leoeosseus

Monday, 30 May 2016

Viaxes de maio


Este maio que remata foi demasiado mollado e con poucas opcións de viaxar. Non queda outra que ollar outras viaxes como as do concurso de fotografía de viaxe de Vilaguindastre. Non sei o criterio para escoller a foto gañadora pero facer unha foto dos pés dun monxe budista non entra para min dentro das opcións gañadoras como si foi na realidade. Eu prefería muitas máis fotos e esta vale de exemplo. Aquí miro tres viaxes. A do fotógrafo que capta esta imaxe nunha cidade lusa, a do titiriteiro que vai daquí a acolá e a viaxe do neno abraiado coa actuación: a viaxe de coñecer a vida e as súas marabillas.
A ver que viaxes nos trae xuño !.

Labels:

Saturday, 28 May 2016

Tenda ecolóxica


Nestes tempos a xente arrisca para poder vivir dun negocio e abren aquí e acolá novos comercios de roupa, perruquería ou tendas de tecnoloxía. En Vilaguindastre abriu as portas unha tenda de productos naturais e ecolóxicos e animeime a entrar. De momento só merquei cervexa e hai que ver o sabor que teñen as cervexas artesanais !.
Agardo que vaia ben con esta aventura.
E, falando de novidades, o Lidl reformou o seu interior e aparece o idioma galego por todas partes.
É o que digo eu, o xefe le este blogo e aprendeu do tirón de orellas que lle dei.

Labels: ,

Wednesday, 25 May 2016

Quincuaxésimo noveno mes ( e mais un día )


A xoubiña tira para adiante. Levaba unha boa tempada comendo ben pero estas últimas semanas foron malas para ela con febres e toses e volveu adelgazar. Segue sendo activa e tanto xoga cunha cousa coma con outra. Ata xoga máis con Leo e todo. Gústalle pedir que lle merquen de todo e tamén quere ir a casa de compañeiros da clase. Segue a durmir connosco e máis estando pachuchiña e segue co cueiro de noite anque hai muitas noites que non o molla. Ten mal espertar e sempre hai que andar a correr para que vaia ao cole a tempo.
E xa queda pouco para os cinco anos !.

Labels:

Saturday, 21 May 2016

Cans e festival das Letras




Estes días hai cans abondo por Vilaguindastre adiante porque estamos en pleno festival de Cans, a decimoterceira edición xa. O que pasa é que o nome desa parroquia non ten nada que ver cos cans de mamíferos ladradores senón coas canles que levan auga aos muiños e que foron dar no nome de Cans.
E mentres está o festival de Cans Leo e Xela e os compañeiros do cole tiñan unha actuación con motivo do día das letras galegas. Leo e os seus compañeiros recitaron " Galicia " de Manuel María e Xela tiña que cantar o " Pirimpimpín " anque quedou na casa que tivo febre e tos.
E maio avanza.

Labels: , , ,

Tuesday, 17 May 2016

DLG 2016


Vai o vello morrendo e segue aprendendo e o outro día descubrín que a expresión " pedir papas " é galega. Eu usábaa de pequeno cando alguén tiña que responder a unha pregunta e non sabía a resposta. Eu ( e todos ) diciamos: " Pides papas ?  " para preguntar se se rendía e lle diciamos a resposta. Nós aínda usamos a expresión agora cando empeza un móbil a pitar que non ten batería e dicimos que está pedindo papas. Xa se sabe: tempos novos, novas respostas.

Tamén o outro día escuitou por primeira vez a avoaE a frase: " Un home é un home, un ghato é un micho e unha muller un carrapicho "; unha frase un chisco machista que se di cando unha muller non é quen de facer algo por falla de forza. Miña nai non sabía que era un carrapicho e pensaba que era algún animal feo. Tiven que explicarlle que era un chicho ou unha coleta do pelo. Miña nai é de Lugo e por alí non se estila esta frase, seica.

E mentres o galego vai así de capa caída o inglés prospera por todas partes e así nun albergue novo de Vilaguindastre aparece un cartaz cun " Touch the ring " que non sei como farán os angloparlantes para decatarse do que quere dicir.
Eu supoño que os do albergue queren dicir: " Toque o timbre " pero realmente pon " Toca o anel ".
En fin, a ignorancia é mui atrevida.

Labels:

Monday, 16 May 2016

Malestares, libros e cancións

 
 
 
No choio tiven un percance coa pistola cravadora e furei o dedo de raspallón; pero nada grave.
Como se non chegase de desgraza, Naideleo e Xela están con febres e toses.
Pero como non todo ha de ser malo foi e tocoume un lote de libros no sorteo da feira do libro de Vilaguindastre.
E houbo festival de canción de Eurovisión e gañou Ucraína cunha canción falando de expatriados á forza. A min gustábame a canción italiana cun despregue audiovisual fermoso que é un recurso que non aproveita ben España nin outros países.
En fin, a vida segue cos seus bos e non tan bos momentos.
 
 

Labels: ,

Friday, 13 May 2016

Algo se move


Neste maio tan atípico con estas chuvias van e montan en Vilaguindastre a primeira feira do libro que é ben pequena pero por algo se empeza, digo eu.
No centro cultural penduraron o típico cartaz das Letras Galegas; este ano adicado a Manuel María.


No Eroski este ano non andan mui involucrados co Día e hai pouca bolsa de compra adicada a esta data.
Polo menos a vindeira semana virá o XIII Festival de Cans.

Labels:

Saturday, 7 May 2016

Rembrandt e Zootrópole


No choio iniciamos unha andaina nova da man dos holandeses e temos que millorar en limpeza e orde e así empezaremos co Proxecto Rembrandt. Tivemos unha reunión e a asistencia foi total que viu xente que está de vacacións, de baixa e dos tres turnos. Nin para comer se xuntou tanta xente !.

E hoxe fumos ao cinema mirar Zootrópole, unha película que me gustou pola trama de principio a fin e as imaxes da cidade tan futurista e cunha imaxinación desbordante.
Na foto está a coelliña Judith que consegue o seu soño de ser policía e a raposa Nick que é un estafador espilido. As circunstancias obríganos a traballar xuntos e lograr resolver o misterio dos animais que se volven salvaxes.

Labels: , ,

Thursday, 5 May 2016

Cachos


Non só foi falla de inspiración senón que fun chocando unha gripe que rematou levándome para cama toda a fin de semana. Tiven dor de cabeza que non paraba con nada, tremores e subidóns de febre que me facían suar na cama. Deliriei co choio e pasábanlle mil desgrazas aos meus fillos. No día da nai non mirei nin nai nin sogra e a dos meus fillos mireina pouco tempo. Pero todo ten un fin e o luns a media mañá erguinme, rapei as barbas que tiña de Robinson Crusoe, ducheime e vestinme para saír mercar cousas.
Fixo despois eses días de grandes calores e repoñinme e agora volve baixar a temperatura e xa estou ao cen por cen.
Ata me apetece ir á festa dos cachos que é a forma vilaguindastreira de chamar ás centolas.
Por certo, un dos bares participantes é o " Cólleo con pinzas " e con ese nome tiven unha anécdota unha vez. Pasaba eu cerca dalí con Leo e viume de frente un descoñecido que me preguntou: " Mira. Sabes por aquí dun bar que se chama " Coello con pintas " ?. " Coello con pintas ?," repetín eu crendo que era unha broma de cámara oculta. " Si. " Coello con pintas " ou algo así. E entón caín da burra: Ah, queres dicir " Cólleo con pinzas " e indiqueille onde quedaba.

Labels: