leoeosseus

Wednesday, 31 October 2007

Noite dos calacús



Esta noite é o Halloween nos EEUU do que falei hai tempo. Por Galicia seica hai anos os rapaces tallaban cabazas ou calacús ou rabaquetas ou cocos ou como queira que lle chamasen na súa zona. Espetábanlle paus facendo de dentes e púñanlles unha candea acesa dentro. Colocábanas logo en camiños ou muros para asustar ós veciños. Tamén había sitios onde pedían esmola para os mortos.
Todo iso desapareceu e agora fan unha copia do Halloween norteamericano con disfraces e nenos pedindo polas portas co seu " truco o trato " que soa a mala tradución.
Os tempos mudan, seica.
Pois nada, que esta noite che vaia ben no estilo norteamericano ou no galego.

Labels: ,

Monday, 29 October 2007

Cambio de hora





É triste que ás sete da tarde sexa noite, que a tardiña desapareza comida pola noitiña e engulidas ámbalas dúas pola noite negra coma fariña do demo...

Pero está ben beber unha auga sá de balneario portugués esmorecente e pasear polo seu xardín decaente e dalí ir apañar castañas...

Porque o outono tamén ten cousas boas.


Labels:

Saturday, 27 October 2007

Trece meses



Hoxe o Leíño fai os trece meses de vida. Aínda non fala e adica días a distintas cantinelas. Hai dúas semanas dicía " coricó " sempre. A semana pasada estaba " gogui, gogui " e agora está cambiando de palabra. Camiña agarrado dunha man e o outro día quedou dous segundos de pé sen apoiarse mirando unha flor. Calquera día destes bótase a andar. En canto á dentición dicir que segue cos seus sete magníficos pero que andan dando a tabarra os outros. Come ben e aínda chupa teta. Leva uns días repugnantiño para comer pero é por mor dos dentes. Tamén durmía ben el só no seu cuarto pero hai veces que a dor dos dentes é grande e chora desconsolado.

E deixo aquí unha minipelícula dun protagonista tamén chamado Leo.

Labels:

Thursday, 25 October 2007

Orzowei


Hai un compañeiro na Torredocamiño que lle chamamos Orzowei. Cando era novo dicía que cazaba parrulos ó vó nas gándaras veciñas. Eu xa o mirei cun cazapo agarrado polas orellas e sentado na carretilla que atrapou á carreira, disque. Tamén di que chega nun cuarto de hora camiñando da súa casa ó choio e son uns dous quilómetros de distancia.
Gústanme as cousas que conta que supoño esaxeradas e hoxe fíxome rir cando falaba dunha cousa que lle contou a un encargado xa xubilado. Díxolle que había un traballador que dicía que a muller do encargado era unha " tamanqueira " e que dicía que o encargado non valía para nada, que era un " obstácOlo ".
En fin, miudezas da cotiandade.

Labels: ,

Wednesday, 24 October 2007

Graciñas e unha fada



Quería dar as gracias a todos polos comentarios e especialmente a unha fada que adica contos ó Leíño... e nada millor que subir unha foto dunha fada real porque as fadas existen.

Graciñas.

Labels:

Monday, 22 October 2007

Ignorancia con cartos



Cos cartos pódense conseguir muitas cousas e poder pero a cultura non vén automáticamente cos cartos.

Un exemplo de marulán pode ser o dono desta casa de boa feitura e que valeu os seus cartiños que foi cagala cando puxo o escudo do revés...E aínda andará todo gabacho mostrando o escudo !.

Labels:

Sunday, 21 October 2007

Casa da auga de Vide

Onte fixo calor e houbo xente que foi á praia. Non estaba " abarrotada " como dicía o FarodeVigo pero algunha xente si que había...e bañándose e todo.
E hoxe puiden visitar a Casa da Auga en Vide, As Neves. É un museu instalado na casa rectoral onde hai paneis con fotos e obxectos que explican a relación que teñen na zona coa auga. Falan tanto do regadío coma de muiños pero o que máis tratan é sobre a pesca da lamprea dende os pescos construidos para ese propósito.
Na foto de abaixo vese xente con corozas pescando meixóns. Non puiden evitar facer a foto desta imaxe que semella un retrato de aborixens norteamericanos e non xente veciña de hai menos de cen anos.


Labels:

Thursday, 18 October 2007

Tenda antiga


Nos paseos polo centro de Vilaguindastre ( que agora semella a rúa do Príncipe de Vigo cun violinista e todo o outro día ) paso por diante desta tenda antiga que apenas ten clientes. O dono está casado cunha cornuallesa. No escaparate hai unha colección de licores con carteis de hai vinte e trinta anos. Dáme mágoa non coñecer máis desa familia que pode dar para máis dun conto.

Labels:

Monday, 15 October 2007

Soñando co traballo

Segundo parece espertei falando do traballo. Resulta que traballo ata durmindo e o pior de todo é que non me pagan ese tempo.
Para rematar canso igual e non cobrar prefería soñar que xogaba con Leíño a pillar.


Labels: ,

Sunday, 14 October 2007

Voda II



Onte tivemos un acontecimento onde se empapela o veículo dos protagonistas.

Que o futuro lles sexa propicio.

Labels:

Friday, 12 October 2007

Día das comunidades indíxenas



Hoxe celébrase o día da hispanidade ou da raza en España e sudamérica como ben reflexa a foto. Tamén eu falei deste día hai dous anos.
En fin, polo menos fixo sol para pasear e xantei pulpo á feira que non sei se será considerado mui español que digamos.
PD: interesantes fotos en Guatemala.

Labels: ,

Thursday, 11 October 2007

Algunhas palabriñas aprendidas no traballo



Xa sei que é case pecado falar de traballo ás portas dunha fin de semana longa pero teño que referirme a el para anotar unhas palabras antes de que as esqueza. Xa hai un tempiño descubrín aos carretilleiros falando dunhas bateas pero estamos algo lonxe do mar para que falen desas da foto así que preguntei e descubrín que lle chaman así aos palés onde van os sacos. Tamén descubrín onte mesmo a expresión de " estar na coca " que a oín dicir referida a un home que esperaba a que estivese a punto de dar o premio a máquina tragacartos do bar para botar el a moeda e gañar o premio. " Estar na coca " viría a ser " estar á espreita " ou algo semellante. Non sei a orixe que pode ter pero non creo que teña que ver nada coa droga. Aparte tamén aprendín como lle chaman aos coches sen carné pola zona de Tui. Teñen o nome humorístico de " pinico ". Eu xa sabía o nome de " lavadora " empregado por terras de Suso Lista pero chamarlle ouriñal paréceme máis simpático.

E agora xa non falo máis do traballo. Desfrutai destes días.

Labels: ,

Tuesday, 9 October 2007

Sorriso para a cámara e a canción de Don Gato




O Leo ri cando lle facemos unha foto con flash. É mirar a luceciña que avisa do flash e pon a cara da foto. Tamén ten muita curiosidade por todo e aquí sae tratando de adiviñar por que dá voltas a roupa dentro da lavadora.

Tamén lle gusta que lle canten e de exemplo poño a versión da avoaM da canción " del señor don Gato ", unha canción con máis de cen anos que parece que ten que ver con algún rei. Esta canción está extendida por toda sudamérica e a península ibérica. Aí a vai:

- " Estaba el señor don Gato sentadito en su tejado marramiau, miau, miau...sentadito en su tejado.

Y ha llegado la noticia que había de ser casado marramiau, miau, miau...con una gatita parda que quería los hijos pardos marramiau, miau, miau...y quería los hijos pardos.

Y el gato con la alegría cayó del tejado abajo marramiau, miau, miau...cayó del tejado abajo.

Rompió las siete costillas y la puntita del rabo marramiau, miau, miau...y la puntita del rabo.

Lo llevaron a enterrare a la plaza del pescado marramiau, miau, miau...a la plaza del pescado.

Los gatos iban cantando y los ratones saltando. Siete vidas tiene un gato marramiau, miau, miau...siete vidas tiene un gato. "

E isto é o que hai por hoxe.

Labels: ,

Sunday, 7 October 2007

Inés negra, conto para Leo e os animais de dous en dous, ua, ua



Xa me daba na espiña que detrás desta estatua en Melgaço tiña que haber unha historia e descubrina case de casualidade: a lenda de Inés Negra.

Tamén gracias á interrede rin co conto do chinés de Nova York que falaba galego; o Leíño desfrutou cun conto escrito por unha fada branca e adicado a el especialmente e tamén o Leo demostrou unhas dotes para a música das que carece o pai e tamborilou cun dediño unha versión fermosa de " Os animais de dous en dous...uah, uah ".

E logo hai xente que me pregunta que lle topo á interrede.

Labels:

Friday, 5 October 2007

Album de outono


Se clicas no " sign this guestbook " podes engadir unha foto a este album.

Quero facer un album con fotos do outono anque podes subir a foto que queiras.

Graciñas.

Labels: ,

Wednesday, 3 October 2007

O encargado optimista



Hoxe descubrín que xa levaron a carretilla da vía do tren. Hai anos viña materia prima á fábrica en vagóns e a carretilla da foto era a encargada de remolcar os vagóns. O traballo foi a menos e a carretilla levaba cinco anos sen utilizarse... cinco anos !. Hai uns meses estaba co encargado que eu considero unha das persoas máis optimistas do mundo e apareceron uns homes para revisar a carretilla. Eu pregunteille ó encargado que facían eses homes e el dixo que ían levar a carretilla. Eu pregunteille se non ía usarse a vía nunca máis e el díxome: - Non, DE MOMENTO, non...Para min iso é optimismo.

Labels:

Monday, 1 October 2007

O Barqueiriño



Para rematar co tema da vendima vou falar do Barqueiriño. O outro día estaba a vendimar e oín uns berros por un camiño. Preguntei ó avóM quen era e díxome: Boh, ese é o maluco do Barqueiriño. O tal home terá uns sesenta anos, ten melea alborotada coma un león, uns ollos claros como auga, dentes ben conservados para a mala vida que leva, un vozarrón profundo e riso tolo e unhas mans coma gadoupas. Conduce un tractor pequeno coma un tolo de pé e berrando. Dorme nunha casiña en permanente construción, cando non dorme polas veigas adiante. Tamén ten un can e un cabalo cun chocallo para intentar asustar ó porco bravo que lle entra nas veigas de millo...Vamos, que é unha personaxe. E eu quería saber máis del. Preguntei a que se adicaba e díxome o avóM que tamén era o millor videirista da contorna. E explicoume. Cando as viñas agroman o Barqueiriño xa as ten percorridas todas e cun saber case bruxo sabe cal será forte e cal non o será. El " ficha " os gromos, cando medran córtaos e plántaos para que enraícen en viveiros como o da foto, cúidaos con mimo e logo vende os bacelos cando teñen medio metro ou así. Enxértaos e eses non fallan, van arriba.

Por iso que o Barqueiriño será un maluco pero fai do oficio de videirista unha arte e unha forma de vivir totalmente integrada coa natureza.

Labels: , ,