leoeosseus

Saturday, 30 January 2016

Socializando e solporizando


Onte Xela tivo un aniversario dunha compañeiriña do cole nun sitio novo que non coñecía a menos de cincocentos metros da casa.


 
 
Non puiden quedar con Xela que tiven que levar a Leo a Vigo ao parque dos bombeiros que tiña unha visita cuns compañeiros.

 
 


Mentres os fillos socializaban eu aproveitei para solporizar en Rande facendo fotos.
Onde está o museo Meirande hai un peirao de carga abandoado en perigo de arruamento co paso proibido que pescadores, aventureiros e algún blogueiro ignoran.


Así fixen unha reportaxe fotográfica onde entraban partes do peirao, os pescadores, a ponte de Rande, a ría coas súas bateas e un solpor marabilloso coas Cíes ao fondo e detrás delas as nubes que nos acompañaron hoxe.
Facía frío no corpo pero a alma estaba feliz.

Labels: , , ,

Monday, 25 January 2016

Xaneiro xiadeiro ?

 
 
Onte facía un día primaveral que invitaba a pasear así que xantamos en Meira e fomos de paseo ata Moaña polo paseo marítimo cuns amigos.


Por suposto que hai algúns monumentos adornando tan longo percorrido como o adicado aos faros que salvan vidas, aos carpinteiros de ribeira, ás redeiras, aos emigrantes e tamén un colosal deus Neptuno duns catro metros de altor polo menos que non sei a quen estará adicado en concreto.


Pero o monumento que me gustou de verdade é este adicado aos animais que son abandonados. Ese canciño de pedra ata semella chorar e todo. Non merecen ese trato.

Labels:

Sunday, 24 January 2016

Quincuaxésimo quinto mes


Pasou o outro mes e non puxen o mesario dela e non me avisaches nin nada. Facía a xoubiña catro anos e medio e agora xa fai cincuenta e cinco meses.
Que se pode dicir dela ?. É mui espabilada e sabe enredar para pedir as cousas. Xoga a todo e aprende con Leo do que estuda el. Segue coa súa dieta de cacao de todas as formas posibles pero polo menos ten medo das bacterias dos dentes e non hai que repetirlle que os lave. Iso si, " Estoy cansada " é a súa frase máis repetida pero non é certa na maioría dos casos. Fala mui ben anque carga no " z " sobre todo falando con nós. Di que non fala galego porque non lle gusta e quere que eu fale español pero non o consegue, está claro. Tamén di que son feo pero só dun lado que do outro son guapo.
Co irmán teñen  a típica relación " nin contigo nin sen ti " que remata mal muitas veces anque hoxe rematou ben como ilustra a foto esta.


Pero agora xa non está na cama co irmán que a fervellica xa se ergueu para mirar os aros olímpicos do seu disfraz que este ano van de bandeiras do mundo en primaria e de bandeiras olímpicas os de infantil.
Nada, que esta nena non ten paraxe !.

Labels:

Friday, 22 January 2016

Visita ao novo hospital


Onte fun ao novo hospital Álvaro Cunqueiro e non teño queixa. Foi bastante doado topar a área onde tiña a cita. Despois saquei o número da cita e non esperei máis de vinte minutos. Atendeume ben a doutora e o prezo do aparcamento non foi esaxerado ( agora está a metade do que valía antes. Para iso serven as mobilizacións ). Non sei como será noutros casos pero a miña primeira experiencia foi boa. E iso que hai datos bastantes de como empiorou a sanidade en Galicia estes anos.


Alí perto hai unha zona cunhas dez casas tapiadas e abandoadas que dan para unha novela de misterio ou apocalíptica. Parei a facer fotos e preguntei a un paisano que me aclarou o misterio. Resulta que o terreo foi mercado pola "  Sona " Franca para ampliar o solo industrial. Pero con isto da crise aí quedou todo como aldea fantasma. Agora só falta que alguén faga unha película aí.

Labels:

Wednesday, 20 January 2016

Preparándose para o futuro


Os tempos mudan e o que antigamente  era traballo duro e manual agora é máis sinxelo e con maquinaria.
Tamén antes tiñamos menos materiais para estudarmos pero agora cambiou o asunto. Leo ten que aprender os nomes dos planetas en inglés e cal está máis lonxe ou máis frío. Tamén ten que escribir un texto en galego e facer un resumo oral diante da clase e, por se fora pouco, tamén ten que aprender as comunidades autónomas de España. Menos mal que aquí tivo axuda das novas tecnoloxías e aprendeuno xogando.
Como ten que ser !

Labels: ,

Sunday, 17 January 2016

Snoopy, Tumblr e frases feitas


 
Onte estreamos para xantar un local que non nos chistou muito. Tiñamos encargado tortilla, pizza e churrasco para as dúas e tardaron de máis. A pizza estaba mui boa pero a tortilla e o churrasco estaban mui salgados. En fin.
Despóis tocou sesión de cinema con Carlitos e Snoopy que non estivo mal anque non entendía a parte cando voaba Snoopy coa súa caseta contra o Barón Vermello, pero bueno, haberá que ler o cómic nesta ligazón interesante con cómics a diario.
 


Á noite estiven a navegar pola interrede e descubrín no Tumblr fotos curiosas como estas galegas fotografadas por Alan Lomax ou estes pintores- acróbatas na ponte de Brooklyn de Eugene de Salignac.
Tamén descubrín expresións galegas que se suman ás que aprendín no traballo estes días como:
- Hai máis mareas ca mariñeiros ( quere dicir que xa haberá ocasión de facer algo ).
- A ver se non vai o burro á feira ( a ver se hai sorte ).
- Queres irlle ao carro ( queres ter relacións sexuais co esa persoa ).
E así ímola virando.

Labels: , , ,

Thursday, 14 January 2016

Contas


Leo require axuda para facer os seus deberes e os seus pais estamos aí para botarlle unha man pero hai casos coma os da foto que non nos aclaramos nin facendo contas e máis contas. E iso que está en español que seica axuda máis ca o galego para falar de números.
Se ti sabes a resposta non dubides en comunicala.
E, falando de contas, andan por aí tratando de sumar os blogos vivos do blogomillo ( ao que non pertenzo ) e din que hai 72 anque admiten que a listaxe está aberta e son máis e animan a falar e toar.
Eu estiven entrando nas ligazóns esas e atopei varios interesantes ( para min, é claro ) que vou ligar.

Labels:

Wednesday, 13 January 2016

Narración fotográfica

 
Mentres Xela estaba ocupada peguei unha volta por Vilaguindastre adiante. Fotografei a publicidade dunha pizza " gallega " con chourizo, lacón e grelos que non sei como saberá pero seguro que lle gusta a alguén en Mallorca, polo menos.


Vilaguindastre ten muitos negocios pechados pola crise e muitos baixos están en aluguer ou venda. As portas, muros e ventás deles son lugares ideais para poñer anuncios ou facer pintadas e así aparecen algúns exemplos como o do obradoiro de fotografía no que queren ensinar a narrar con fotos; como fago eu muitas veces. Non está nada mal o texto e se o amplías podes lelo.


Un escrito que mirei por varios edificios fai unha queixa bastante lóxica sobre as deposicións dos cans.


O que me deixou descolocado foi o " Colectivo Amijos do Vello S. L. " cun vello debuxado que di cousas raras e vai Á Lamosa ( se amplías a foto está na esquina inferior esquerda ).

E iso deu unha hora da tarde que chuviscaba mui pouco.

Labels: ,

Sunday, 10 January 2016

Dúas xenas


Vai rematando o ano chinés da  " xena " que non é outra cousa que " cabra " dita dunha forma tan pouco coñecida que ata algún blogueiro se queixa da súa perda.
Eu oína hai anos na boca do bisavó Ricardo e non a volvín escuitar no galego coloquial.
O que si escuitei foi no choio a un compañeiro falando dun home cunhas " xenas noxentas " referíndose a uns cabelos longos e graxentos. Esta acepción de xena si que non a atopei en ningún sitio así que será aínda menos coñecida ca outra de " cabra ".
Iso si, na interrede muito falan doutra xena pero esta con maiúscula.

Labels:

Saturday, 9 January 2016

E pasaron os Reis

 
 
Por estes lares portáranse ben que houbo para todos, incluidos os de Arbo. Foron xoguetes e libros e para min houbo carteira ( vacía, mecachis !...), mariconeira e un " niki " dos que me gustan a min.
Os nenos quedaron bastante conformes e Naideleo tamén quedou contenta.

Tamén aprendín estes días a lenda dos trubincos, eses trasnos que entran pola cheminea a Noiteboa e que encerellan todo.

 
E seguiu chovendo e a auga busca por onde ir e na foto converte ao muiño nun ser acuático e xa non digamos os aparellos de ximnasia do fondo !.
Xa parará !.

Labels: , ,

Monday, 4 January 2016

Rotondas rotandolescas


Tanto tempo indo a traballar polo mesmo camiño e haberá un mes ou cousa así que aínda descubrín unha rotonda.
Desde a estrada tiña esta imaxe por detrás da figura que espertaba a curiosidade.
Pero fun mirala polo outro lado e a desilusión que levei foi ben grande.
Vaia rotonda rotandolesca !. Semella política !.

Labels:

Saturday, 2 January 2016

Dous primeiros días



Pois o ano empezou coas uvas e a foguetada dos veciños na Cardalama e no Barriño.

 
O primeiro día foi un día longo de chuvia con televisión, leria e bingo.
Hoxe xa fixo millor tempo e puidemos xantar na pizzería e pasar unha tarde de música con muitos músicos infantís en galego como Magín Blanco, Xabier Díaz, Uxía Senlle, Gloria Mosquera Roel, Paco Nogueiras e Xoán Curiel, un autor que descoñecía totalmente pero que o señor Google se encargou de presentarmo.

Labels: