leoeosseus

martes, 30 de setembro de 2008

Guardería



O Leo está adaptándose á guardería ós poucos: unha hora nalgúns días. E de cada vez vaise acostumando máis e xa non chora cando o levamos e xa non di " Coli. No. " e sorrille ás educadoras.

Hoxe houbo unha reunión onde se falou de horarios, comidas, merendas, medicinas, roupa, material e todo o relacionado cos nenos na guardería. E falando, falando, chegou o momento no que unha nai preguntou se cambiaría o asunto na guardería cando a trasformen nunha galescola que tiña medo de que obrigasen ós nenos a falar en galego e que aprendesen himnos e levasen un uniforme. Ela recoñecía que falaba mal o galego pero parecía destinarlle un futuro máis ignorante ó fillo negándolle que aprenda galego no, imaxinario, cincuenta por cento do tempo da guardería. Supoño que se lle din que ía ser en inglés ela había de estar toda contenta.

Bueno, non digo nada novo.

E cambiando de tema, teño que agradecer á empresa de galletas mariñeiras Daveiga porque o Leo está enganchado a elas e mantéñeno activo nestes tempos que non come muito ( na foto está a mostra ) e porque manteñen o galego nos envases.

Etiquetas: ,

sábado, 27 de setembro de 2008

Dous anos e sorpresa !






Pois hoxe o naipelo fai dous anos e podemos dicir que o dito " un ano andante, dous anos falante " ten razón co Leíño pois xa fala bastante. Repite tódalas palabras que se lle din anque ao seu xeito, está claro. Falla co " l ", " rr " e coas palabras longas e os grupos consonánticos. E aparte ten unha chata curiosa pois non pronuncia, de momento, o " e " que o di " a " ou " i ". Di perfectamente mono ou patata pero o seu nome é " ío " e un avó é " piro " e outro " pocho ". Os Simpson son " sixo ", Mickey e Vicki son " Piki " os dous e ten unha xirafa " fafa ". Para galleta di " teta " ( a única palabra que di con " e " ) e a teta é " tita ".


Hoxe pasouno en grande cos curmáns e algúns amigos máis e os maiores tamén o pasamos ben desfrutando en Arbo dun serán morniño de fin de setembro máis agradable que muitos días deste verán.


No brinde brindei por Leo e por nós todos e deixei caír a sorpresa bomba de que o Leíño espera un irmán... ou irmá.

Etiquetas: ,

venres, 26 de setembro de 2008

Javi



Vendimando o outro día mirei a Javi debaixo dunhas viñas. Polo seu físico non pode vendimar nin carrexar municos pero anda de chófer e levaba xente dunha viña a outra. Lémbroo hai anos de pé no seu chimpín correndo a bastante velocidade e coa súa melea longa ao aire. Semellaba un indio percorrendo as chairas americanas. Pero un día tivo un problema co chimpín e caiu. A trasmisión do chimpín enganchou a súa melea e arrincoulla con parte do coiro cabeludo. Dende entón loce un pano na cabeza pero non perdeu o seu humor e saber estar e así nas últimas eleccións municipais ata saiu no cartel dun partido. Eu nunca o tratei persoalmente pero tenme pinta de home botado para adiante e optimista e capaz de superar problemas.

Etiquetas: ,

luns, 22 de setembro de 2008

Entre uvas anda o asunto



Estes días estiven bastante apartado do ordenador. Houbo falla de inspiración, falla dun adaptador que quedou atrás, lecturas pendentes e a vendima 2008.

Xa se vendimaron as tintas e a treixadura. As tintas foron boas este ano e apenas estorrexaban ( caían as uvas do cacho cando o cortas ) e encheron dúas tinallas de mil litros, un bocoi de 700 e un medio de 350 e alí quedaron a ferver. A treixadura deu uns mil cincocentos litros e mañá hai que vendimar o albariño para a adega que será o dobre do ano pasado pero non chegará á cantidade que houbo no 2006 que foi de récord.

A ver se rematando esta semana xa me poño máis co blogo.

Etiquetas: , ,

xoves, 11 de setembro de 2008

Vacacións en Eivissa

Xoves 4


Tocou a viaxe dende Vigo a Madrid e Madrid a Eivissa que transcorreu sen grande novidade. Alugamos un Fiat Panda que é o típico coche de alugueiro en Eivissa. Pensabamos que estaba suxo pero os coches da illa están todos carregados dunha capa de pó. A illa non é mui grande e a viaxe ata o norte non durou media hora. O recepcionista foi mui amable e tiña acento estranxeiro. Díxonos que nos tocara un apartamento con boas vistas. Ti que cres ?. Fomos á praia que non tiña unha area mui boa pero si unha auga morna para nadar.








Venres 5

Decidimos probar outra praia do mesmo concello pero a uns vinte quilómetros. No norte de Eivissa hai dous tipos de estrada: estreita con curvas e estreita con curvas perigosas. As estradas están abeiradas de sucalcos con figueiras, oliveiras, algarrobos e amendoeiras e as casas son cadradas e brancas con fiestras pequenas e unha arcada na cara sur. O feísmo case non existe e hai que ir ás urbanizacións costeiras e vilas grandes para topalo. A praia de san Vicent resultou deliciosa pola súa area e auga. No mediodía voltamos ao hotel e fixen unhas fotos de sant Joan de Labritja, cabeza do concello coa igrexa branca típica e a súa arcada. Á tarde facía calor así que nos metemos na cova de Can Marçá que a tiñamos pertiño do hotel. Facía tanta calor que había un feixe de lagartas tomando o fresco na terraza da entrada da cova. O prezo é de oito euros por adulto pero as bebidas están ao prezo de 2,50 euros, asunto típico da illa. A cova estivo ben e fresca. Puxeron a funcionar unha fervenza artificial con cambios de luces de cores e música clásica. Agora xa non corre auga polo cambio climático pero houbo tempos que tiña un río e unha fervenza e que se formaban columnas coas estalactitas e estalagmitas. A cova foi refuxio de contrabandistas e estivo cuberta polo mar en tempos prehistóricos. O acceso faise por unha escalinata de máis de cento cincuenta chanzos ( perdín a conta ) no acantilado. E dende ela mírase unha casa dun ruso millonario que semella tirada dunha película. Máis tarde fomos á praia e fixemos mamarrachos na area e logo mercamos un pareo a unha hippie suiza que vive perto do hotel.









Sábado 6

Hai un mercado hippie os sábados en sant Carles de Peralta ( case tódalas vilas teñen nome de santo así que rematei por tirarlle o santo de diante senón non me daba para ler indicacións e aprender nomes ). Tivemos sorte que fomos cedo. Hai que aparcar debaixo duns algarrobos e cobran tres euros polo aparcamento. O mercado está mui ben e é mágoa que non estea todo debaixo dunha sombra. Venden de todo pero hai muito turista ( incluíndonos nós, claro ). O Leo flipou cun chiringo tipo árabe con coxíns polo chan e taboletes baixos de muito corido. Había unha pallaza que facía figuras con globos e Leo levou o seu que era un canciño. Tamén había libros de segunda man e incluso en galego anque non entrei para previr gastos. Tamén neste sábado coincidiu que había mostra de artesanía pero estaban nunha explanada a pleno sol que non sei como aguantaban alí. Falei cun cesteiro da vida e o home falou de maltrato a nenos e a maiores. Logo apareceu un mozo hippie que lle preguntou se podía aprender a facer cestos. Penso que é bó que non se perdese o costume e creo que non se vai perder na illa porque a artesanía e labores relacionadas son unhas das ocupacións dos illáns. En Eivissa hai muito hippie de primeira, segunda e terceira xeración e topas anuncios de clases de ioga, de música, de baile, de pintura e muitas granxas ecolóxicas de xente que viu vivir aquí atraída por unha luz, unha calor e un ritmo de vida que incitan á calma interior. Pois ben, precisamente esa calor agravada pola cantidade de xente obrigounos a marchar do mercado. Fomos á praia de sant Vicent e de alí para o hotel. Logo decidimos ir a santa Gertrudis de Fruitera e dar unha volta polo bar Costas e a vila. Tomamos un xamón delicioso e un pan con tomate exquisito. A vila é pequerrecha pero ten un ambiente acolledor de xente estranxeira que ancorou o seu porvir en Eivissa e se misturou con illáns.










