A vendima está tocando á súa fin. Este ano houbo uva de máis e quen sabe o prezo que establecerá a adega para as uvas. Como sempre foi o híbado ( híbrido) o que máis rendeu pero esa uva non a quere a adega. E agora queda por vendimar o Treixadura (O Treixadura pon a barrigha dura). E agora vou dicir unhas palabras desta zona referidas á viticultura. A videira prántase apoiada a un espaller que é o poste que a levanta do chan. O acio en Arbo chámase cacho e se ten poucos baghos (uvas) é unha escada. O cacho consta dun cangallo (o esqueleto do acio) enganchado da vara polo ghapio (o rabo do acio). Os baghos teñen casca, carne e ghraíña (as pébidas do bago). Os diferentes tipos de uva distínguense pola folla, pola casca (a do híbado hai que cuspila), pola forma do cacho, pola forma do bagho (o Albariño teno redondiño e cunhas pintiñas, o Treixadura xa o ten máis ovoide e cunha soa pinta na punta); polo sabor (o Loureiro sabe a fruta e o híbado é mui dóce) e tamén a ghraíña que o Albariño tena grande e hai que cuspila.
Para vendimar vas cun corte ou tesoura e cortas o cacho polo ghapio. Comprobas que o cacho non teña uvas encorreadas (enrugadas por enfermidade), nin que o cacho estea parmado (verde a medio medrar), nin que sexa un outono (cacho totalmente verde que queda para outono ou outubro), nin que teña baghos verdes (balíns). Tampouco ten que ter pasas. Logo botas o cacho no munico (capacho ou cesto) ata enchelo e unha vez cheo o munico vai para o tractor. Cando o tractor está cheo lévase para a adega onde se pisa. Agora é unha labor mecánica onde entra o cacho por un tubo e sae o cangallo sen uvas por outro buraco. As uvas exprimidas pasan ó barril onde botarán dous ou tres días a ferver. O volume medra e hai que baixar a uva cunha ghaia (un pau con tres puntas coma pata de ave). Despóis veñen máis procesos que contarei noutra ocasión.
En canto a Leo dicir que semella gustarlle a vendima que non sae e prefire o aire da veiga e non o do hospital.
Mañá toca vendimar a Treixadura e a ver se rematamos esta semana (se Leo quere).
Un saúdo a todos.
Etiquetas: arbo, lingua, natureza