Marchamos abrindo o portalón provisional sen o mando do pavero do avóM.

Etiquetas: ,

sábado, 4 de xullo de 2020

Novos prezos e areas


Os avións xa voan e os prezos coma os dos combustibles soben un céntimo cada catro días ou así. Tamén fun cortar o pelo hoxe e subiu o prezo. Eu fastidieino e subinlle a propina !.

 
 
E fomos á Praia de Vlrñ. Canta xente había sen máscara !. Na area, está claro. Por fóra muita xente andaba con máscara. Iso si, había unha partida de petanca con xente uniformada pero sen máscara nin eles nin os espectadores. Na area puxémonos algo afastados da xente pero noutras partes a xente estaba máis apretada.
Non sei como rematará a nova normalidade con tanta xente de vacacións desprazándose e xuntándose con descoñecidos.



Etiquetas: ,

xoves, 2 de xullo de 2020

Papeleos e paredes



Onte pola mañá andei polo Vilaguindastre adiante polos bancos e de compras. Hai que facer cola e cando decides facelo polo caixeiro non ten cambio nin nunha sucursal nin na outra e a outra oficina desapareceu coma por arte de maxia. Ao final hai que anotarse na ringleira para que o faga a persoa detrás do mostrador: como sempre foi e tería que ser, e máis agora que inventan comisións. Tamén tiven que ir ao cole de Xela e non saben como se van organizar cando comece o curso. O Becho deixou todo nunha nube de incerteza.
Iso si, fotografei esta parede á beira do parque infantil pintada así xa que prohíben ondear bandeiras distintas das oficiais.
Fermoso truco para burlar a lei !.

Etiquetas: