leoeosseus

mércores, 31 de outubro de 2012

Calacú 2012


Hoxe o Leo foi disfrazado de Drácula ao cole e volveu co calacú que levara o luns. A idea foi tirada da interrede, o calacú é un coco da casa ( así lle chaman en Arbo ). O baleirado do calacú foi obra de Naideleo, o tallado foi cousa da tía Marga e os ollos e nariz son tanxerinas pintadas con témpera por Leo e retocadas pola tía Marga. Os ollos están enganchados cun arame e mentres todos traballaban eu vixiaba que Xela non caíse da cama.
Que non pases medo esta noite !.

Etiquetas:

luns, 29 de outubro de 2012

Garabatos


Hai un tempo para todo e agora tocoulle a Xela entrar na gardería. Hoxe foi o primeiro día de adaptación e nos quince minutos que estivo dentro non deixou de chorar a todo pulmón. Ao primeiro foi no colo da profe e ben. Mirou os ananiños e os xoguetes e todo ía ben ata que pisou o chan e se decatou de que ía estar alí sen a nai e rodeada de persoas descoñecidas. Vaia, que o de chorar seméllame do máis normal. Todos sabemos que hai momentos duros pero ten que seguir adaptándose e mañá xa lle tocará quedar un pouco máis de tempo.

Etiquetas:

sábado, 27 de outubro de 2012

Actuación


Hoxe fomos mirar unha actuación de premio para Leo por portarse medianamente ben estes días. Houbo cancións, pallazos, maxia e disfraces de personaxes da tele para abraio de Xela. Anque o espectáculo era para nenos pequenos aínda rin un pouco e tamén coa graza dos nenos vontarios do público que saíron para facer un concurso de baile. Había un de tres anos e medio e cando lle preguntou a chica que quería ser de maior estivo calado un anaco e cando todos pensabamos que non sabía responder a esa pregunta soltou un " paleontólogo " ben pronunciado. A outro preguntáronlle que equipo de fútbol lle gustaba e dixo " el España ". Outro que estivo simpático foi cando lle preguntou que quería ser de maior e soltou " nada ". Un neno e unha nena falaban en galego e a chica seguiu a entrevista en galego.
Nada, que foi unha tarde distinta.

Etiquetas:

mércores, 24 de outubro de 2012

Décimo sexto mes

 
 
A vida leva o seu ritmo e así, sen facer ruido, Xela chegou ao seu décimo sexto mes de vida.
Ela está pletórica en todos os aspectos. Está feita unha acróbata tratando de imitar ao seu irmán e así aprendeu a balancearse onde pode: na varanda do portal, na mesa da cociña... no lavabo !.
Ela non ten límites e atrévese a todo menos a comer muito.
Di "agua" perfectamente, "caca" para dicir "blanca" ( para risa de Leo ), "ah" para saudar, "ao" no canto de chao e se lle preguntas que tal está ela di algo entre "ben" e "ban". Tamén di "can"  e "bambán". Sabe coreografías de cancións e quere aprender fuchicando en todos os aparatos.
E así tira para adiante esperando que lle nazan os catro cairos e esquecendo o costume de chuchar o maimiño esquerdo para durmir.
A ver como avanza o terremoto.
 


Etiquetas:

sábado, 20 de outubro de 2012

Reflexión

Non vou reflexionar sobre as eleccións e os seus cartaces e mensaxes.
 
Sempre se poden atopar mensaxes millores nun simple tobogán.
 
Ou mensaxes cheas de significado complexo atopadas en observatorios da natureza.
 
E relacionado cos lorchos hai que ver como veñen e van os peixes no noso acuario: Cleo, Plata, Parche, Patapau, Lamparilla e Colilla.
 
 
O tempo pasa sen piedade por todos e ata Leo medra e saca "noiva".
 
E canto máis coñezo a Leo máis me recoñezo a min.
 
 
Reflexiono de máis, paréceme a min.

Etiquetas: ,

xoves, 18 de outubro de 2012

Eleccións 2012


Seguimos coa batalla para entrar no parlamento de Galicia e atopo curiosidades. O PSdeG pon nos cartaces a mensaxe: " É o momento " que practicamente é igual que o que usou o PP no 2009 co seu: " Chegou o momento. Feij009 ". Lembro o texto do PP porque no concello das Neves aforran tanto que agora volven pendurar as pancartas de hai tres anos. Non teño proba fotográfica pero a ver se a consigo este domingo camiño de Arbo.
As eleccións tamén poden ser case un asunto personal cando poñen de candidato un coñecido da época estudiantil que vivía a menos de dous quilómetros da miña casa. Non coñecía ese partido pero quedei abraiado cando mirei a cara do candidato. Lembro que cheguei a estar na súa casa por un amigo común e que debuxou vistas e rúas de Vilaguindastre hai máis de vinte anos.
Aparte dese veciño da foto hai outro algo que me cai máis lonxe que é Mario Conde e que non teño trato con el nin quero, graciñas. Non sei como ten cara para presentarse e o máis simpático é que haberá quen vote por el e todo.
E agora xa deixo o tema político que me aburre.