Domingo 7


Como estaba anubado e era domingo decidimos ir a Eivissa capital que é unha vila amurallada cunha muralla longa e unha arquitectura típica e laberíntica que merece o título de Patrimonio Mundial que posee. Demos un longo paseo que se complicou coa cantidade de chanzos que hai que subir e a calor que saía de entre as nubes. Nunca imaxinaría eu que subiría e baixaría tantos chanzos para ir a unha praia, a unha cova ou para visitar unha cidade. Bueno, tivemos sorte de ir nun domingo de mañá porque así evitamos a multitude e puidemos admirar a muralla, as vistas e as rúas de Dalt Vila que é como se chama a cidade fortificada. Outra vez botounos fóra a calor do mediodía e recuamos para o hotel e logo pasamos unha tarde tranquila de praia e paseos.















Luns 7


Acordamos visitar outra vila importante da illa. Non quixemos visitar sant Antoni porque hai muita movida aí e non iamos nese plan. Así que fomos a santa Eularia des Riu. No camiño mirei muitos muiños de vento pero case todos arruados. Santa Eularia é unha vila grandeira con muito apartamento vendido a estranxeiros e un paseo e unha praia ben feitucos. O paseo está abeirado de multitude de restaurantes e pubs tipo inglés. No centro hai unha alameda pequena cuns postos hippies. Desfrutamos da praia cunha area fina e mui boa e unha auga que daba pena saír dela. Á tardiña ( en Eivissa anoitece unha hora antes e ás oito xa é noite ) ceamos pizza no " Over the world " e estivo rica.






Martes 8


Levantouse outro día anubado pero con engano coma sempre. Parece que non vai facer calor pero logo sóltanse os infernos todos. Dende o hotel mirabamos a Torre den Mular e tiña ganas de ir a ela así que collemos o coche e tiramos por onde parecía ser o camiño. Chegamos a unha urbanización respetuosa coa arquitectura típica que se chama Na Xemena e preguntamos a unha señora que paseaba o can. Indicounos o camiño nun español simple cun acento estranxeiro mui forte. Volvemos por unha pista de terra e tivemos medo de que se atascase o Fiat Panda así que seguimos a camiñar e por fin demos coa torre ao final do camiño. Está abandonada e ao borde dun acantilado e ten vistas sobre o chalé do ruso e sobre a cala de sant Miquel con seus hoteis. Á tarde despedímonos da praia mentres uns rapaces daban pan a uns peixes e os collían coas mans. Fixen tamén unhas fotos da cala Ses Mutorons cos seus alboios típicos para as embarcacións.








Mércores 9

E tocou a hora amarga da despedida dunha terra de cor colorada e árbores baixas. Unha terra con rolas e lagartas, coas suas árbores fruiteiras e viñas baixas cos cachos protexidos contra paxaros. Unha terra cun mar cálido e tranquilo. Unha terra con xente de todo o mundo. Unha terra que non me extraña que muitos estranxeiros queiran para o seu retiro.

Etiquetas:

martes, 2 de setembro de 2008

A grade de ouro de Bouzarramil



Os bisavós Celia e Ricardo tamén saben de cousas dos tempos antigos, que lles dicían os vellos cando eles eran pequenos. O outro día queriamos levalos a tomar algo a Portugal pero eles dixeron, de broma está claro, que ían buscar a grade de ouro de Bouzarramil. Resulta que debaixo dunha laxa en Bouzarramil ( as terras que abeiran o camiño da esquerda da foto ) hai unha grade co marco de madeira pero os dentes de ouro. Eu díxenlles que iso non podía ser, que é unha lenda e o Ricardo díxome outra lenda da zona. Un día un home topou unha laxa escrita que dicía " Debaixo de min hai un tesouro ". O home baixou á aldea e xuntou cantos homes puido e volveron á laxa. Con grande esforzo déronlle a volta e non toparon nada. Só toparon a pedra escrita por baixo que dicía " Gracias por darme a volta. Xa estaba cansa da mesma postura ".

Iso, lendas da zona.

Etiquetas: , ,