leoeosseus

Thursday, 28 September 2006

NACEU O LEO



Como para todo hai o seu tempo o Leo por fin fixo acto de presencia extrauterina o mércores vintesete ás dez e cuarto da noite. Pesou 3,720 gramos e tanto él coma a súa nai están ben. Por suposto, eu estou canso pero orgulloso del e da nai. E agora marcho a seguir acompañándoos.

Labels:

Tuesday, 26 September 2006

Máis fotos antigas de Vilaguindastre



Como ves na foto, Torneiros cambiou. Medraron as árbores, multiplicáronse os coches, mudaron de farolas e hai novas construcións. Tes razón cando dis que as cousas cambian. E, falando de cambios, Leo parece que xa está colocado e a súa saída xa é cousa de pouco tempo.

Aquí abaixo deixo unha foto do centro de Vilaguindastre de hai uns corenta anos.

Labels: ,

Saturday, 23 September 2006

Fotos antigas de Vilaguindastre


O tempo pasa e xa estamos nas festas de Vilaguindastre e este ano hai unha mostra de fotos antigas aportadas polos veciños. Teño gañas de ir a esa mostra na que non vai estar esta foto dun accidente en Torneiros hai case trinta anos. Muito cambiaron as cousas dende aquela...

Labels: ,

Thursday, 21 September 2006

Natureza na viña




No medio das viñas podemos topar prantas bravas como as das fotos que son millán, hortelán (frotándoa curamos o pruido das estrugas) e ocolitro (non confundir coa árbore).
Animaliños hai arañas, cadeladefrade, grilos, barbatesas e percevexos que son uns bechos verdes que se se esmagan feden. Non teño foto del nin o topei no google. Non me extraña que Chelín ou Nemeth lembrasen as súas vendimas polos bechos.
Outra cousa; o Leo segue sen querer sair.
Un saúdo.

Labels: , ,

Tuesday, 19 September 2006

Linguaxe da vendima



A vendima está tocando á súa fin. Este ano houbo uva de máis e quen sabe o prezo que establecerá a adega para as uvas. Como sempre foi o híbado ( híbrido) o que máis rendeu pero esa uva non a quere a adega. E agora queda por vendimar o Treixadura (O Treixadura pon a barrigha dura). E agora vou dicir unhas palabras desta zona referidas á viticultura. A videira prántase apoiada a un espaller que é o poste que a levanta do chan. O acio en Arbo chámase cacho e se ten poucos baghos (uvas) é unha escada. O cacho consta dun cangallo (o esqueleto do acio) enganchado da vara polo ghapio (o rabo do acio). Os baghos teñen casca, carne e ghraíña (as pébidas do bago). Os diferentes tipos de uva distínguense pola folla, pola casca (a do híbado hai que cuspila), pola forma do cacho, pola forma do bagho (o Albariño teno redondiño e cunhas pintiñas, o Treixadura xa o ten máis ovoide e cunha soa pinta na punta); polo sabor (o Loureiro sabe a fruta e o híbado é mui dóce) e tamén a ghraíña que o Albariño tena grande e hai que cuspila.

Para vendimar vas cun corte ou tesoura e cortas o cacho polo ghapio. Comprobas que o cacho non teña uvas encorreadas (enrugadas por enfermidade), nin que o cacho estea parmado (verde a medio medrar), nin que sexa un outono (cacho totalmente verde que queda para outono ou outubro), nin que teña baghos verdes (balíns). Tampouco ten que ter pasas. Logo botas o cacho no munico (capacho ou cesto) ata enchelo e unha vez cheo o munico vai para o tractor. Cando o tractor está cheo lévase para a adega onde se pisa. Agora é unha labor mecánica onde entra o cacho por un tubo e sae o cangallo sen uvas por outro buraco. As uvas exprimidas pasan ó barril onde botarán dous ou tres días a ferver. O volume medra e hai que baixar a uva cunha ghaia (un pau con tres puntas coma pata de ave). Despóis veñen máis procesos que contarei noutra ocasión.