Etiquetas:

domingo, 14 de outubro de 2012

Escravo


Remataron as festas en Vilaguindastre xa hai un chisco pero aínda había algunhas atraccións e postos esta fin de semana. Festas aparte non podo esquecer o trato recibido polo home da foto por parte do seu patrón. O home recibiu unha boa e sonora labazada cando non atendeu un dos catro postos obrigado a atender ( tren de castañas, algodón de azucre e dous de lambetadas e xoguetes varios ). Quedei mudo e sen reaccionar e lembrei cando facía eu o padrón municipal de habitantes que visitei un asentamento de feirantes e cando apareceu por alí un negro dixéronme que ese non contaba que era un criado.
Non nos queda nada que apandar con esta crise !.

Etiquetas:

xoves, 11 de outubro de 2012

Facendo máis ou menos


Hoxe aparcou debaixo do meu edificio a furgoneta da música repetida de todas as eleccións que todos coñecemos. Esta vez polo menos a furgoneta non ten matrícula portuguesa. Pois iso, saiu un home con vasoira e cartaces e espetou os cartaces por riba doutros dun partido contrario. A megafonía dicía sensentidos e frases baleiras e fíxome graza cando dixo: "...para seguir facendo cousas máis ou menos... ", frase aclaratoria do que teñen pensado facer.
Na foto está o Leo correndo por unha beirarrúa barata que estamos en crise. Pódese chamar beirarrúa máis ou menos.

Etiquetas:

mércores, 10 de outubro de 2012

Xela comunicándose



Esta xoubiña non para e quere comunicarse cos demáis e estar en todo. Vai dicindo " a " a todo que é o seu xeito de dicir " ola " e despóis di " ao " para despedirse. Tamén tararea algúns anacos de cancións e imita bailes. Cando menos o penses xa está detrás túa para repetir o que fas ou facer algunha das súas que basta que lle recrimines algo para que o volva facer. Quere vestirse soa, calzarse, subir escaleiras ou cadeiras ou paredes; o caso é agabear por onde sexa. Empeza a botar carreiriñas e quere chimpar. Vai atrás de pelotas e coches de xoguete e pasa páxinas de libros. Encántalle sinalar as fotos que hai penduradas pola casa e despegar algunhas tamén. Desmonta os mobles dos libros, dos CDs e dos DVDs.
Vaia, que non hai momento de paz co ela. Non sei de onde saca tanta forza a ratiña.


Etiquetas:

martes, 9 de outubro de 2012

Outubro

 
 
Empeza outubro e xa se vendimou todo. É máis, a uva xa ferveu e perdeuse a oportunidade de curar males de pernas meténdoas no viño a ferver.

Tamén se apañou o millo e antigamente quen topaba a espiga escura era o rei ou raíña.
Tamén chegaron os novos inquilinos á casa anque por menos tempo do que quererían eles. Este ano os dous inquilinos son pedreses. A ver se se lle nota a  diferenza en algo.
                                                                                                                                             
 
 
 
 
 

Etiquetas: , ,

sábado, 6 de outubro de 2012

Operación


Onte andáronme na parte que toca o moneco coa súa man dereita. Todo foi ben anque cun mareo debido ao cansazo de traballar de noite e ir á operación sen descansar o suficiente e sen comer. No quirófano había un ambiente case festivo por ser a última operación da semana. O que non me gustou foi o trato do xefe típico de quirófano cunha enfermeira que lle tiña que rir as babosadas que soltaba a eminencia que lle facía as beiras de maneira cantosa. Eu procurei estar calado e falar español que o tal cirurxián tiña algo importante meu entre as mans. O que non sei é como hai xente que se ofrece vontaria ( e paga ! ) para pasar polo quirófano. Cousas veredes !.

Etiquetas:

martes, 2 de outubro de 2012

Vendima 2012


Este ano a vendima foi atrasada e semella que a crise lle afectou que non hai nin a terceira parte do que houbo o ano pasado. Iso si, o pouco que hai está sanciño e o tinto polo menos vai ser un viñazo este ano.
En Arbo vendimamos o Albariño o sábado e foi pouco. Cambiamos de adega e agora a uva albariña e treixadura vai para Martín Códax .
Agora está practicamente rematada a vendima que só queda o híbado para facer o branco de casa.
Este ano a vendima foi un visto e non visto.

Etiquetas: