Sunday, December 28, 2008

Vintesete meses ( e un día )



Os días de festa pasan lixeiros e enleados entre visitas, paseos e comidas. O Leíño chegou aos seus vintesete meses e non tiven tempo onte para escribir no blogo. El segue avanzando pese ao pouco que come. Da teta case non se lembra pero está feito un adicto aos postres e o chocolate. Gústanlle os contos repetidos ata o infinito como o de Pinocho e Peter Pan. Gústalle xogar coa granxa dos Lunnis e ir á mesa co neno Xesús, a vaca, o burro e a galiña e pide que lle cantemos as cancións de Miliki: Había una vez un circo " Había sírcolo ", Susanita " Ratón titín ", La Gallina turuleca " Ghaliña teca e ovos ". Sabe que mamá ten unha nena na barriga ( ao primeiro localizábaa polas tetas ) e sabe como se chama porque lle demos a escoller entre os nomes de Sabela e Xiana e dixo: Xiana.

Wednesday, December 24, 2008

Boas festas !


Entre o traballo e a vida real ( uns portugueses pondo tarima flotante na casa e a posterior limpeza ) non teño muito tempo para a interrede. Iso si; quero desexar boas festas a quen lea isto e desexo un día tan só no que non morra un neno á fame. Non pido muito pero sei que é un imposible.
Que o Apalpador e as pupieiriñas sexan xenerosos contigo e que sigan adiante as gañas de vivir que valen máis ca os cartos todos.
Graciñas a todos e especialmente a quen me enviou correos como a postal da imaxe enviada por An.

Sunday, December 21, 2008

O teo da máquina


Xa sei que case é pecado falar de traballo nestes días pero teño que dicilo antes que o esqueza. Estes días a máquina paletizadora ( parecida á da imaxe roubada na interrede ) andaba tola e traballaba mal. Un camioneiro falou comigo:
- O que pasa é que a máquina ten o teo.
- E iso que é ?.
- É unha enfermidade que lle dá aos porcos na cabeza e que se poñen a dar voltas ata morrer. Para curalos hai que darlles un corte nas orellas para que lles baixe a presión sanguínea.
- Ah !!!. Pero si lle digo iso ao encargado non o vai entender( leva pouco tempo na empresa e vén de Madrid ).
- Entón aos porcos de Madrid non lles dá o teo ?...
E así me convenceu de tratar de ensinarlle galego ao encargado novo; aos poucos para que non se asuste. Xa aprendeu o que é unha trapallada.

Thursday, December 18, 2008

Galletas desavaporadas



Viaxando pola interrede adiante topei un vídeo de youtube onde falan dos blogos en galego e, curiosamente, saía algo falando deste blogo no minuto 1:37 como dicindo que era un blogo " que falaba do cotián, do familiar e do contorno " e non podo negalo. O que si me gustaría engadir é que tamén falo de detalles curiosos da lingua como palabras galegas de uso restrinxido e que gracias á interrede poden quedar rexistradas.

E hoxe quero falar das galletas " desavaporadas " que é como lle din por Arbo e Vilaguindastre a esas galletas que quedan no paquete dun día para outro e que o día seguinte están como brandas. O Leíño ten unha capacidade innata que mete medo de non querer que se desavaporen as galletas.

E isto é o familiar, cotián, do contorno e da lingua que quería dicir hoxe.

Wednesday, December 17, 2008

Cita na Coruña



Fun convidado polo blogueiro, amigo virtual e artista da foto á Coruña a asistir a unha charla pero non poderei ir.

Se podes, vai oílo a Coleccionan mañá día dezaoito ás oito do serán. Seguro que non defrauda.

Sunday, December 14, 2008

Invernía



Nesta fin de semana chuviñenta, ventosa e fría case non pasou nada: os papa Noeles das fiestras case voan, case se inauguran parques acuático- infantís como o da Escarranchada da foto, voaron algúns foguetes lanzados por canteiros celebrando a súa patroa e houbo xantar de empresa con citas de Herman Hesse e discursos do tipo: " Fue de las primeras o segundas personas que conocí "... Case nada.

Thursday, December 11, 2008

Premio




A min gústame cumprir no traballo e hai veces que para facer o meu teño que chincharme e facer o doutros. Procuro non encomodarme pero necesito dicilo nalgún sitio senón arrebento e para iso teño o blogo. Para que conste.

E este asunto faime lembrar hai anos, cando limpaba nun hotel de Londres, que nos mandaran limpar os baños das escaleiras e eu limpaba e fregaba o millor posible. O meu compañeiro dicía que non facía falta tanto pero debaixo dun escobilleiro dun baño topei uns billetes dobrados que eran tanto como o que cobraba eu nunha semana. Quedei mui contento co eses cartos que ninguén recramou e que sempre considerei como un premio ao meu traballo.

Na foto saio eu e compañeiros españois, un polaco, unha francesa e dúas suecas.

Tuesday, December 9, 2008

Meme das colecións



Fun convidado por Palmira das bágoas insomnes a escribir sobre colecións que fixen ou facía. E gustoume o meme e vou tratar de responder.

Lembro de cando era pequeno ía os domingos ao quiosco e mercaba un sobre de soldaditos de plástico e cheguei a ter máis de 2000 soldados de nacións e épocas distintas. E un pracer dos máis grandes era topar un soldadito ou máis na area da praia que non penses que era difícil.

Tamén lle collía as pinzas de madeira da roupa a miña nai ( agora é difícil topar pinzas de madeira ). Collía a enciclopedia da casa e pintaba en cada pinza unha bandeira dun país e un número e imaxinaba que eran coches de carreiras. España gañaba sempre ( como cambiou o conto ! ).

Outra coleción que facía e case completei foi a das Joyas Literarias Juveniles que liquidaban case totalmente a miña paga semanal xa sendo un mociño. Agora gústame tela na casa e imaxinar o día que desfruten os meus fillos dela como eu desfrutei.

E agora unha pregunta aberta a todos. E ti que colecionabas ou colecionas ?.

Monday, December 8, 2008

Os Aloques




Seguindo coa teima dos nomes, teño que dicir que me interesa a procedencia dos nomes de lugar. Así en Vilaguindastre hai un barrio e unha fonte que se chaman Os Aloques. Busquei no dicionario a ver se tiña significado e topei dúas acepcións: manancial de auga ( o máis probable ) e mistura de viño tinto e branco ( que podería ser se cada cano botase un dos dous tipos de viño ). Vamos, un soño para calquera amante do viño.

E agora toca seguir pensando nomes de muller ...

Friday, December 5, 2008

Nomes


Agora toca buscar nome para a nena e non semella tarefa fácil. Queremos un nome curto e sinxelo de escribir e dicir.
O que trataremos é non pór un nome rimbombante como " Cunter's " que chega a existir en inglés e sería conecheiros.

Wednesday, December 3, 2008

É unha nena !



Na ecografía de hoxe o médico respondeu " Es una hembra " á nosa pregunta. E todo vai ben.

Monday, December 1, 2008

Meme dos praceres confesables





Xa hai un tempiño que fun convidado pola Queue Bleue a escribir un meme sobre seis praceres do cotián. Pedín tempo e a verdade é que non o tiven nada doado para topar seis praceres cotiáns confesables pero aí os van.


1. A ducha despóis da xornada de traballo. No traballo hai cheiros intensos e muito pó así que unha ducha a presión industrial agradécese.


2. Espertar pola noite e mirar no espertador que aínda quedan duas horas ou máis de sono.


3. Aprender cousas curiosas que para a maioría dos mortais son parvadas.


4. Facer unha boa foto. Non acostuma ser a cotío pero é un pracer que ben o podería ser. Na foto mírase un pazo de Vilaguindastre a través do buraco dun ladrillo do muro de peche.


5. Que o Leo repita palabras.


6. Topar inspiración para escribir no blogo e saber que non son o único que ten interés no que escribo.


Como podes apreciar, non son nada complicado na hora de topar praceres.