En canto a Leo dicir que semella gustarlle a vendima que non sae e prefire o aire da veiga e non o do hospital.

Mañá toca vendimar a Treixadura e a ver se rematamos esta semana (se Leo quere).

Un saúdo a todos.

Labels: , ,

Thursday, 14 September 2006

O val de Arbo



Unha vista do val onde están a maioría das viñas. Logo están as casas e máis arriba o monte (queimadiño de todo).

De esquerda a dereita e por aí mesturadas, están as fincas Correlos, Soutelo, Suborribas, As Carmelas, Chan do Eira, Tumbalobos, A Dónigha, Louriña e O Reghengo. Fóra da foto están A Ghranxe, O Couto e San Benito.

Para un ollo alleo isto non ten nome pero se un coñece non só ten nome senón que semella ter alma.

Ata a próxima e eu vou apostar tamén na data do nacemento do Leo. Eu digo o día 21, pero tranquilos todos que nunca acerto.

Labels: ,

Tuesday, 12 September 2006

Empeza a vendima 2006

Xa empezou a vendima en Arbo e co ela a volta ás palabras típicas (monicos, ghapio, outonos, híbados, espalleres,etc); a volver diferenzar as castes de uvas e a non perderse entre as diferentes viñas. Xa vendimamos tintas no Couto, no San Benito, Reghengo, Correlos, Tumbalobos, Louriña e nas Carmelas. As tintas poden ser Caíño (na foto), Mencía, Collón de Ghalo, Barancello, etc. das castes galegas ou Xaque, Gharnacha das foráneas. Hoxe fomos vendimar branco Albariño en Suborribas para a adega. A adega só admite uva branca Albariña e Treixadura (a vindeira semana). Mañá seguiremos coa vendima pero xa non sei en que finca.
Ata outra.

Labels: ,

Friday, 8 September 2006

Paseos ata Vilaguindastre



Esta foto é de Vilaguindastre hai uns anos. Dende que aprobaron o plan de urbanismo está cheo de guindastres así que foi doado rebautizar a vila.

Lembrarei este fin de verán polos paseos nocturnos dende os edificios de abaixo á dereita ata o centro da vila. Temos que facer exercicio pero polo día fai calor. Así que de noite collemos a Colín (ás veces, porque outras veces non quere) e imos ó centro a tomar un café. ¿ Cantas noites máis nos quedarán de paseo ?.

Labels:

Thursday, 7 September 2006

O verán 2006 está rematando


Hoxe na biblioteca hai pouca xente. O verán está a rematar e os estudantes están cos exames. Tamén muita xente remata as súas vacacións e as anduriñas da foto que naceron a primeiros de verán xa van camiño de África...E as uvas están maduras. Falta pouco para a vendima 2006.

Labels: ,

Tuesday, 5 September 2006

Combarro 2000



Nas fotos que estou dixitilizando topei esta de Combarro na primavera do ano 2000.

A foto é triste pero pior está Combarro de esceario na película Dagon. Mira aquí.

Labels: ,

Monday, 4 September 2006

Peugeot do avó


Parecerei pesado; pero e se Leo nace no coche camiño do hospital ?. A tía del houbo nacer neste Peugeot. Ó millor é un rasgo herditario.

Labels: ,

Sunday, 3 September 2006

Feira franca de Pontevedra



Xa sei que non é doado que o Acedriño naza en calquera sitio pero onte non puiden evitar pensar que podería nacer no medio da feira franca de Pontevedra. O rapaz habería de levar unha impresión non pequena co feixe de xente que había e o festón que se vivía. Había peñas de xente vestida de época e comendo nas mesas montadas pola rúas estradas de palla arrecendendo ó pasado. Había mostras de palilleiras, redeiras, cabaqueiros ou telleiros, cesteiros, actuacións, exhibicións de cetraría e muita festa.

Bueno, pasámolo ben e Cris gozou co seu vestido de época.

Labels: ,